Crónica dunha XVI Marcha a Teixeiro pasada por auga

XVI-Marcha-a-TeixeirowebO pasado sábado 9 de xaneiro manifestámonos, como todos os anos por estas mesmas datas, diante do Centro Penitenciario de Teixeiro. A que constituíu a décimo sexta “Marcha a Teixeiro”, resultou, nesta ocasión, pouco “marchosa”, pois en vistas da persistente choiva e da inclemencia do temporal que azoutaba as terras galegas, os escasos solidarios que nesta ocasión decidimos desafiar á meteoroloxía para solidarizarnos cxs represaliadxs do sistema optamos por concentrarnos directamente ás portas da prisión, desbotando o habitual paseo desde a gasolineira. Algo máis de medio centenar de valentes démonos cita nesta ocasión para mollarnos polos presos, empapados de choiva e solidariedade. Aínda que un numero un tanto exiguo en comparación con outros anos, nada desdeñable en vistas da pouco agradecida meteoroloxía.
E cantamos baixo a choiva: a pleno pulmón fixemos que as nosas consignas solidarias atravesasen os muros do silencio para chegar ata a galería de mulleres do infausto presidio. Tamén puidemos escoitar as respostas das presas, quizá máis tímidas que en ocasións anteriores. Os piñeiros plantados por institucións penitenciarias hai algúns anos precisamente para mitigar o efecto das nosas protestas, xa bastante medradiños, cumpriron perfectamente a súa función, obstaculizando a comunicación visual e, en menor medida, a auditiva. Os fachos que levaramos precisamente para sortear na medida do posible este obstáculo, a pesar de pasar os exhaustivos controis que, como todos os anos, os picoletos montaron nos accesos, foron interceptadas no último momento, xa en plena protesta, polos esbirros do poder, o que restou visibilidade a unha concentración programada para o atardecer por ese mesmo motivo. Con todo, os foguetes pirotécnicos que algunhas invisibles mans solidarias lanzaron sobre o recinto desde a espesura do bosque conseguiron achegar axs presxs o noso fraternal e cálido abrazo. Tamén conseguiron frustrar á picoletada que, molesta con semellante ousadía, rexistrou novamente os nosos xa rexistrados vehículos para quedar con tres palmos de narices.
Ao termo da protesta unha festa con cea e foliada incuida, celebrada nun okupado Centro Social da cidade de Compostela, serviu para estreitar lazos entre xs solidarixs chegados desde todas partes da xeografía galega.
E con isto e un biscoito… ata o ano que vén!

“O Temible Burlón” para Abordaxe

 

Unha resposta to “Crónica dunha XVI Marcha a Teixeiro pasada por auga”

  1. Guapa crónica!
    Abaixo os Muros das Prisións!!!!

Deixar un comentario