Identidade, autenticidade, reciprocidade
Xenuíno: Que posúe e conserva con total autenticidade e lexitimidade todas as características propias da súa natureza.
Aqueles revolucionarios que intentan desprazar ou suplantar unha identidade, exhibindo e imitando en forma e contido as súas características e disimulando premeditadamente a súa orixe, así como ignorando as circunstancias, as loitas de onde provén e as relacións que estas implican, amosan ser incapaces de analizar, comprender e “revelar os segredos da súa época”[1]. Onde o espectáculo invadiu todo, os pequenos plaxios poden non ter importancia. Con todo, adentrándonos no terreo pantanoso da autenticidade, se “a propiedade é un roubo”[2], as falsificacións no contexto mencionado non fan máis que confirmar a falta de xenuinidade e reiterar a incapacidade dalgúns elementos para recoñecer, valorar e respectar toda iniciativa e traxectoria que non sexa a propia ou non responda ás súas idealizacións.
A reciprocidade constituiu sempre un dos valores máis importantes da ética revolucionaria, a base dos lazos asociativos de calquera comunidade de loita. Hoxe esquecemos e renunciamos a moitos dos códigos que nos ligan no compañeirismo, fundamentais para garantir a nosa propia existencia como rebeldes, subversivas e antiautoritarias. Nada pode destruír a singularidade de cada individuo, pero esa singularidade irredutible soamente poderá pontenciarse e consolidarse nun plano social. Vivimos nun presente onde non existe espazo para os nosos impulsos máis xenerosos. Quizais sexan tempos dunha consideración máis atenta, afectuosa e fraterna das distintas proxectualidades comúns en loita contra toda autoridade, e de desterrar os valores mesquinos da sociedade do espectáculo, principalmente para contrastar con honestidade e non confundir a nosa proxección e os nosos horizontes de loita, cunha fuxida cara adiante no deserto árido e desolador da posmodernidade.
B.Castrón
[1] Concepto formulado pola Encyclopédie des Nuisances.
[2] Frase de Pierre-Joseph Proudhon.
Deixar unha resposta