[USA] You’ve been Trumped

Recollemos (traducido) este artigo das compas do Todo por Hacer sobre o millonario Donald J. Trump, quen aspira a ser o próximo presidente USA:

trump-300x152“México non nos manda aos seus mellores. Mándanos drogas, criminais e violadores. E, supoño, que de cando en vez a algunha boa persoa”. Estas provocadoras palabras foron espetadas polo millonario Donald J. Trump o 16 de xuño, cando anunciou a súa candidatura ás eleccións primarias republicanas, con intención de converterse no próximo presidente de EUA. Despois, recordounos algo que todo o mundo sabe del, “son moi moi rico” e a continuación comezou a enumerar distintos edificios (incluíndo hoteis, rañaceos e avións) que posúe mentres soaba “Rocking in the Free World” de Neil Young de fondo (o cal, por certo, ofendeu profundamente a Young).

Donald Trump, neoyorkino de 69 anos, conta cunha fortuna de 4.100 millóns de dólares e personifica á perfección a imaxe das quenllas dos negocios que vemos nas pelis. Ten ata o moreno de raios ultravioleta e os enxertos de pelo tinguidos de louro propio dun mafiosete de Las Vegas. Fillo dun empresario inmobiliario de Nova York, conseguiu a empresa familiar nos anos sesenta, nos setenta empezou a construír a marca Trump e nos oitenta xa era unha coñecida icona do típico executivo ególatra e sen escrúpulos. Todo o que toca leva o seu nome: Trump Tower, os edificios Trump Parc, Trump Palace e Trump Plaza, Trump World Tower e Trump Park Avenue, etc.

Trump, que se declarou en creba en catro ocasións entre 1991 e 2009, recoñece abertamente que utiliza as leis de bancarrota como unha ferramenta de negocios: con elas reestrutura as súas débedas e segue crecendo. E actualmente é a 405º fortuna do mundo, segundo Forbes.

O documental You’ve been Trumped (2011) é un exemplo perfecto da falta de escrúpulos que ten este personaxe á hora de xerar e expandir a súa riqueza. A película, dirixida por Anthony Baxter, arranca con Trump anunciando que pretende construír na praia de Balmedie, Aberdeenshire (Escocia) un resort de golf de luxo. “Vai ser o campo de golf máis bonito do mundo”, declarou. Isto inmediatamente xerou unha reacción negativa entre a poboación local, xa que supoñería un importante cambio no seu estilo de vida tranquilo e rural, un terrible impacto ambiental sobre a praia, desviación de auga potable para regar o campo, espantaría ás aves autóctonas, etc. Veciñas/vos e activistas xuntáronse para intentar parar as obras, organizando manifestacións ataviados de roupas tradicionais escocesas e gaitas, realizando pintadas, gravando abusos de todo tipo, etc. Non obstante o goberno local apoiaba o proxecto (polos postos de traballo que se xerarían) e a súa policía e seguridade privada freaban calquera intento de resistencia (a frase máis repetida do documental probablemente sexa “apaga a cámara”, proferida por incontables seguratas). Era a personificación da loita entre ricos (elegantemente vestidos, con acentos norteamericanos e ingleses, protexidos pola policía e a seguridade privada e cos focos das cámaras postos neles/as) e pobres (ataviados/as con roupas de traballar o campo, acentos escoceses hermeticamente pechados, protestando dende a distancia mentres os axentes lles impiden o paso).

Trump aparece en persoa varias veces no filme, nunha ocasión para declarar que un dos/as veciños/as que protestaban “vive como un porco” e noutra para aclarar que está concienciado coa preservación da natureza, mentres os bulldozers destruían as dunas da praia, cualificadas por ambientólogos/as como unha paisaxe “única no mundo”.

Se queredes saber como rematou o conflito, teredes que buscar a película.

Os actuais inimigos de Trump xa non son uns/unhas poblerinos/as escoceses, senón a totalidade da comunidade latina en EUA, que se uniu en bloque contra el. Os seus negocios están a sufrir un pouco debido á gran cantidade de patrocinadores que fuxiron en escorrentada, pero a carreira de Donald Trump defínese pola súa adicción á publicidade e esta rebelión latina estalle encumbrando. O día que Trump anunciou a súa candidatura, as enquisas situábano na novena opción dos 12 candidatos que había nese momento. Hoxe é o segundo en preferencia, por detrás de Jeb Bush, irmán e fillo dos Bush que xa coñecemos.

De todas/os os/as candidatos/as republicanos, só o exgobernador de Texas, Rick Perry, atreveuse a dicir que as súas opinións “non representan ao Partido Republicano”. É curioso que este homófobo (en 2002 intentou aprobar unha lei anti-sodomía en Texas e en 2008 comparou a homosexualidade co alcoholismo: hai que absterse), favorable á pena de morte (executáronse 278 persoas baixo o seu mandato) e a ensinar o creacionismo nas escolas públicas pareza o candidato máis moderado do seu partido xunto con nada máis e nada menos que Bush.

A á máis lingoreteiro do partido vén encabezada por Trump e por Mike Huckabee, outro homófobo meapilas antiabortista. Ambos os dous aprenderon que canto máis escandalosas sexan as súas intervencións públicas, máis tempo váiselles dedicar nos medios de comunicación; e a mala prensa non existe, toda publicidade é boa. Así, por exemplo, cando a Huckabee se lle preguntou en febreiro deste ano pola súa opinión sobre o dereito de transexuais a usar baños e vestiarios do sexo co que se identifican, contestou “ogallá alguén teríame dito no instituto que podía sentirme como unha muller cada vez que tocaba ducharse despois de educación física. Seguro que tería encontrado o meu lado feminino e lle tería dito ao meu adestrador que hoxe me ía duchar coas rapazas”. Por favor, afórrenos as súas fantasías sobre todos os delitos sexuais que tería cometido de adolescente.

Veremos que acontece nuns meses, cando comecen as primarias. Trump, pola súa banda, anunciou que el soíño deseñou un plan mestre para derrotar ao Estado Islámico (a pesar de non ter ningunha formación, nin experiencia, no ámbito militar), pero que non llo revelará a ninguén salvo se gaña as eleccións. Quen sabe se esta estratexia lle funcionará.

trump-2 A segunda parte do documental You’ve been Trumped (2011) é A Dangerous Game (2014), tamén dirixida por Anthony Baxter. Esta nova película non se centra exclusivamente na figura de Trump, senón que tamén pon o seu foco de atención sobre outros/as promotores/as e construtores/as repartidos/as polo mundo. O director viaxa polo globo e visita resorts de luxo (hoteis, pistas de golf, restaurantes, etc.) que privatizan paraxes naturais sen igual para deixalos en mans de millonarios/as. Choca especialmente un hotel/spa de luxo en Dubrovnik, Croacia, que utiliza miles de litros de auga ao día, deixando seco todo o espazo que o rodea. “Algúns dos sitios máis bonitos do planeta estanse a converter en parques de recreo para os/as super-ricos/as”, di Baxter.

Deixar un comentario