Crónica de dúas xornadas de loita tralo desaloxo do CSOA Escárnio e Maldizer en Compostela
O 30 de maio, ás 8:00h da mañá un feixe de policías cortaban a rúa Algalia de riba para desaloxar o CSOA Escárnio e Maldizer, un espazo okupado, autónomo e antiautoritario de referencia para os movementos anticapitalistas da Galiza e de sobra recoñecido pola viciñanza da cidade pola súa labor social e política nunha vila deseñada e explotada por e para o turismo. No transcurso destes acontecementos, medio cento de persoas xuntábanse nunha concentración espontánea perto do edificio que neses momentos estaba sendo tapiado. Esta concentración sufriu dúas cargas e a retención de dúas persoas por parte da policía, resultando mancadas varias compañeiras. A mobilización espontánea rematou arredor das 13:00h do mediodía. Tras esa resposta inmediata, as compañeiras do Escárnio e Maldizer convocaban unha outra mobilización para as 20:00h na praza 8 de marzo, que en menos de 20 minutos reuniu arredor de 600 persoas solidarias que partiron cara a zona vella entre sons de petardos, bengalas e consignas como “10, 100, 1000 centros sociais!” ou “Un desaloxo, outra okupación!”.
Apenas percorridos 300 metros e rodeadas dun potente dispositivo policial (case medio cento de antidisturbios distribuídos en distintos puntos), concretamente na altura da praza de Cervantes e cando a mobilización estaba entrando na rúa do Preguntoiro, unha forte carga policial dividiu a manifestación en dous grupos. No trancurso da carga varias persoas resultaron feridas e unha delas detida e acusada de “atentado e altercados”. Trala carga, a manifestación dividiuse en distintos grupos de centenares de persoas que fixeron fronte á policía, extendendóse os disturbios e enfrontamentos por distintas rúas do casco vello durante polo menos unha hora.
Ao día seguinte, 31 de maio, un cento de persoas percorreu o centro histórico ata a comisaría de polícía, reclamando a liberdade do detido e denunciando a brutalidade policial. Toda a xente solidaria desprazouse despois ata os xulgados para realizar unha concentración na porta. Esa mesma tarde convocouse unha manifestación ás 21:00h na praza de Galiza, e desta vez, superando a convocatoria do día anterior, case un milleiro de persoas mobilizábanse polas rúas compostelanas amosando que nin a forte campaña de intoxicación informativa, nin a violencia policial conseguiron illar á viciñanza de Compostela, máis ben todo o contrario.
Acompañamos a crónica co vídeo realizado por Galiza Contrainfo da manifestación do día 30 pola tarde, unha vez máis queda claro o que alí pasou e como minten e manipulan descaradamente medios como RTVG, La Voz de Galicia, El Correo Gallego ou Ondacero. Ata o momento, estes son os feitos dos que temos coñecemento. Seguiremos informando.
Individualidades Contrainformativas para Abordaxe!
Deixar unha resposta