[Australia] De revoltas xuvenís en centros de menores e menores que soñaron con queimar as súas escolas

Tiramos e traducimos do blogue do compa de La Rebelión de las Palabras este texto de seu sobre a escola coma institución represiva e de alienación e adoutrinamento do individuo, unha reflexión xordida a raíz dunha serie de motíns en centros de menores de Australia e de ataques vandálicos contra centros escolares acontecidos ao longo dos últimos meses en distintos lugares de Australia.

Traducido ao galego por Disnomia para Abordaxe!

“Mutiláchedes anacos de min,
incrustáchedesme anacos de vos,
castigándome por rir
e por falar cos outros”

“Pais, profesores, psicólogos e educadores… asasinos
Pais, profesores, psicólogos e educadores… policías
Cargástedesvos a espontaneidade dun neno, a creatividade, a raiba e o agarimo,
impoñéndonos aceptar valores que nos daban noxo,
humillándonos por pensar que contabamos para algo…”

  • Producto Interior Bruto – Mutilasteis

Nos últimos meses (desde novembro ata comezos de xaneiro), o blogue anarquista Dissacords (que realiza un excelente labor informativo sobre todo acontecemento ou instancia de loita que teña lugar en Oceanía e no Sueste Asiático) estivo a difundir unha serie de novas sobre distintos motíns que estiveran tendo lugar en centros de menores de Australia, e que durante este tempo tiveron certa continuidade, nun pulso máis ou menos constante coas autoridades que respostaron con castigos e medidas represivas cada vez máis severas. Desde escuadróns antidisturbios entrando e esmagando ás amotinadas con porras e gases ata o traslado de varias menores do centro de Parkville (Melbourne) a unha prisión para adultos, ao non surtir efecto os castigos anteriores polos sucesivos motíns nese centro de menores, foi a resposta dunhas autoridades sen dúbida ofendidas e asustadas por ver a un puñado de menores de idade (eternos silenciados sempre á sombra do adultocentrismo hexemónico nun sistema que nos rouba a inocencia e criminaliza a infancia e a mocidade) disputándolles o seu monopolio da violencia, pelexándose cos seus gardas e vandalizando e esnaquizando as instalacións que lles encerran. Para ver as novas (en inglés), pódese facer click a continuación:

– Revolta no Centro de Xustiza Xuvenil de Parkville (Melbourne)
– Continúan os incidentes. Disturbios na prisión xuvenil de Perth (o décimo motín en menos de 2 meses e medio).
– Disturbios outra vez na prisión xuvenil de Parkville (Melbourne)
– 7 menores da prisión xuvenil de Parkville en Melbourne transferidos a unha prisión de adultos como represalia por outro motín máis a noite do 9 de xaneiro.

Ao mesmo tempo, nalgunhas escolas e centros de ensino de Australia tiveron lugar tamén actos de vandalismo e desfeitas. Unha escola ardía en Perth (a policía afirmou que busca a unha serie de mozos acusados de provocar o incendio) e outra era esnaquizada en Wulagi, dando como resultado a detención de 7 rapaces acusados de causar os danos.

Se ben estes incidentes poderían ser avaliados desde unha perspectiva “madura” e “sensata” como meros actos de rebeldía xuvenil e vandalismo inconsciente sen ningunha intención ou potencial de subverter ou cambiar nada, o certo é que, desde o meu punto de vista, sí trazan unha liña paralela, común, que convida á reflexión.

Respecto dos centros de menores, a crítica é máis obvia. Toda institución penal ou carcelaria é unha institución para combater, cuestionar, subverter e demoler, pois son a alfombra baixo a que o sistema varre as consecuencias visibles das súas numerosas contradicións e abusos, é dicir, a todas aquelas persoas que poñen en evidencia que a desigualdade xera delitos e condutas violentas, e que a paz social é só un engano para manter intacto o statu-quo e dar aparencia de consenso ás regras dunha sociedade que vive sometida aos valores e ditados da clase que rexe e benefíciase do capitalismo e o Estado.

Gustaríame, con todo, e dada a relación xeográfica e temática entre os incidentes, centrarme no ocorrido nas dúas escolas en Perth e Wulagi.

Os centros escolares no sistema capitalista sempre foron relacionados coas institucións penais en innumerables ensaios teóricos que van desde o libro Entre cuadernos y barrotes: La educación desde el punto de vista de sus víctimas” de Carlos Mayhua ata os libros do gran Pedro García Olivo como “El irresponsable”, “El enigma de la docilidad” ou “El educador mercenario”, desde a Internacional Situacionista e aquel texto titulado “Sobre la miseria de la vida estudantil” asinado por Mustafa Khayati ata aquela emotiva carta escrita á súa nai e pai por unha adolescente grega anónima explicando as súas razóns para participar nos disturbios e mobilizacións que seguiron ao asasinato policial do mozo Alexis Grigoropoulos en decembro de 2008, e isto por non mencionar numerosos textos escritos desde proxectos valiosos de educación e pedagoxía libertaria ou desde o propio ámbito profesional disidente, como sen ir máis lonxe o libro “Cachorros de Nadie: Descripción psicológica de la infancia explotada” de Enrique Martínez Reguera.

Por que? Ben, creo que abonda con botar unha ollada rápida ao modo en que se organizan e estruturan esas institucións para ver o por que, as comparacións serán odiosas pero todo parecido coa realidade carcelaria non será casualidade. Cal é a diferenza entre permanecer obrigatoriamente nunha clase durante a metade do teu día escoitando a respectables hipócritas que a maioría das veces só che contan o relato oficial, a súa falsa bioloxía especista e patriarcal, a súa historia de vencedores, a súa ética de pouca sonada, sen apenas crear espazo algún para a intervención e participación espontánea do alumnado, e facelo nunha cela? Cal é a diferenza entre conceder unha hora de patio con valos e muros a un neno e concederlla a un preso, se ningún dos dous pode escoller marcharse? Cal é a diferenza entre aplicar medidas disciplinarias e severos castigos a un neno que desobedece ao seu profesor, non realiza a tarefa ou se salta as normas de calquer xeito, e enviar a un preso a illamento? Non quero poñer ao mesmo nivel a experiencia dun neno que vai á escola coa dunha persoa que está privada de liberdade en calquera talego, porque iso ademais de descontextualizar sería cometer unha estupidez. Só trato de poñer de relevo os paralelismos, que non son poucos.

Lembro que, cando eu era un neno, no colexio onde estudei secundaria había un profesor que tiña por costume illar a todo alumno que considerase problemático para o correcto desenvolvemento das clases. Así o expresaba el mesmo, e ameazaba literalmente con “illar” ante calquera desafío. O illamento consistía en sacar ao alumno conflictivo da aula onde causaba problemas (ou onde era obxecto e vítima dos devanditos problemas, en moitos casos non manexados nin creados por esa persoa) e trasladalo a outra aula baleira onde se lle impoñían unha serie de tarefas extra a resolver. Logo, pechábase a porta con chave e deixábaselle aí durante unha ou dúas horas realizando no seu caderno os exercicios ordenados, ata que comezaba a seguinte clase e entón era devolto á aula. Se nese tempo non estaba feita a tarefa, o seguinte paso era privalo do patio para seguir traballando. Se unha vez de volta na aula o comportamento persistía, chamada aos adultes ao cargo e máis castigos tanto na escola como unha vez de volta en casa. Que diferenza metodolóxica ou paradigmática existe entre esta atrocidade e a de enviar a unha persoa presa a unha cela de illamento por, por exemplo, negarse a entrar na súa cela, escoller facer xaxún en apoio a outros compañeiros presos ou a mobilizacións do exterior, insultar a un funcionario ou non cumprir as normas? Ningunha. Bo, si, a idade da persoa que sofre o castigo. E é aquí onde convén deterse. Son as escolas algo máis que cárceres para nenos?

Considerando isto, non resulta desatinado nin custa entender por que moitos nenos soñan no seu interior ou soñaron algunha vez con queimar a súa escola, tirar os pupitres pola xanela, foderlle o coche a ese profesor que lles fai a vida imposible e declarar como unha poesía unha vida sen escolas. Tal vez trátese, por suposto, de actos illados de vandalismo, ou da simple sede de protagonismo dun puñado de adolescentes, pode ser, pero creo que deberiamos mirar un pouco máis aló e que as escolas deixen de ser vistas como supostos templos do saber, e empecen a ser vistas como o que son, ferramentas de adocenamento e adestramento de futuros escravos da sociedade capitalista, patriarcal, antropocentrista, cidadá, neo-colonial e videovixilada na que vivimos, campos de exterminio para os soños de onde todo individuo debe saír perfectamente formado, preparado e educado, perfectamente resignado, mareas de servos obedentes e delatores satisfeitos que esquecesen o seu propio eu e circulen en silencio polas rúas das cidades exactamente igual que circulaban polos corredores do instituto, sen correr, sen pensar, sen pararse demasiado tempo a falar nin agruparse en cuadrillas demasiado grandes, sempre con tensións e cunha voz que lles mete présa, traballando e consumindo os suplementos dunha vida arrincada a golpe de cadernos e castigos antes sequera de poder comprender o significado e o valor da rebeldía, a intuición, a espontaneidade ou a curiosidade que moven aos nenos.

Porque todas as escolas son centros de menores!
Abaixo os muros de todas as prisións!
Forza para a rapazada amotinada nos centros de menores de Melbourne, Perth e alén.

Deixar un comentario