4F: Algo cheira a podre en Barcelona x Revista Argelaga

Hoxe que temos en Compostela, no Pichel, a posibilidade de visionar este documental con un dos seus realizadores, Xabier Artigas, grazas ò Cineclube (tal como anunciamos onte acá mesmo); recibimos este texto dos compas editores da Revista Argelaga, revista llibertària contra el desenvolupament, que eles mesmos califican como: “unha declaración de Argelaga que se impoñía” e que nós traducimos e damos pulo:

4f
O 17 de xaneiro de 2015 a televisión catalá emitiu, censurada e cun ano de atraso, a película documental “Ciutat Morta”, que malia aparecer nunha canle secundaria, gozou de numerosa audiencia. A “cidadanía” deixou de mirar para outro lado un instante e puido constatar o calvario padecido por cinco mozos inocentes en mans de matóns corruptos e de tribunais arbitrarios. A montaxe do 4F non foi o único que revelou a conivencia entre políticos cómplices, policías torturadores e xuíces prevaricadores. Recórdese o 9F, o caso Raval, o do ollo de Esther Quintana, o da morte do actor Alfonso Bayard, o do cidadán romanés Lucian Paduranu, o das malleiras dos tres mozos de Graza ou a recente Operación Pandora, por só mencionar os máis ruidosos. Tampouco é o único onde a policía actuou violentamente con total impunidade, manipulou atestados e mentiu nos xuízos; sábese que ademais esta se viu premiada con indultos, ascensos e recompensas por esa clase de servizos.

Algo cheira a podre en Barcelona, pero que ninguén se escandalice por iso máis da conta. O verdadeiramente escandaloso non son as denuncias falsas, as vexacións gratuítas inflixidas aos detidos ou a saña criminal dos “protocolos de actuación” dos verdugos uniformados; moito menos, a complicidade e o encubrimento dos políticos, as coaccións ás testemuñas, a desestimación de probas e os procesos xudiciais sen garantías. O indignante é que todo este universo kafkiano forma parte da normalidade cidadá. A día de hoxe, tal tipo de condutas é normal, está lexitimado, posto que para os responsables de tanto atropelo é a única forma de garantir con eficacia o mantemento da orde establecida a escala municipal.

As revoltas acontecen cando os gobernantes perden toda credibilidade e a súa autoridade non inspira respecto aos que gobernan. É así de sinxelo. En tal situación, aínda que a xente obedeza por costume, o “Sistema” sábese fráxil; non lle abonda con dispoñer dun corpo político e xudicial sen fisuras para esmagar o menor indicio de vida independente, senón que necesita un espazo público domesticado onde o estraperlo ambulante, a festa autónoma (que non era precisamente o caso da “Anarco Peña Cultural”), a deriva opaca e sobre todo a liberdade pública -ese gusto por falar, discutir, respirar e actuar- non poidan nin sequera asomar. Os dirixentes conciben os súbditos díscolos como ameaza, ou sexa, como un “inimigo” capaz de coarse por calquera abertura. A natureza do devandito inimigo resulta doada de elucidar con só mirar as vítimas do celo policial: indixentes, inmigrantes, mozos “de estética ocupa”, manifestantes, membros de piquetes de folga, e, en xeral, calquera que se cruce no camiño dos mercenarios da orde “cívica”.

Esas figuras do inimigo público relevaron as do “desafecto”, “ateo”, “comunista” ou “anarquista”, mediante as cales a pasada ditadura de Franco exorcizaba os seus opoñentes e xustificaba unha represión implacable. O réxime partitocrático nacido da reconversión pactada da ditadura non modificou un ápice a relación hostil entre gobernante e gobernada; tampouco derrogou a lexislación punitiva anterior, nin purgou os seus aparatos policial e xudicial. A “perigosidade social”, que caracterizaba o “inimigo”, encarnouse á súa vez no “terrorista”, o “traficante”, o “delincuente habitual” e, finalmente, no “antisistema”, lexitimando así unha involución legal que suprimía dereitos e permitía o acoso policial en nome dos “valores democráticos” e a “seguridade cidadá”. De modo semellante, a ditadura fixérao en nome da “paz”, a “relixión” e a “orde pública”. A partitocracia non desenvolvera institucións capaces de integrar a protesta social, nin conseguira que os colectivos disidentes se deixasen instrumentalizar ou corromper, polo que a cuestión social -a condición humana baixo un capitalismo en constante reestruturación- se ía considerando dende a perspectiva dirixente como unha cuestión de orde.

Como pasa sempre, os abusos policiais precederon á lei, indicándolle o camiño. E con enorme facilidade, a partitocracia baleirou a carcasa liberal constitucionalista para reproducir condicións político-sociais típicas dos réximes autoritarios. Ten demasiados puntos vulnerables, por iso hase de protexer contra un inimigo multirreincidente, que o mesmo xorde en forma de desafiuzado, que en forma de enfermo de hepatite C. Realmente a violencia policial indiscriminada é o primeiro paso dunha guerra contra a poboación súbdita, á que a conflitividade converte en “sospeitosa”. E como en toda guerra, a forza é empregada para aniquilar ao contrario, non para persuadilo do inapropiado do seu proceder. Aí o Sistema ten sempre razón: as vítimas inocentes son culpables de terse encontrado no lugar equivocado, no momento equivocado.

Paradigma dos novos fundamentos represivos da sociedade capitalista son as aglomeracións urbanas modernas, que hoxe conforman un modo de vida obediente aos imperativos da economía e da política. Nelas non existe espazo público que poida funcionar como ágora; o dominio da decisión queda recluído en corredores e despachos, fóra dos cales “os fortes se comportan como queren e os débiles sofren como deben” (Tucídides). Unha elite constituída por políticos, promotores culturais, banqueiros, construtores, hoteleiros e especuladores, administra as conurbacións coma se fosen empresas, impulsando procesos de “esponxamento”, xentrificación e museificación. O obxectivo non é outro que convertelas en espazos explotables a semellanza das grandes superficies comerciais e os parques temáticos. A devandita transformación require non soamente desprazamentos importantes da veciñanza con escasos recursos, senón o control total da rúa e a expulsión por todos os medios daqueles recalcitrantes, cuxa presenza resulta molesta ao novo usuario desta, a saber, o artista deseñador, o comprador ou o turista.

Nese contexto de reordenación urbanística, a garda urbana desempeña un papel hixiénico semellante ao da policía armada do franquismo: ha de limpar os lugares de poboación indesexable, pobre e fora de control, aplicando sen trabas garantistas as políticas de tolerancia cero que se desprende das ordenanzas municipais restritivas. Deste modo, un fenómeno máis ben de alcance menor como o dos mendigos, ocupas festeiros e emigrantes indocumentados, por producirse onde non debe, se converte nun problema urbano de primeira magnitude. Iso explicaría de xeito abondo a existencia de corpos de dubidosa legalidade como a unidade UPAS da Garda Urbana de Barcelona -composta por dous centenares de sicarios especializados tanto na cazaría de vagabundos e mozos con pintas rechamantes, coma na disolución violenta de concentracións e actos festivos irregulares. En consecuencia, tamén resultaría obvia a protección incondicional que gozan aqueles por parte dos alcaldes e concelleiros, así como a comprensión benevolente de xuíces e fiscais, cousa que lles outorga carta branca para a comisión de toda clase de atropelos.

Esa mestura de matonismo policial, conivencia procesual e confabulación política, non é outra cousa que o “sistema”, que dende Catalunya se promove como “modelo Barcelona”, marca pioneira no seu xénero, cuxo rigor espertou a admiración das elites urbanas peninsulares. Ao orixinal xurdíronlle imitadores, pero Barcelona segue sendo a capital europea da intolerancia e os malos tratos, algo do que sen dúbida os seus políticos, os seus maxistrados e os seus esbirros se sentirán orgullosos.

A montaxe do 4F non foi unha anécdota, senón un dato máis no haber do “Sistema”. Por iso o intento de revisión que propón “Ciutat Morta”, apoiándose na explotación mediático-sentimental do sufrimento das vítimas e na existencia dun “verdadeiro” culpable, parécenos errado. O culpable é de todos coñecido de sobra: é o mesmo “Sistema”. Este é o torturador, o montaxista, o prevaricador. Pedirlle a este unha retractación, unha compensación moral, ou mesmo unha depuración das súas institucións, soamente servirá para calmar a mala conciencia cidadá do espectador, horrorizado ante as prácticas cotiás coas que os gardiáns do statu quo garanten a estabilidade do seu modo de vida submiso. Entrar no xogo dos medios de comunicación pedindo xustiza e verdade a quen é por natureza inxusto e falsario unicamente beneficia ao Sistema, que con só botar man dunhas cantas cabezas de turco quedará solidamente lexitimado ante os seus acólitos e electores. Non é ese o camiño. A quen queira atopalo, só se realmente se lle quere encontrar, abondaralle con mirar cara a todo o que a montaxe quixo suprimir.

Revista Argelaga, 27 de xaneiro de 2015

2 Respostas a “4F: Algo cheira a podre en Barcelona x Revista Argelaga”

  1. […] interesante texto, que se ven a sumar a anteriores comunicados dos que xa dimos conta en Abordaxe: “4F – Algo cheira a podre en Barcelona” x Revista Argelaga e “Comunicado de Juan Pintos, detido/encarcerado/condenado pola montaxe do 4F”; além […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: