Un poema adicado ao CSOA Escárnio e Maldizer

Unha das moitas pintadas en solidariedade co Escárnio aparecidas en Pontevedra na noite do 9 de xuño.
Publica o infame Disnomia para Abordaxe!
Unha rapaza escribiu e publicou nos seus perfís en redes sociais este poema de seu que dedica ao CSOA Escárnio e Maldizer tras o desaloxo. Eu non vos teño redes sociais, danme arrepíos e noxo os ritmos e dinámicas que impoñen e ese sucedáneo de comunicación frívolo e mecánico que producen, pero ás veces recoñezo que atópanse cousas interesantes e que pagan a pena. Por iso, aínda que xa van dúas semanas tras o desaloxo e pasaron moitas cousas, despois de recibilo por parte doutra compañeira que mo enviou polo correo electrónico para que botase unha ollada, velaquí vos vai, coa introducción que publicou xunto co poema.
Nin xente sen casa nin casas sen xente.
…
É moi tarde pero non podo durmir porque estou triste. Estou triste porque fecharon un centro social okupado onde facíamos actividades tan extremistas como talleres de boxeo ou charlas sobre música. Estou triste porque os xornais din que as okupas eran violentas e a xente das manis di que a policía bateu contra nenos, porque hai un vídeo que no que agarran contra o chan a unha persoa inconsciente, porque hai un detido. Porque nas noticias non grabaron da porta para dentro para que non vírades as cores das paredes e o limpo que estaba todo, e as cortinas que facían de portas porque non había diñeiro pero si ilusión. Onte tampouco durmín polo mesmo motivo, e escribín un poema.
Para que non entremos
tapian portas e fiestras,
sen ver que se non entramos
tampouco entra a luz.
Non queren vivir esa casa,
non se vive nas casas tapiadas,
só queren que non entremos,
sen ver que tampouco entra a luz.
Sen ver que unha casa sen luz,
como unha casa sen xente,
é unha casa sen vida.
Sen ver que unha persoa sen casa,
como unha persoa sen vida,
é unha persoa sen luz.
Enchen as rúas de xente,
xente desafiuzada, xente sen teito,
xente con ideas no maxín,
ideas no maxin para unha casa,
ideas no maxin para a xente.
Enchen as rúas de ideas infecundas,
e de fiestras tapiadas
que agochan un útero.
Pero co tempo fanse fendas
e polas fendas entra a luz;
e non saben que se entra a luz
tamén entra a xente.
Xuño 17, 2017 ás 6:29 pm
[…] Origen: Un poema adicado ao CSOA Escárnio e Maldizer […]