Piratería e liberdade nos séculos XVII-XVIII: A República de Libertatia

Info-Gamer-Libertatia-01

Unha das máis famosas historias de piratas é Libertatia, tamén coñecida como Libertalia ou “República dos mares”. Pouco se sabe sobre este interesante episodio da historia. Moitos historiadores poñen en dúbida mesmo a súa existencia, argumentando que foi unha invención de Daniel Defoe (escritor de Robinson Crusoe) para criticar a autoridade e os estándares morais da súa época[1]. De todas maneiras, real ou imaxinaria, Libertatia foi un auténtico exemplo de democrácia directa un século antes da revolución francesa.

O que se pode pescudar a través dos relatos, é que este enclave atopábase en Madagascar, en concreto ao norte da illa. Tamén sabemos que foi fundado polo capitán Misson e a súa tripulación[2] para poñer en práctica as súas utópicas ideas nos últimos anos do século XVII e primeiros do XVIII e que durou unhas 3 décadas mais ou menos. Misson era francés, de Provenza. Durante a súa estancia en Roma, perdeu a fe, desgustado pola decadéncia da corte papal. Neste tempo coñeceu a Caraccioli (un impúdico cura) que durante as viaxes introduciu gradualmente a Misson e gran parte da tripulación do Victoire (buque de guerra) nas súas ideas ateas e protocomunistas: “…tratou sobre o goberno, demostrou que cada persoa nace libre, que a gran diferéncia entre unhas persoas e outras é que unhas nadan na luxuria e outras na máis punzante necesidade e isto debíase só á avaricia nuns, e, a vasalaxe pusilánime noutros.” Embarcándose nunha carreira de piratería, as 200 persoas da tripulación do Victoire escolleron a Misson como capitán. Colectivizaron a riqueza do barco, decidindo que todo debía poñerse en común. As decisións deixábanse “en mans de toda a Compañía”. Así partiron en busca de terras sen autoridade e dunha nova vida de liberdade.

Libertatia

localización probable de Libertatia no norte de Madagascar

image (2)

Cemiterio pirata relacionado con Libertatia, na Île Ste-Marie, nordés de Madagascar

Na súa ruta pola costa occidental de África cruzáronse cun barco holandés cargado de escravos. Os escravos foron liberados e levados ao Victoire. A eles díxolles Misson: “O comercio de humanos, nunca será agradáble aos ollos da xustiza divina. Ningunha persoa ten poder sobre a liberdade doutra.” En cada etapa engadían á súa tripulación novos piratas, en gran parte franceses, ingleses, holandeses ou africanos. Cando navegaban pola costa de Madagascar, atoparon unha baía perfecta na zona con terras fértiles, auga fresca e nativos amigables. A illa de Madagascar aínda non fora reclamada polas potencias imperialistas da época. Nestas terras os piratas construíron Libertatia, renunciaron á súa condición de ingleses, franceses ou holandeses e déronse o nome de Liberi. Crearon a súa propia língua, unha mestura políglota de distintas línguas europeas, africanas e malgache nativo. Ao pouco de comezar os traballos de construción de Libertatia, o Victoire atopouse co pirata Thomas Tew[3] (pirata norteamericano que asaltaba barcos no mar vermello) que decidiu acompañalos ata a comunidade. As ideas de formar unha colonia libre non eran novas para Tew que perdería parte da súa tripulación nun intento de establecer unha colonia na costa oeste de Madagascar[4].

image (1)

Unha ilustración do corsario convertido a pirata Thomas Tew, relatando as súas aventuras ao gobernador Fletcher de Nova Iork.

Os Liberi (ou “Inimigos da escravitude”), buscaban aumentar o seu número liberando buques de escravos. Na costa de Angola a tripulación de Tew capturou un barco con 240 persoas encerradas nas adegas. Os membros africanos da tripulación recoñeceron a bastantes familiares e amigos entre os escravizados, ceibándoos das súas cadeas e regalándolles unha nova vida de liberdade. Os piratas asentáronse para converterse en granxeiros e labregos, xestionando as terras de forma comunal. Os botíns e riquezas gañados no mar eran postos no “tesouro común”, o diñeiro non tiña valor alí onde todas as cousas estaban en común. Libertatia foi creada para perdurar. Alí todas as persoas eran iguais, non había escravos, nin violéncia innecesária, nin avaricia, nin opresión polo poder ou a relixión. Misson morreu durante a defensa desa comunidade. Pero a maioría das utopías piratas só foron creadas de forma temporal, as verdadeiras “repúblicas” eran os seus barcos.

NOTAS:
[1]– No libro Pirates: Terror on the High Sexas from the Caribbean to the South China Sea, Suxírese que Libertatia foi un mito.
[2]– Tamén se suxire que Misson foi unha personaxe inventada, pero que Libertatia realmente existiu. Ver Raiders and rebels:The golden age of piracy.,de Frank sherry.
[3]– Thomas Tew existiu realmente.
[4]– As colonias piratas de funcionamento horizontal deberon ser algo común na época, moitos dos veteranos que habitaron en Madagascar e que leron o libro Historia Xeral dos Piratas (1724) non o poñen en dúbida, xa que dicían ter vivido en lugares parecidos a Libertatia.

Texto tirado da revista A Voz Sen Amo (nº1 verán de 2006), voceiro da extinta Federación Anarquista Galega.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: