[Compostela] Máis sobre o xuizo pola ocupación da Yago

Deixámosvos o comunicado das imputadas de cara o xuizo do próximo mércores. Máis un comunicado en apoio do CSOA Escarnio e maldizer. 

Para saber máis sobre o caso, o blogue amigo O gajeiro na gavea publicou hoxe unha extensa entrada onde fai unha crónica dos sucesos. Para acceder a ela facer click aquí.

1321626176_0.jpg

Comunicado das imputadas

En Novembro de 2011a emblemática sala Yago de Compostela, moi ligada anos antes á cultura alternativa desta cidade, reabriu as súas portas. Durante seis días un espazo abandonado á súa sorte voltou a encherse de contidos culturais: cinema, circo, monicreques, obradoiros, teatro, asembleas, palestras… Ao longo deste curto espazo de tempo acondicionouse e limpouse un edificio que levaba anos fechado. Todo isto foi posíbel grazas ás centos de persoas que nos achegamos, colaboramos, demos concertos, proxectamos filmes, impartimos obradoiros ou que, dun ou doutro xeito, participamos eses días na construcción dun proxecto alternativo na cidade de Compostela.

Lembremos o anos 2011: desafiuzamentos, corrupción, ERE’s, desemprego, a estafa das preferentes… Ese ano era un dos do apoxeo desa estafa que eles, os que sempre saen beneficiados, deron en chamar crise. Gobernaba daquela o primeiro dos tres alcaldes do Partido Popular (o dos lingotes de ouro, o dos 700.000 euros e cuxa maior parte do seu goberno pasou polos xulgados).  Ainda lembramos aquela frase máis propia dun “sheriff” dos spaghetti western” que se proxectaban nos anos 70 no Cine Yago: “Sentirán o meu alento na súa nuca”. Gerardo Conde Roa. El foi o principal culpábel de que doce persoas nos sentemos no “banquillo” 5 anos mais tarde. Doce daYago, rememorando outro dos filmes que se proxectou tamén aquí (“12 do patíbulo”).

O mércores 23 de Novembro de 2011, sobre as 10:00 da mañá, a policía Nacional irrumpe sen nengún esforzo na Sala. A porta estaba aberta! As forzas de seguridade esa mañá tiveron que facer exactamente o mesmo esforzo que os centos de persoas que eses días pasaron por alí. Repetimos: a porta estaba aberta. Tras catro horas de rexistro desproporcionado e “minucioso” levaron detidas ás once persoas que nese momento estaban dentro. As que alí estábamos nunca poderemos esquecer aos centos de persoas que, mentres nos tiñan retidas dentro, se concentraron ás portas amosando a súa solidariedade con nós e o seu rexeitamento a tanta desproporción e abuso.

Preguntarédesvos porque somos once as detidas e doce no patíbulo. Pasados uns días máis unha persoa é imputada tras identificar unha pegada parcial dentro da sala. Que curioso, non? Por que esa pegada valía máis que as doutros centos de persoas que por alí pasaron? Isto é algo que ainda nos preguntamos a día de hoxe.

Desde o ano 2011 a sala segue abandonada. Compostela ao longo destes anos viviu acontecimentos semellantes mais con desenlaces diferentes aos deste caso. A mesma Sala Yago foi reaberta no ano 2014 e desaloxada sen consecuencias penais nen mediáticas. Daquela gobernaba Ángel Currás, o segundo dos tres alcaldes do PP. Que curioso! Currás seguro que tiña cousas mais importantes das que preocuparse. Anos antes, no 2011, fomos usados polos medios afíns a Conde Roa co obxectivo de criminalizar aos movimentos sociais de Compostela, con bastante efervescencia naqueles anos.

Así as cousas e visto que esta Sala sigue abandonada, que o suposto plan de reabilitación do que se falaba daquela ou demora demasiado ou era mentira, que o espectáculo mediático foi desproporcionado e de que centos de persoas entramos e saimos da Yago eses días… DE QUE SOMOS CULPÁBEIS?

De nada.

Polo tanto pedimos a absolución das Doce da Yago.

Gustaríanos voltar ver o cine Yago aberto para a cultura.

Nengún espazo cultural mais fechado!

Aqui estamos nós porque detrás estavades vós

Comunicado em apoio ás Doce da Yago do CSOA Escarnio e maldizer.

Aqui estamos nós porque detrás estavades vós.
Na primeira noite, eles aproxímam-se
E recolhem umha flor do nosso jardim
E nom dizimos nada.
A segunda noite, já nom se agocham
Pisam as flores, matam o nosso cam
E nom dizimos nada.
Até que um dia, o mais frágil deles
Entra sozinho na nossa casa, rouba-nos a lua, e
conhecendo os nossos medos,
arrinca-nos a voz das nossas gorjas
E porque nom dizimos nada
Já nom podemos dizer nada.
Mayakovski

E perguntarám os realistas, que se conseguiu coa ocupaçom da Yago? Que batalha foi ganhada? Pero é impossível responder a perguntas que seguem a lógica da produtividade. A ocupaçom da sala Yago nom se pode medir pola suma de resultados práticos já que nunca se tratou disso. Trata-se de certa consciência que se agudiza com atos e com palavras, das ideias que atopam lugar onde expresar-se , da solidariedade e a cumplicidade que se vam forjando.

Aqui estamos nós porque detrás estavades vós. Porque figestes ver que há outras formas de pensar o lezer e a cultura, de organizar a vida fora das lógicas do mercado, de plantar cara e fazer ver o conflito entre quem queremos umha vida em comum e relacionar-nos mediante redes de apoio entre iguais e aqueles que defendem a propriedade privada, independentemente do uso que se faga dela, e a supremacia de uns sobre os outros.

As que tecem redes, as que recuperam casas para quem sofre desafiuzamentos, as que ocupam para criar fogares e espaços de encontro, as que luitam. Solidariedade para todas elas.

Solidariedade coas Doce da Yago.

Dez, cem, mil centros sociais!

CSOA Escarnio e maldizer.

Unha resposta to “[Compostela] Máis sobre o xuizo pola ocupación da Yago”

  1. […] Deste vez solidarizámonos coas 12 da Yago. Pra quen queira coñecer o proceso que están a vivir as compañeiras, deixamos aquí toda a información das compas de Abordaxe: https://abordaxe.wordpress.com/2016/10/03/compostela-mais-sobre-o-xuizo-pola-ocupacion-da-yago/ […]

Deixar un comentario