Revista Abordaxe nº 5 : Xa está nas rúas, nos centros sociais, … e poñémola a disposición de quen quixer en pdf

Dibujo Por fin saiu do prelo a nosa nova revista en papel, o nº 5 que sae con data de outono de 2015, e non é un erro, pois foi cando xa tiñamos todo enmaquetado para imprimila; pero que non viu á luz galega (escasa polas chuvas incesantes) ata hai uns días, metidas xa no inverno do 2016. De novo é gratuíta e estamos movéndoa para que chegue a cantos máis lugares posibles (se tendes unha distri e queredes distribuíla mandádenos un correo) e alén poñémola aquí e agora a disposición de quen quixer, en formato dixital (pdf), para a súa leitura e/ou descarga (e, ao igual que os anteriores números, ficará permanente na nosa coluna direita).

Queremos aproveitar para agradecer a todas nosas colabouradoras a súa participación e convidar a quen quixer, para que nos remita os seus textos para o vindeiro número 6. Aclarar que a equipa editorial da revista Abordaxe non ten porque compartir necesariamente as opinións das súas colaboradoras

Vos colamos a nosa editorial e máis o índice:

Editorial

E volvemos lanzarnos á aventura. Por quinta vez consecutiva levamos áncoras, aparellamos velas, aprovisionamos as nosas bodegas cunha boa dose de material subversivo e revolucionario e aproamos o desafío de inflamar conciencias polos mares da tinta e do papel. Atrás deixamos os nosos cómodos refuxios internáuticos, desde os que, cos pés na terra firme do soporte dixital, desempeñamos tamén o asalto de institucións, dogmas e autoridades. Pero o sabor da tinta solivianta con máis forza o noso espírito rebelde, por iso deixamos a munición grosa e o calibre pesado para as nosas aventuras sobre o papel. Internet é para a noticia, para o consumo inmediato, quizais para algún texto reflexivo que urxa ser publicado; pero gardamos para a revista as nosas mellores andanadas de furia libertaria. Non é senón na revista de formato físico onde mellor e con máis saña destripamos o cadáver ambulante desta sociedade capitalista e autoritaria, onde máis alegremente pasamos pola quilla os principios que a sustentan e onde máis nos divertimos empurrando pola táboa os seus valedores, representantes e falsos opoñentes. Así que aquí estamos de novo, dispostos a facer tambalear os cimentos da democracia desde a nosa modesta condición de bucaneiros da conciencia.

E é agora un momento indispensable para lanzar a nosa artillería antiautoritaria, posto que os longos tentáculos da rancia política institucional, co seu caduco cheiro a tanatorio e naftalina, parecen introducirse por entre as loitas sociais para reconducilas á mansa indignación da intención de voto. Parece que, nestes tempos, moitxs dxs que onte se dicían feros piratas resultaron ser simples e obedientes corsarios ao
servizo das vellas bandeiras que mellor se acomoden ás súas necesidades e opinións.

Abanderadxs do cambio que, con as súas incendiarias chamadas á orde, non fan senón apontoar a estabilidade e a pervivencia do sistema nun eterno cambiar as cousas para que todo siga igual. Renegando de calquera componenda co poder, xa sexa estatal, financeiro ou de calquera outra índole, nós reivindicámonos piratas da guerra social. Sen deus, nin amo nin bandeira combatemos calquera autoridade, sen asinar patentes de corso nin amnistías, asaltando calquera barco que detente autoridade, xa sexa galeón ou carabela. Seguimos reivindicándonos anarquistas incorruptibles nestes
tempos ambiguos e estraños nos que ata o voto preténdese tinguir de libertario.

E volvemos á rúa, o lugar que nos corresponde aos anarquistas e antiautoritarios. Nin as poltronas e despachos, nin a cómoda tranquilidade que confire o anónimo ciberespazo. As mesmas rúas nas que nos reunimos, protestamos e, cando hai sorte, eriximos barricadas, son o medio idóneo para a difusión da nosa propaganda revolucionaria. A outros lles deixamos a exclusividade do medio internáutico, desde o que pontificar en pantuflas e albornoz sobre o humano e o divino, xulgando e puntuando as miserias dos que pisamos no chan e nos
enporcamos na lama.

Pois iso, que aquí vai outra andanada da nosa subversiva crítica libertaria. Volve ser gratuíta (para vós, queridos lectores, que a nós ben que nos custa). Así que só esperamos que ao que non lle guste o que opinamos lla pase a outro ao que lle poida interesar; ou se non que lle prenda lume e que a use de mecha coa que incendiar un banco, un concello, un xulgado ou unha barricada.

Índice

Editorial 5
Novas realidades, vellos desexos 6
Postindustrialismo, Estado e loitas de liberación nacional 9
Estracto dun panfleto aínda non publicado, perto dalgunha fronteira que queremos tirar abaixo. Contra a cultura, contra a civilización 10
Fábula do Tio Manolo 11
Non somos nada 12
O exemplo de aldeia galaica 14
A Xosé Tarrío 18
Revisando o concepto de Xustiza e a súa dualidade … 24 Vazio 26
Cando o cárcere ruxe 27
As U.T.E. 28
Unha graxa na cidade 29
No espello 34
Nada 35
Magnifesto ou Manifesto Magnicida 36
A moi curta historia do novo movemento anarquista en Rusia 38

Deixar un comentario