Cando Pío Baroja visitou a Durruti en prisión

Por Servando Rocha

descarga (2)

Unha das últimas imaxes de Baroja antes de falecer. Fotografiado por Alfonso

«Durruti era un tipo para ter biografía en romance, nun prego de literatura de cordel, cun gravado borroso na primeira páxina», afirmou Pío Baroja en El cabo de las tormentas. O escritor fora alguén incómodo para uns e outros: non se decantou politicamente e dunha forma clara por ningún bando pero, de facelo, sería por un tipo de anarquismo non violento, progresista e naturalista. Porque toda a súa enorme obra pode lerse tamén como unha descrición do anarquismo da época, que o levou a querer coñecer a moitas das grandes figuras de entón, como en Londres, cando visitou e pasou varios días en compañía do lendario Malatesta, que entón rexentaba un taller mecánico e, secretamente, mantiña conexións con grupos libertarios de medio mundo.

Unha das súas mellores novelas, pertencente ademais a La lucha por la vida, está adicada enteiramente aos esforzos dos anarquistas. Refírome a Aurora Roja, aínda que toda a súa obra está sementada de referencias cara ao anarquismo e os anarquistas, que coñeceu e, nalgúns casos, compartiu os seus puntos de vista e aspiracións. En El cabo de las tormentas aparece a descrición dunha das accións cometidas por Durruti e os seus compañeiros:

«O cardeal-arcebispo de Zaragoza era un reaccionario de influencia. Exercíaa non só na súa sede senón en Barcelona e recomendaba ás autoridades de alí medidas fortes e duras contra os obreiros e os axitadores. Os anarquistas sabían que o arcebispo conferenciaba en Reus cos xefes da Patronal de Barcelona e daba consellos para atacar á organización sindicalista obreira. A banda marchou a Zaragoza; entendéronse os directores cunha vella anarquista catalá que vivía alí facía algún tempo, a cidadá Teresa, e entre todos prepararon unha emboscada e mataron o arcebispo unha tarde que ía a unha posesión súa chamada “El Terminillo”. O arcebispo foi morto no auto cando entraba nas súas leiras, onde establecera unha escola dirixida por monxas. Os anarquistas realizaron vinte disparos. O arcebispo caeu morto e quedaron feridos os seus familiares e o chofer».

Con todo, un feito menos coñecido tanto da súa vida como da do titán do anarquismo Durruti, foi a relación que ambos mantiveron. Durruti, xunto a outros compañeiros, amigos e militantes anarquistas como Ascaso e «Combina», foran detidos o 2 de abril de 1933 en Sevilla, á saída do Congreso Rexional de Andalucía e Estremadura. Non se lles acusou dun delito contra a propiedade privada, senón que foron conducidos ante o xuíz por un delito de opinión, como autores dun mítin pronunciado na clausura do Congreso. Inicialmente foron encarcerados na prisión do Pópulo de Sevilla e, posteriormente, marcharon ao penal do Porto de Santa María, en Cádiz.

descarga (1)

Antiga prisión do Pópulo de Sevilla na que ingresou Durruti e visitou Baroja. Fotografía tomada nos anos trinta

Baroja visitou inmediatamente a Durruti. Ambos falaron en privado despois dun emocionante recibimento a Baroja, durante o cal os presos levantaron os seus brazos e puños, considerándoo «un dos seus». Baroja reaccionou un tanto azorado e con sorpresa. O anarquista, nunha carta datada en 3 de xuño de 1933, menciona a visita do escritor: «Pío Baroja, cando veu verme ao cárcere de Sevilla dicíame: “É terrible o que fan con vostedes”, e eu pregunteille que posición cre Don Pío que debemos adoptar nós fronte a estas arbitrariedades. Non soubo que contestar. Logo lin un artigo del en Ahora, que é a contestación que non se atrevía a darme a través das reixas».

Durruti refírese a unha peza escrita por Baroja, titulada «Latifundio e comunismo», e publicada en Ahora o 23 de abril de 1933:

«Isto pensaba o outro día aquí, en Sevilla, cando fun a falar no cárcere do Pópulo, vella, sucia e pintoresca, un cárcere do tempo de Menmée, cos anarquistas presos. Estes áchanse detidos por falar con violencia nun mitin. Vinlles desde o locutorio, de lonxe, entre as reixas, como feras engaioladas. Estaban Durruti, Ascaso, Pérez Combina, Zimmerman, Paulino Díaz e outros raparigos novos. Como os anarquistas son discutidores, comezaron a discutir comigo. Falaban con entusiasmo da revolución que consideraban próxima, e do triunfo do comunismo libertario. Eu presentaba as miñas obxeccións de home incrédulo e dogmático. Ao saír do cárcere pensei:

-Quen sabe se o que propugnan estes homes, no canto de ser o utópico do futuro, sexa en Andalucía algo ancestral e tradicional!».

descarga

Durruti e o seu encontro con Baroja en Ahora (23 DE ABRIL DE 1933)

FONTE: agenteprovocador.es

TRADUCIÓN PARA ABORDAXE: B.Castrón

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: