[París]: Nota de ECOAR))).- Mobilizacións e protestas globais polo clima durante e fronte ao cumio do COP21

Colamos correo recebido de ECOAR))) con o seu Comunicado asinado en 29 de novembro:
12187647_622976131175962_1259680759838807572_n
“Un conservacionista de verdade é unha persoa que sabe que non herdamos o mundo dos nosos pais, senón que o temos prestado dos nosos fillos.” – John James Audubon

Francia prepárase para acoller o Cumio das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP21) do 30 de novembro ao 11 de decembro de 2015. Neste marco, entre o 29 de novembro e o 12 de decembro, centos de organizacións da sociedade civil mobilizaranse en París en busca de novas solucións.

As liñas propostas polas estruturas estatais, transnacionais e demais organismos que participarán nas negociacións do COP21, non supoñen máis que un lavado de cara. Por esta cuestión cidadáns e cidadás de todos os recunchos do planeta reunirémonos en París e mobilizarémonos para amosar as solucións e alternativas reais ao problema climático e todos os que deste se derivan (ecolóxicos, sociais e económicos).

Nos últimos 100 anos, a temperatura media da superficie da Terra aumentou en 0,74°C. En Europa este aumento é do 0,95ºC e incluso, nalgunhas rexións do mundo, como pode ser o caso de Galiza, a temperatura chega a aumentar ata os 1,5ºC dende a década dos 70 do século pasado.

De seguir esta tendencia, a temperatura media mundial podería subir entre 3.7 e 4.8°C por enriba dos niveis preindustriais para o ano 2100. Isto repercutiría directamente en sectores clave como a agricultura ou a pesca que en países como Sudáfrica podería supoñer a perda para o ano 2030 de máis do 30% da súa colleita principal (o millo), o que afectaría gravemente á soberanía alimentaria da súa poboación, posto que o 70% do millo cultivado é para consumo humano.

O aumento de temperaturas antes mencionado ten outras consecuencia devastadoras. Segundo a ONU prevese un aumento do nivel do mar de ata 1 m para 2100, se as capas de xeo seguen a derreterse.

Isto implicará unha unha perda inxente de biodiversidade, o que se traducirá na desaparición de milleiros de especies que non sobrevivirán ao cambio climático (calcúlase que entre o 20% e o 30% das especies existentes estarán durante ese período en perigo de extinción). Entre 2003 e 2013 o número medio anual de desastres causados por todo tipo de ameazas naturais, incluídos os eventos relacionados co clima, case se duplicou comparándoo cos da década de 1980.

Dende o famoso Protocolo de Kioto, no que os estados firmantes se comprometían a reducir un 8% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro para 2012, vimos como se incumprían de xeito recorrente os acordos marcados, ao tempo que o mercadeo das cotas de emisión convertíase na dinámica central entre países e mesmo se producían saídas ao longo do proceso (como foi o caso, por exemplo, de Canadá).

Posto que as medidas de lavado de cara seguen a ser a liña principal para as negociacións do COP21, a sociedade civil decidiu facer fronte a esta situación conformando para a ocasión diferentes espazos, plataformas e coordinadoras como a Coalición Clima 21.

O 28 e 29 de novembro a cidadanía mobilizouse en máis de 2.000 localidades de todo o mundo na Marcha Mundial polo Clima. A partir do día 30 e ata que rematen as negociacións (12 Decembro) as mobilizacións trasládanse ao corazón da capital francesa para amosar a disconformidade coas políticas climáticas (e as derivadas) polas que hoxe se rexe o mundo, así como para amosar as alternativas ao modelo actual. Os días 5 e 6 de decembro, terá lugar o Cumio dos Pobos polo Clima en Montreuil, un espazo de debate sobre as alternativas, análises e solucións sobre a catástrofe climática. Do 7 ao 11 de decembro, nun establecemento cultural aberto á cidadanía situado no barrio popular do norte de París o CENTQUATRE, organizarase unha “Zona de Acción polo Clima” durante a última semana da COP21. Durante todo o cumio terán lugar tamén os Climate Games. E o 12 de Decembro, a última palabra non se dará nos despachos, darase nas rúas, cunha acción de desobediencia civil na que se marcarán as Liñas Vermellas, para resolver o problema climático.

Así pois dende ECOAR))) facemos un chamamento a persoas e organizacións da sociedade civil a mobilizarse polo clima tanto en París como en calquera recuncho do planeta a través de accións descentralizadas; tanto a través de espazos coordinados como a Coalición Clima 21 ou os Climate Games, como realizando accións e eventos autoorganizados ou coorganizados fóra destes marcos. Debemos marchar polo clima berrando ben alto a nosa oposición a este sistema que non serve; tecendo pontes entre as diferentes organizacións e persoas; e entendendo as diferentes sensibilidades e reivindicacións como un todo que permite que outro mundo é posíbel e necesario.

“Se non facemos nada, ninguén o fará no noso lugar”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: