Sentencia do supremo confirma o que xa sabíamos: os teléfonos móbiles poden actuar como micrófonos de ambiente
Nada novo baixo o sol, o que os activistas viñamos repetindo desde hai anos, antes de encontros e reunións, queda agora confirmado por unha sentenza do tribunal supremo: os teléfonos móbiles pinchados poden actuar como micrófonos ambiente e gravar conversacións sen necesidade de descolgar unha chamada.
Unha noticia recollida por un medio comercial, o diario.es (noticia -Aquí), pon de manifesto o que en ámbitos disidentes xa sabiamos desde hai tempo: que a policía grava conversacións cos móbiles sen que os estén usando.
O tribunal supremo, nun caso relativo ao tráfico de drogas en Pontevedra, abala a lexitimidade como proba dunhas gravacións realizadas mentres o teléfono do suxeito investigado soaba e antes de que este descolgase a chamada. Aínda que argumentan que só son lexitimas as gravacións no momento en que se produce unha chamada e desde que o teléfono empeza a soar (aínda que non se descolgue), queda de manifesto a capacidade técnica para activar o micrófono de forma remota e á total conveniencia da policía. Se esas gravacións poden ser usadas ou non como proba está por ver (salvo desde o momento en que soa o primeiro ton, cousa validada agora polo supremo no xuízo en cuestión), pero o feito de que poden perfectamente usar o teu móbil como micrófono para escoitarche no día a día é agora incuestionable.
Ao parecer a tecnoloxía que permite estas gravacións está en marcha desde o 2004, ano en que entrou en funcionamento SITEL, o moderno sistema utilizado por policía e garda civil para monitorizar as nosas comunicacións e gravar chamadas, mensaxes de texto e correos electrónicos.
Independentemente de que poidan ou non utilizar as gravacións nun xuízo como proba, que non nos caiba a menor dúbida de que se poden escoitarnos en todo momento grazas aos nosos teléfonos farano cando lles sexa conveniente, sexa ou non conforme a dereito. Se poden utilizar as gravacións de forma xudicial farano, e se non lles servirán como pistas para orientar as súas seguintes investigacións.
Así que xa sabedes, chavalotxs, xa non hai escusas de conspiranoias nin excesos paranoicos, á hora de falar de temas sensibles ou comprometidos os teléfonos canto máis lonxe mellor.
E benvidos a 1984!!!
Jack Esparrago para Abordaxe!
Deixar unha resposta