Crónica pirata dunha finde de amizade, música e solidariedade en Salamanca.

Esta finde pasada, unha boa cifra de compañeiras antiautoritarias démonos cita na cidade de Salamanca, con motivo da celebración tanto da marcha anual contra a prisión de Topas como do Bike Punk Fest, un festival de música organizado por compas da cidade e sobre o que tamén quixera dicir algunhas palabras.

Para nós, a finde comezou o sábado, xa que por diferentes razóns non nos foi posible chegar antes e non estivemos en Salamanca ata o venres pola noite. O sábado, con todo, dirixímonos cedo ao espazo “Al Margen” onde se desenvolvería a segunda xornada do Bike Punk Fest, que ademáis de palestras-debate, concluíu con varios concertos.

Á 13 e pico comezaba a primeira palestra, que tratou sobre os carriles bici, un tema que non estabamos acostumades a tratar en espazos antiautoritarios pero que igualmente levou a un debate interesante, adoptando máis unha estética de taller que de palestra, abrindo unha dinámica participativa. Por que existen os carriles bici? Desde as institucións municipais e os aparellos de propaganda do Estado din que pretenden mellorar a seguridade vial das persoas que usan bicicletas, e ao mesmo tempo fomentar o uso destas. Con todo, tras a palestra xorden inevitablemente varias preguntas: A que intereses respostan realmente esas estruturas? Teñen realmente unha función positiva para as ciclistas? Ou pola contra actúan coma un mecanismo de disciplinamento para o tráfico que marxina ás bicis e perpetúa un modelo de cidade deseñado para os coches e o tránsito frenético e perigoso en vehículos motorizados, sen respecto ningún polas persoas que escollen outros medios de transporte menos tóxicos? Son os coches sinónimo de violencia ou pola contra son ferramentas neutrais? Se analizamos a realidade da maioría das cidades postindustriais nesta modernidade mecanizada, temos que falar necesariamente de cuestións coma o privilexio de espazo que teñen os conductores (comparado co espazo que ocupan ciclistas ou persoas que van a pé) e a escasez de espazo disponible para circular en bicicleta de xeito cómodo e seguro, a dinámica de segregación vial que supoñen en realidad os mal chamados “carriles bici”, ou os perigos que supón a prioridade da que disfrutan eses monstros de catro rodas, non só en forma de agresións directas ou indirectas contra o resto (cantas persoas, circulando en bici, tivéchedes que tragar fume dos coches, camións etc. que tiñades diante, aturar a súa prepotencia, as súas maniobras temerarias e excluíntes ou mesmo os seus atropelos?) senón tamén a nivel da configuración do espazo público urbano e as súas consecuencias.

Unha palestra que fixo reflexionar e que se cadra, coma admitía o propio compañeiro que a deu, pode semellar enfocada desde un punto de vista bastante reformista, a min persoalmente pareceume interesante xa que abordou un tema aparentemente inocuo cunha perspectiva crítica que incorporaba elementos de urbanismo, control social, desenvolvemento técnico, e permitía analizar o tema desde distintos puntos. Para máis información do colectivo onde traballa o compañeiro que deu a charla, aconséllovos consultar o blogue “En Bici Al Trabajo” onde tamén podedes atopar máis información e materiais ao respecto.

Despois desta palestra, chegou un comedor vegano, onde degustamos unha rica pasta con boloñesa de soia seguida dun arroz con leite de postre. Antes de nada, parabéns ás persoas que cociñaron! Este espazo serviu, coma de costume, para coñecernos mellor, intercambiar opinións, experiencias e ideas, e para continuar debatindo.

Pasadas as 18:00 e coa comida xa ben asentada, comezaba a segunda palestra do día, titulada “Tortura blanca en prisión: 1001 formas de sufrir la cárcel” e impartida pola compañeira Laura Delgado, abogada implicada en loitas e colectivos a prol das persoas presas, que falounos destas formas de maltrato que normalmente pasan desapercibidas. Por tortura branca entendemos todas aquelas prácticas de abuso e tortura psicolóxica orientadas a despersonalizar ás persoas presas para lograr a súa sumisión total ou a súa aniquilación. O aillamento prolongado (prohibido supostamente polas súas propias leis pero que sigue aplicándose de xeito regular e duradeiro sobre seres humanos), a privación sensorial (con consecuencias tan diversas coma devastadoras, coma persoas que ao saír do cárcere perden visión ou a capacidade de recoñecer cores debido a non poder ver máis alá dos 4 metros grises da súa celda en 23 das 24 horas do día durante anos e anos, ou a perda de capacidades para a socialización, a autolesión…), a privación de sono, a “vida” en celdas onde o frío é terrible por mor da precariedade absoluta das instalacións, a falta de contacto humano, a vixilancia e interceptación das comunicacións ou a violencia psicolóxica supostamente destinada a facilitar a súa “reinserción” pero que en realidade non busca outra cousa que transformar ás persoas en marionetas sumisas e aterrorizadas, isto por non falar dos supostos “módulos terapéuticos” (coma as UTE) ou os chamados “módulos de respecto”, onde as persoas presas convírtense nas súas propias gardas, vixiándose unhas ás outras e facendo elas mesmas o traballo sucio dos carceleiros e da administración, fomentando a delación e o chivateo e rompendo as comunidades de loita dentro dos talegos.

Unha actividade dura e difícil, pero útil e necesaria para comprender o verdadeiro alcance das maquiavélicas e sádicas maquinarias de tortura que reserva a democracia capitalista para toda persoa que se desvíe das normas marcadas. Dicir, por certo, que esta palestra foi grabada e pronto será subida a Internet para que todas aquelas persoas que poidades estar interesadas no que alí se falou pero que non puidéchedes estar en Salamanca poidades escoitala. En Abordaxe! estamos pendentes para poder difundila.

Tras o debate, chegou o turno dos concertos que completaban a xornada. Nun entorno que en todo momento buscou ser cómodo e onde, de feito, penso que se conseguiu bastante a buscada creación dun espazo seguro para todes, sen agresións e sen actitudes autoritarias/opresivas, varios grupos deleitáronnos cos seus berros e os seus acordes, co correspondente descansiño de rigor entre cada banda para saír fóra papar un dos bocadillos de seitán e ensalada preparados para a cea ou para recuperar o alento botando un ollo ás distris que rodeaban a sala principal cos seus respectivos materiais (libros e fanzines, música, serigrafías…).

Comezaron as compas de Heksa, unha banda de punk rock de Madrid que non levan moita traxectoria pero que non o fixeron nada mal (e a min, de feito, déronme ganas de escoitalas máis a miúdo e de agardar novas produccións musicais coa súa sinatura). De seguido, tocoulle o turno a Na Tulacze, a primeira da tríada de bandas francesas de screamo que tocarían no festi, e no seu caso chegados directamente desde Toulouse, con xente de Fingerprints. Un bó descubrimento. A continuación, chegou a esmagadora escuridade de Neila, unha banda de Bilbao, Euskal Herria, cunha xa longa traxectoria no underground e os sumidoiros máis rebeldes do underground estatal (desde o 1999 facendo ruído!) coa súa mestura de crust, doom, metal e outras atmósferas ruidosas. Entrou en escena logo a segunda das bandas chegadas do territorio francés e que baixaban de Tarbes por primeira vez a esas terras, Les Deux Minutes de La Haine (Os Dous Minutos do Odio), un gran achado que crearon un ambiente propicio para os pogos, os saltos e os bailes que xa se botaba en falta co seu emo-crust escuro, acelerado e distorsionado e que fixéronnos sorrir e mesmo emocionarnos. Deste grupo, a verdade, gustaríame destacar o ambiente de amizade, cercanía e cariño que crearon durante todo o concerto, da gusto atopar persoas que nestes tempos de estéticas caducas e rebeldías sen principios continúan facendo do punk un arma e construindo amizades e espazos de diversión e protesta onde todes se sintan a gusto e onde a humildade sexa sinceira, rexeitando os egos. Ademáis, nos parches do seu grupo (que tiñan á vontade na súa distri) aparece Bambi! (insertar aquí corazonciños varios). O seguinte paso foi a banda coruñesa Black Panda, á que todes coñecían, e que fíxonos saltar e deixarnos a gorxa coreando as letras do seu crust rockandroleiro e salvaxe ambientado nos universos de todas esas pelis de serie b (ou serie z) que as nosas nais e pais non querían que vísemos cando eramos pequenes. Para rematar, Chaviré, a última das bandas de screamo chegadas do país veciño e que deron un concertazo, ao que eu, persoalmente, decidín subirme nunha das gradas a sentarme a velo con calma, o corpo non podía máis e ademáis, levaba un ano querendo velos en directo e quería desfrutar do concerto desde a calma.

Tras isto, un bó sabor de boca, lazos novos e outros vellos reforzados e moitas enerxías coas que recargar as pilas para o día seguinte.

Ao día seguinte, erguíamonos cedo da cama pelexando coas sábanas para dirixirnos ao Centro Social La Perrera, onde quedaramos para reunirnos para saír cara á prisión de Topas para a anual marcha contra esta e todas as cadeas, así como tamén contra o sistema de dominación e as distintas formas de autoridade que convirten en necesarios lugares tan crueis e horribles. Baixo un sol abrasador en pleno comezo de abril alá fomos un puñado de solidarias.

Como non podía ser doutro xeito, cando nos achegabamos ao talego, un amplo dispositivo da garda civil deunos a benvida, facéndonos saír dos vehículos unha por unha para rexistrarnos de arriba abaixo, incluíndo por suposto as nosas mochilas e coches. Tras unha media hora, aproximadamente, retidas na marxe daquela estrada, os picoletos deixáronnos ir, seguíndonos de cerca. Á nosa chegada ao caldeiro de Topas, gorxas empoderadas, altofalantes, deron forza e vigor aos nosos berros. As habituais consignas anticarcelarias coma “Cárcel, CIEs, redadas y fronteras, así se construye la riqueza europea”, “prisión demolición”, “El rico nunca entra, el pobre nunca sale” ou berros pola anarquía e a revolta encheron o aire, conseguindo atravesar os fríos muros da barbarie para chegar ás compas de dentro, que tanto desde os módulos masculinos coma desde os módulos femininos respostaron sacando panos e brazos polas reixas ou mesmo berrando elas tamén. Tamén insultos e exabruptos contra carceleiros e picoletos, facéndolles saber que as nosas compañeiras presas en loita non están soas, e que aquí fóra non esquecemos o seu papel de mercenarios e torturadores que tantas vidas levou por diante.

Despois de rodear o talego e dar volta deténdonos a berrar en cada módulo, contendo as bágoas de raiba e emoción e tratando de facer todo o posible por ser escoitades, dimos por rematada a marcha, regresando aos coches onde, despois de encher un pouco o bandullo e de despedirnos con apertas e intercambio de contactos, encamiñámonos de volta para terras galegas, sen esquecer que nós marchabamos pero elas quedaban alí dentro, e que a loita non é cousa de efemérides concretas senón un compromiso cotián. Escribamos cartas, expresemos a solidariedade na rúa con pintadas, cartaces, material informativo, organicemos palestras e protestas nas nosas cidades ou noutros cárceres. As opcións son moitas e o silencio é complicidade.

Atrás ficou un finde para lembrar, que probou que a solidariedade non para e que mentras existan autoridades, existirán corazóns rebeldes e conciencias libres que as cuestionen, desafíen e ataquen, e se o poder constrúe prisións para tentar aillar ás desobedentes das súas familiares, amigas e compañeiras, nós seguiremos recorrendo centos de kilómetros para transmitirlles cariño e apoio aínda que só sexa durante unhas horas, e para demostrarlle ao Estado que se equivoca cando pensa que pode separarnos e que nin o seu medo nin a súa violencia poden deternos…

Pecho xa esta crónica non sen antes saudar e agradecerlles todo o seu traballo ás distintas compañeiras e compañeiros implicadas na organización e desenvolvemento tanto das xornadas do Bike Punk Fest coma da marcha ao cárcere de Topas. Tamén agradecer ás compas que nos acolleron, que nos deron un colchón e un teito, nos alimentaron e nos coidaron. Sodes marabilloses.

Porque un mundo sen desigualdades non precisaría cárceres…
ABAIXO OS MUROS DE TODAS AS PRISIÓNS E DA PODRE SOCIEDADE QUE AS NECESITA!

Informou para todes vós…
Disnomia, corresponsal de Abordaxe! en terras salmantinas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: