“Posesións e transo: Invocando aos espíritos para a revolución” por Layla Martínez

edeline-st-armand-1413261802957

Texto escrito por Layla Martínez para o nº 5 da revista “Agente Provocador”, publicada por La Felguera Editores, e traducido ao galego por Disnomia para a súa difusión nesta nosa bitácora pirata.

O día en que Chantul atopouse raro. Posesións colectivas e loitas laborais.

Chantul empezou a sentir algo estraño unha hora despois de empezar a súa xornada laboral. As emanacións tóxicas das tinguiduras facían que se marease con frecuencia, pero aquela vez era distinto. Podía escoitar un murmurio no interior da súa cabeza, un rumoreo constante que falaba nunha lingua descoñecida. Chantul non era capaz de descifrar as palabras, pero aquel son resultáballe familiar. Lembráballe ás cancións que se escoitaban nos pozos os días de tormenta, ao castañear de dentes dos defuntos durante as incineracións. O son continuou estendéndose polo seu corpo, cavando pozos no interior dos seus pulmóns e o seu estómago. Uns minutos despois, Chantul perdeu a conciencia e entrou en transo. Xunto a el, outros douscentos cincuenta traballadores da Anful Garments Factory, unha fábrica téxtil situada ao sur de Cambodia, tamén foron posuídos por espíritos que se fixeron co control dos seus corpos. A hospitalización dos afectados fixo que a liña de produción tivese que deterse.

Con todo, os espíritos non abandonaran aínda as instalacións da fábrica. Dous días máis tarde, un traballador empezou a vociferar ordes nun idioma semellante ao chinés. O espírito que tomara o seu corpo esixiu ofrendas e o sacrificio ritual dunha galiña. Os donos da fábrica negáronse a satisfacer as súas demandas, o que provocou un novo transo colectivo que supuxo unha nova parada da produción. Esta non se renovou ata que os donos da fábrica levaron a cabo unha cerimonia ritual na que ofreceron grandes cantidades de comida, cigarros e Coca-Cola ao espírito canalizado.

Os propietarios da Anful Garments Factory conseguiran aplacar a ira dos espíritos, pero aquela non era a primeira vez que ocuparan os corpos dos traballadores da industria téxtil. Un par de anos antes, en 2010, os salarios no sector apenas alcanzaban os sesenta e un dólares ao mes. Sesenta e un dólares a cambio de xornadas interminables, de durmir sobre colchóns de palla nos barracóns que preparaban os donos, de alimentarse cun único prato de arroz ao día. Fartos da explotación e a miseria, os traballadores da industria téxtil decidiron convocar unha folga. Máis de douscentos mil traballadores saíron á rúa e o paro tivo o maior seguimento da historia do país. Con todo, tres días despois do seu inicio, a violencia policial e as ameazas dos líderes sindicais obrigaron aos traballadores para volver aos seus postos. Despois veu a vinganza. Centos de despedimentos, empeoramento das condicións, fame e miseria.

Entón apareceron os espíritos. As primeiras posesións e estados de transo masivos producíronse a principios do 2011, só unhas semanas despois da convocatoria da folga. Ninguén sabe quen os chamou. Quizá escoitaron as oracións fronte aos pequenos altares, quizá sentiron atraídos polo sangue derramado nalgún sacrificio, quizá viron o tremor da raiba e o estremecemento da dor. Ninguén sabe quen os chamou pero todos souberon quen eran, todos pronunciaron o seu nome mentres as noticias das posesións corrían de fábrica en fábrica. Aqueles espíritos eran os Neak Tak, os deuses locais da terra. Aínda que a maior parte da poboación é budista, os cambodianos seguen honrando aos Neak Tak, continúan deixándolles pequenas ofrendas nas árbores, as rochas e os ríos. Ninguén sabe quen os chamou pero tampouco importa: os Neak Tak acudiron.

Uns meses despois do comezo das posesións, o salario dos traballadores téxtiles elevouse dos sesenta e un aos oitenta dólares. Nun segundo aumento acadou os cen. O Goberno deixara claro a súa intención de reprimir as protestas colectivas e as loitas laborais, pero víase incapaz de controlar as posesións masivas. Os transos aparecían de forma inesperada, paralizando a produción durante días e esixindo a satisfacción de demandas relacionadas xeralmente coas condicións de vida dos traballadores. Ás veces os Neak Tak producían mesmo ataques violentos contra os responsables da explotación. Pouco despois da posesión de Chandul, unha traballadora da Canadian Industrial Park entrara en transo e ordenado ás súas compañeiras que deixasen de traballar. Despois asaltara ao representante do sindicato amarelo, golpeándolle cos puños e cubríndolle de insultos. Cando espertou do transo non lembraba o que sucedera, pero si que aquel día atopouse mal e a encargada negouse a deixala irse a casa. Uns días despois, un espírito sanador revelou á traballadora a causa da posesión. Segundo ela mesma contou a unha xornalista de The Cambodia Daily, o Neak Tak enfurecérase porque unha figueira que fora o seu fogar durante séculos fora talada para a construción da fábrica sen ningún tipo de ritual, permiso ou ofrenda durante a súa edificación.

Conscientes da axuda que os espíritos prestaran aos traballadores da industria téxtil, os Neak Tak foron convocados tamén nas manifestacións contra o desenvolvemento urbanístico salvaxe na provincia de Phnom Penh, que expulsara das súas terras e deixara sen vivenda a centos de persoas. Nas protestas escoitábanse as maldicións tradizoais dos Neak Tak, arroxábase sal e sacrificábanse galiñas diante dos edificios oficiais do Estado. Os espíritos non tardaron en acudir. No medio dunha manifestación de veciños nun barrio pobre de Phnom Penh, tomaron o corpo dunha muller. En estado de transo, a muller atacou a un funcionario local que estaba a tratar de disolver a protesta, obrigándolle a fuxir. Aínda no corpo da muller, o Neak Tak explicou as razóns da súa ira: “Estiven protexendo esta zona durante moito tempo e estou moi enojado porque a empresa demoleu a miña casa. Estou moi, moi furioso”. Segundo explicaron os veciños á xornalista que cubriu os feitos, durante as obras o propietario dos terreos talara unha figueira que era o fogar do espírito.

Os medios de comunicación apresuráronse a construír unha explicación que non incluíse aos Neak Tak. Decenas de expertos encheron horas e horas de debates televisivos falando da inhalación de gases tóxicos, das alucinacións produto do cansazo, dos déficits na alimentación. Esquecían, con todo, que aqueles sucesos non eran feitos illados, que non eran excepcións puntuais nun contexto concreto. Dentro da industria xa sucederan antes: na década dos setenta, a antropóloga Aihwa Ong documentara un brote de posesións colectivas entre mulleres malasias que traballaban nas fábricas de electrónica xaponesas. Posuídas por un espírito chamado Datuk, as traballadoras berraban e atacaban aos seus supervisores con frecuencia. Fóra das fábricas, os espíritos participaran tamén en numerosas revoltas e insurreccións. Só era necesario invocalos da forma axeitada.

O día en que Cécile sacrificou un porco negro. Vudú na independencia de Haití.

O ceo está despexado, pero a noite é escura en Bosque Caimán. A luz da lúa non consegue atravesar a vexetación no interior da plantación. Mellor así. Cécile Fatiman mira durante uns instantes os ollos do porco negro que trouxeron ante ela e crava un pequeno coitelo na súa gorxa. O porco se desangra en silencio. Cécile alza a cunca co sangue ata os seus beizos e bebe del. Os berros e os cantos comezan.

Para os brancos, Cécile é só unha escrava, unha mercadoría rendible coa que comerciar nun capitalismo que devora corpos con ansia. Fora vendida xunto coa súa nai en Santo Domingo, mentres a pista dos seus irmáns perdíase en mans dos tratantes. A biografía de Cécile é confusa, apenas existen datos sobre o resto da súa vida. As escravas non teñen historia. Ata agora.

Ademais de escrava, Cécile é unha mambo, unha sacerdotisa vudú. O seu corpo é unha canle, unha porta que permite aos espíritos entrar no mundo dos vivos. A través dela os espíritos devoran as ofrendas, beben ron, bailan durante horas. Cécile ofrece o sangue aos participantes no ritual, dálles de beber coas súas mans. Despois déixase caer nos brazos dos espíritos. Dutty Boukman obsérvaa e sabe que chegou a hora. El tamén é un escravo fuxido e tamén coñece a linguaxe dos espíritos. Nos seus soños faláronlle desa noite, do porco negro, do sacrificio no profundo da selva. Tamén lle amosaron o lume devorando as plantacións, as moscas alimentándose dos cadáveres dos amos, os coitelos cortando as gorxas dos tratantes de escravos. Os espíritos foron moi claros, Dutty non dúbida. Está seguro da vitoria. Nas súas visións fóronlle entregados tamén tres nomes: Jean-François, Biassou, Jeannot. Eles son os encargados de liderar o levantamento, de comezar a insurreción que vai liberar aos escravos da illa. O sangue vertido por Cécile no sacrificio faralles invencibles, invulnerables fronte ás armas dos brancos.

Os espíritos non se equivocaban. Unha semana despois daquel rito, o 22 de agosto de 1791, terá lugar a Noite de Lume, que dará comezo á rebelión dos escravos. As engrenaxes da Historia acaban de virar no medio do fume das plantacións queimadas e da terra empapada polo sangue dos colonos. A revolución haitiana comezou e está a piques de converterse na rebelión de escravos máis exitosa da historia e na segunda república do mundo en proclamarse independente da metrópole, despois de Estados Unidos. O camiño non será sinxelo, os franceses non deixarán escapar facilmente a colonia máis produtiva de todo o seu imperio. Pero os rebeldes teñen aos deuses da súa parte, deuses tan antigos como o home que viaxaron nos barcos dos escravos e coñeceron a dor e a raiba. En outubro dese ano, Dutty é capturado polas autoridades coloniais, que queiman o seu corpo e colocan a súa cabeza nunha pica para demostrar aos escravos que non son invulnerables. Como sempre, os brancos non entenderon nada. Non importa que corpo ocupen os espíritos, a revolución será inmortal.

O día que Popé soñou con lume. Posesións e loita anticolonial.

Haití non será o único lugar no que os colonos morran a man de espíritos encarnados no corpo dos nativos. Un século antes, no actual estado de Novo México, ao suroeste de Estados Unidos, corenta e sete nativos foran acusados de practicar bruxería. Pertencían ao que os españois coñecían como “indios pobo”, un conxunto de diferentes etnias chamadas así polo parecido das súas vivendas coas construcións de adobe que se podían ver na península. Os indios pobo eran descendentes dos anasazi, unha antiga civilización cuxo territorio se estendía polo que despois sería Utah, Colorado, Arizona e Novo México. Os seus deuses eran moito máis vellos que os homes, xa estaban alí cando os anasazi chegaron. Agora espertaran de novo, chamados polos descendentes daquela civilización. Popé era un deles. Desde pequeno contara coa protección de tres espíritos chamados Caudi, Tilini e Tleume. Os espíritos falábanlle en soños, enviábanlle visións sobre o pasado e o futuro, que sempre foran una mesma cousa. Estaban furiosos, non lle gustaban aqueles invasores que ocupaban as súas terras e odiaban aos deuses. Os tigua, a etnia á que pertencía Popé, debían expulsarlles de alí, devolverlles aos abismos dos que xurdiran. Nun ritual celebrado no pobo de Taos, os espíritos aparecéronse e falaron do lume e a morte.

Dos corenta e sete homes apresados por aquel ritual, tres foron condenados á morte. Dous deles foron aforcados e o terceiro suicidouse antes da execución. Os corenta e catro restantes, entre os que se atopaba Popé, foron azoutados publicamente e sentenciados a prisión. Cando os líderes pobo tiveron coñecemento diso, provocaron un levantamento en Santa Fe, onde se atopaban os prisioneiros. O gobernador español, Juan Francisco de Treviño, soltou aos prisioneiros, incapaz de facer fronte á ofensiva debido aos poucos homes con que contaba. Popé volveu a Taos. Podía sentir a ira dos deuses, os alaridos furiosos dos espíritos. Xunto con algún dos habitantes de Taos, marchou cara ao norte, a algún lugar sen identificar onde se cre que se planificou a revolución dos indios pobo de 1680. Máis de oito mil guerreiros de distintas etnias atacaron á pequena guarnición de españois, minguada nos seus efectivos porque moitos deles atopábanse combatendo aos apaches. Foron asasinados vinte e un frades franciscanos e catrocentos colonos. Os sobreviventes fuxiron a Santa Fe e refuxiáronse no palacio do gobernador. Alí, os guerreiros pobo cercáronos durante varios días, ata que os españois conseguiron romper o cerco e fuxir ata El Paso. Os antigos deuses recuperaran a súa terra, pero Popé sabía que quedaba algo pendente. Ordenou a destrución das igrexas e os obxectos de culto católicos e prohibiu o uso do castelán. A lingua dos colonos debía ser extirpada xunto cos restos do seu deus.

Tras a morte de Popé, en 1692, os españois conseguiron recuperar o control de parte do territorio, pero non xa como unha ocupación colonial, senón mediante un acordo cos pobo, interesados nunha alianza para combater aos apaches, os comanches, os utes e os navajos. Os españois abandonaron a política de conversión e respectaron a lingua e a relixión dos pobo, cuxos vestixios permanecen ata hoxe.

Os espíritos volveron encarnarse para participar en batallas contra a ocupación colonial por todo o territorio de Estados Unidos. Neolin, un profeta da tribo lenape cuxo nomee significaba “O iluminado” tamén vira nas súas visións a derrota dos brancos. Os seus seguidores, organizados nunha confederación de tribos baixo o liderado do xefe dos Ottawa, levaron a cabo unha ofensiva coordinada contra os ingleses na primavera de 1763. Non conseguiron a súa expulsión completa, pero lograron deter o seu avance e impedir o control total do territorio. Unhas décadas máis tarde, no actual Kansas, o profeta shawnee Tenskatawa recibiu unha mensaxe do Gran Espírito. Nel puido sentir a ira dos deuses contra os brancos, que corromperan a forma de vida tradicional introducindo o alcol, a propiedade privada e aqueles asfixiantes vestidos. Tenskatawua compendeu que chegara a hora. Organizou unha confederación de tribos para atacar aos brancos na batalla de Tippecanoe. Sorprendidos en metade da noite, os homes da guarnición liderada polo gobernador de Indiana, William Henry Harrison, sufriron unha importante cantidade de baixas. Con todo, coa chegada do día, os shawanee quedaron sen munición e víronse obrigados a fuxir. Tenskatawua, que vira nos seus soños que o Gran Espírito protexería aos guerreiros das balas, caeu en desgraza e fuxiu a Canadá. Alí, convencido de que os deuses o abandonaran, perdeuse a súa pista para sempre. Os deuses tamén esqueceron a Wowoka, un chamán paiute que o 1 de xaneiro de 1889 tivera unha visión que profetizaba o regreso dos guerreiros mortos e a expulsión dos brancos dos territorios da tribo. Os seus ensinos estendéronse con rapidez entre diferentes etnias, sobre todo entre os Lakota, e foron seguidas por importantes líderes indíxenas como Toro Sentado ou Kicking Bear. Despois de varios enfrontamentos cos colonos, o movemento disolveuse tras o masacre de Wounded Knee, onde foron asasinados máis de trescentos sioux, entre eles case cen nenos. Wowoka morreu no anonimato na reserva de Walker River, convencido de que os espíritos o abandonaran porque as balas dos brancos conseguiran atravesar os corpos dos guerreiros.

A moita distancia de alí, nesa mesma época, os espíritos tamén elixían corpos nos que encarnarse para loitar contra os colonos brancos. En Melanesia, o sistema colonial dirixido desde a vella Europa chocou case de inmediato con reaccións tan inesperadas como inquietantes, coñecidas baixo o nome xenérico de “cultos cargo”. As manifestacións externas destes cultos variaban duns lugares e momentos a outros, pero todas partían da crenza de que os brancos se apropiaban dos agasallos que os deuses enviaban para os habitantes das illas desde o outro lado do mar. Os indíxenas entregábanse a danzas desenfreadas, case sempre nocturnas, que acababan en transos e posesións. Canalizando aos espíritos, procedían a matanzas xeneralizadas de porcos domésticos e esquilmaban os hortos. De golpe, case todos se negaban a traballar nas plantacións dos brancos e ás veces mesmo a ocuparse dos seus propios cultivos; construían peiraos co fin de recibir o cargamento dos deuses e dilapidaban todo o diñeiro que tiñan en compras extravagantes nas tendas dos brancos. Agredían e mesmo chegaban a asasinar a colonos, cultivadores, soldados e misioneiros; saqueaban as tendas e negábanse, de forma sistemática, tanto a pagar impostos á administración colonial como a asistir aos oficios relixiosos e ás escolas; por último, abandonaban as aldeas dun día para outro e desaparecían na selva. A violencia e ferocidade que en moitas ocasións alcanzaban as manifestacións destes cultos provocaron que a colonización de Melanesia tardase décadas en completarse, converténdose na máis tardía do mundo a pesar dos intentos de holandeses, xaponeses, ingleses, franceses e estadounidenses. Nos anos setenta do século XX aínda se rexistraban revoltas inspiradas no cultos cargo, cun forte contido milenarista. Os espíritos non abandonaran aínda os corpos dos habitantes de Melanesia. Quizá nunca o fixeran, tampouco noutros lugares do mundo. Poida que só haxa que saber chamalos.

Layla Martínez

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: