[Rojava, Kurdistán] Solidariedade contra o horror da guerra e contra o embargo turco

recogidaKurdos Recollemos a noticia desta Campaña Solidaria do Comité de Solidariedade con Rojava e o Pobo Kurdo, da web do “Todo por Hacer”; e que se ben se viña facendo en Madrid é totalmente extrapolable:

A finais de xaneiro chéganos a noticia da liberación de Kobanê, onde tras máis de catro meses de conflito, se logrou, á fin, a expulsión das forzas de Estado Islámico neste cantón de Rojava.

Aínda así a guerra segue sacudindo a rexión, e Rojava e o pobo kurdo séguena sufrindo cada día, non só polas balas, senón polo embargo económico e político imposto por Turquía, que mantén a fronteira pechada, impedindo o tránsito de refuxiados/ás e feridos/ás e a recepción de material de apoio e axuda humanitaria.

Dende o Comité de Solidariedade con Rojava e o Pobo Kurdo, púxose en marcha unha campaña de recollida de axuda humanitaria que leva varios meses desenvolvéndose en Madrid, onde non son poucos os colectivos e individualidades que participaron, conseguindo varios centos de quilos de alimentos.

Neste momento non sabemos se algún destes puntos segue funcionando pero si vos animamos a que calquera os poña en marcha e contacte despois co Comité para entregalos. Dende alí encargaranse de facelo chegar a Media Lua Bermella de Kurdistán.

Os produtos que necesitan son: alimentos non perecedoiros e conservas, leite en po, roupa de abrigo e mantas, zapatos e calcetíns (tanto de nenos/ás coma de maiores), cueiros, tendas de campaña, medicamentos (analxésicos, antipiréticos, antibióticos, ansiolíticos, etc.) e material sanitario (vendas, gasas, anestésicos, desinfectantes, etc.).

E o contacto co comité é comitesolidaridadrojava@gmail.com

Que a campaña continúe!

Deixar un comentario