O mar, un cemiterio. A terra, un cárcere. O horror detrás das políticas europeas anti-inmigración

Colamos (e traducimos) esta analise das compas do “Todo por Hacer”:

d63frntO mes de abril foi particularmente tráxico no Mar Mediterráneo. Centenares de mortos uníronse ao constante e anónimo goteo de vítimas mortais reclamadas pola fronteira e as políticas que a regulan. Por unha vez a magnitude da perda de vidas resultou en certo debate público nos países europeos. “Algo se estará a facer mal” foi o tenor da prensa bempensante, cando detrás do horror vivido cotiamente no Mediterráneo se esconde unha maquinaría pensada, deseñada e posta a punto precisamente para un fin moi concreto: a defensa da fortaleza europea contra unha migración declarada “ilegal”. Custe o que custe.

Moito hai escrito xa sobre o rol que desempeña Frontex, a “axencia europea para a xestión da cooperación operativa nas fronteiras exteriores da Unión Europea”, como principal mecanismo de control dos fluxos migratorios que nos últimos 20 anos produciu decenas de miles de vítimas mortais. Trátase dun organismo que conta con medios militares non para rescatar a emigrantes e refuxiados senón para blindar unha das fronteiras máis brutais, tanto en termos de desigualdade coma de perda de vida humana. Pero paga a pena resaltar tamén como os Estados europeos -especialmente do centro e norte de Europa- se dotaron dunha armazón legal que expulsa a totalidade da problemática migratoria ás fronteiras externas da Unión sobre as cales recae a “presión” migratoria (e a presión por controlala). Así, dende 1995 co Tratado de Schengen e especialmente dende o Tratado de Dublin de 1997 as peticións de concesión de asilo político (basicamente o único xeito de conseguir legalizar a estanza nun país como Alemaña se non se conta con pasaporte europeo nin contrato de traballo) non serán examinadas polo país ao que se dirixe a petición (poñamos Alemaña), senón o primeiro país europeo pisado polo/a refuxiado/a (léase, os países da fronteira sur e este da Unión Europea). Na práctica esta normativa encerra os emigrantes no primeiro país europeo cuxa fronteira cruzaron, permitíndose mesmo a deportación intraeuropea de países do centro/norte á periferia. Así, se ben a guerra en Siria[1] ten consecuencias directas, principalmente a través da figura do/da refuxiado/a, para os países europeos, a propia situación xeográfica leva a que esas “consecuencias” queden, literalmente, atrapadas en Grecia, Italia, Malta ou España. Aínda que o seu desexo sexa buscarse unha nova vida en Inglaterra, Holanda ou Alemaña.

Chegados a este punto é interesante tamén resaltar o proceso de creación desta normativa que non é outra cousa que un calco dunha lei anti-inmigración alemá, denominada “Normativa do Terceiro País”. En Alemaña a principios dos anos 1990 houbo case 400.000 peticións de asilo político anuais, das cales só unha parte mínima eran concedidas. Aínda así o discurso público maioritario construía unha imaxe extremadamente negativa do colectivo inmigrante e clamaba por leis máis restictivas, esgrimindo argumentos principalmente de seguridade e económicos tipo “aquí non cabemos máis” ou “Alemaña non pode converterse na oficina de Seguridade Social do mundo enteiro”. En 1993 o Parlamento alemán actuou denegando a posibilidade de asilo político a calquera persoa que busque refuxio en Alemaña pero que entrase en territorio alemán a través de terceiros países nos que non exista, a ollos do parlamento alemán, persecución política (os denominados “países seguros”). Resulta obvio que a normativa europea simplemente substituíu a figura do “país seguro” polo “país europeo”, sendo o resultado para un país como Alemaña exactamente este: externalizar o “problema”.

Para dar un pouco máis de contexto é importante sinalar tamén que os principios dos anos 1990 e o debate público sobre a inmigración estivo en boa medida dominada por discursos xenófobos e abertamente racistas de minorías moi activas de neonazis, que a través da prensa e os partidos políticos se reformulou cinicamente nun problema de orde público. No triste recordo daqueles anos quedan os covardes e asasinos asaltos contra centros de refuxiados en Hoyerswerda (1991) e Rostock-Lichtenhagen (1992) ou os incendios de vivendas de inmigrantes perpetrados en Mölln (1992) e Solingen (1993). Así, tras o asalto ao centro de Lichtenhagen, que ante a pasividade total da policía durou 3 días e estivo a punto de custar a vida a decenas de persoas, o entón chanceler Helmut Kohl daba un particular visión do acontecido:

“A situación é dramatica. Se non actuamos agora corremos o perigo de que unha gran parte da poboación perda a confianza no noso estado democrático (…). A xente espera de nós que actuemos e tomemos medidas que evitan a explotación do noso sistema de asilo politico”. Deste xeito os incendios causados por neonazis acaban lexitimando unha “revision” das leis de inmigración que desemboca meses máis tarde nunha abolición do dereito ao asilo politico e, máis adiante, nunha normativa europea que salvagarda o sistema alemán.

Damos agora un salto no tempo e situámonos en Tröglitz, unha vila de 2800 habitantes na region de Saxonia, ao leste de Alemaña. Para maio de 2015 estaba previsto inaugurar un centro de acollida para 40 refuxiados/as politicos/as (provenientes principalmente de Siria), proxecto que xerou un rexeitamento en partes da poboación que explotou o partido neonazi NPD. Dende xaneiro este partido veu organizando manifestacións semanais na vila. Cando ían manifestarse diante da casa particular do alcalde independente da vila, este deixou o seu cargo ante a pasividade que viña observando por parte da policía e ante o pouco respaldo dos seus veciños e das súas veciñas. Markus Nierth, o alcalde, acusoulles de terse convertido en “maioría enmudecida”. O seu caso provocou a indignación en moitas partes do país, que se preguntaba como era possible que grupos neonazis eran capaces de dominar o discurso público en bisbarras enteiras (sobre todo) do leste alemán. Pero o caso non quedou ahí,y na noite do 3 ao 4 de abril foi incendiado o edificio destinado a acoller aos/as refuxiados/as en Tröglitz, evocando eventos supostamente esquecidos e borrados da memoria colectiva. O caso de Tröglitz inmediatamente foi acusado de excepcional. Unha vila da provincia, na cal dende a caída do muro se perderon máis de 4500 postos de traballo, que nunca conseguiu nin vai conseguir reinventarse. Pero non se trata dun caso único. Para chegar a incendiar vivendas primeiro hai que difundir climas e discursos que non son creacións puramente locais. A region de Saxonia, cunha taxa de poboación estranxeira situada en pouco máis dun 2%, leva meses vendo como crece un movemento islamófobo/xenófobo denominado “PEGIDA” (“Patriotas Europeos contra a Islamización de Occidente”). O discurso deste tipo de movementos ou de partidos como o NPD (a miúdo trátase dos mesmos actores), chegou ao centro da sociedade, sendo adaptado por partidos maioritarios e convertido en lexislación europea.

________________________

[1] También hai que resaltar o cinismo de diferenciar refuxiados/as políticos/as de inmigrantes económicos. Toda causa que leva a unha persoa a abandonar a súa casa para buscarse a vida é política. Se alguén emigra por falta de perspectivas, porque o mercado global destruíu o futuro da súa rexión, como non se trata dun asunto de política?

Deixar un comentario