[A Corunha] Resposta do CSO A Insumisa ao ataque orquestrado em “La Coz”

Quem tenha arrestos para colher e olhar este bódrio jornalístico -feito na Galiza e que, pese a viver graças ás subvençons das instituiçons e ás suas interesadas anunciantes (mesmo de prostituiçom), sementa o auto-ódio pola nossa língua e costumes e é entusiata porta-voz dos ideias patrióticos espanhois encarnados nas políticas partidárias da direitona (PSOE) e da extrema direita (PP) e do capitalismo destruitivo e vertical e que já foi merescente de várias campanhas de “Boicoz”– nom se estranharia de lêr, nestes últimos días, um feixe de cabeçalhos de notícias e artigos de opinadores sobre os perigos das okupaçons e como evita-las e/ou combati-las, mesmo de supostos intermediários que se forram a conta de especular com edifícios okupas (a quem curiosamente “La Coz” da voz pero agocha a identidade destes aproveitados) e além, no caso da sua ediçom feita em A Corunha, atopará até quatro artigos escritos e publicados em 24, 26, 27 e 28 de março com crónicas e fotografias que pretendem dar umha má imagem da fantástica laboura realizada no CSO A Insumisa desde que fora okupada e aberta á cidadania em 24 de novembro do ano passado e que mesmo mintem ao respeito dumhas supostas boas relaçons entre governo municipal de A Marea e as okupas. Como prova de tal campanha orquestrada vala esta imagem da busca que figem no google das notícias que tiveram o termo “okupa” e sairam neste falsimédio na última semana:

Como o objetivo deste falsimédio é tergiversar e manipular para assim pretender influir na opiniom das pessoas que nunca se passaram por lá para ver e comprovar polos seus próprios olhos o que lá se está a fazer e construir día a día; as compas que conformam a assembleia (aberta e participativa a quem quiger) do CSO “A Insumisa” virom-se forçadas a respostar as mentiras verquidas e publicar um seu Comunicado na sua página dumha rede social da internet que cópio e colo para ajudar a dar-lhe pulo e difusom; mais tamém dou pulo a um boíssimo comentário assinado por suko5824 (que traduzo) dirigido em resposta a um tal C.Díaz, assinante dos 2 artigos em “La Coz” , quem “aproveitando a que se lhe abrirom as portas (como se fai com qualquer), tomou fotografias onde saem pessoas (sem pedir-lhes permiso), volveu á oficina e para seu benefício laboral e económico persoal, compartilhou informaçom sobre as condiçons, situaçom e incluso pessoas que lá se atopam, publicando 2 artigos num meio de comunicaçom privativo com copyright sobre seus contidos”:

Comunicado de “A Insumisa”:

Ola Coruña! Somos as okupas; a asemblea que xestiona o “Centro Social Okupado A Insumisa” da rúa Metrosidero. Vémonos na obriga de sacar este novo comunicado ante a maliciosa campaña de intoxicación mediática lanzada na nosa contra polo xornal “La Voz de Galicia”. Somos conscientes de que este tendencioso medio de orientación conservadora carga contra nós, entre outras cousas, para usarnos como ariete contra o actual goberno municipal de “A Marea”. A nós as súas conspiracións palaciegas para derrubar o actual concello e aupar de novo ao P.P. ao poder tráennos sen coidado, pero como as manipulacións e terxiversacións contra a nosa okupa chegaron ao extremo das mentiras descaradas, non nos queda outra que facer as seguintes aclaracións:

1ª- Nós non temos nada que ver con “A Marea”, nin con ningún outro partido político, sindicato, ou grupo de poder centralizado. Somos autónomas e autoxestionarias, o noso único órgano de decisión é unha asemblea aberta e participativa (á que, por certo, todas estades convidadas) desde a que se toman todas as decisións do Centro Social. Ademais lembrámosvos que desde o movemento okupa xa abrimos Centros Sociais nesta cidade cando gobernou o P.S.O.E., cando gobernou o P.P., agora con “A Marea” e abrirémolos mañá goberne quen goberne. Impórtanos un carallo quen sexa o alcalde, nós seguiremos loitando pola autoxestión, a liberdade e a xustiza social, abrindo dez, cen… mil Centros Sociais!

2ª- O concello NUNCA fixo obras para mellorar a nosa seguridade, como tampouco nos facilitou ningunha axuda económica ou material. Nin nola deu nin a queremos, nós soas bastámonos para autoxestionar e dinamizar este espazo con total independencia e autonomía. O que fixo o concello foi demoler unha ruína que xa tiña orde de derriba antes da nosa okupación, porque dela desprendíanse cascotes sobre a rúa Veiramar. Esa ruína atopábase nun espazo que nós NON usabamos, polo que a nós nola refanfinflaba se a tiraban ou a deixaban estar. A única razón pola que accedemos a que o concello acometese esa obra é porque esa ruína representaba un risco manifesto para os viandantes FORA DA OKUPA. Negarnos á realización desa obra sería unha neglixencia criminal pola nosa banda e unha absoluta irresponsabilidade cara a toda a cidadanía da urbe.

3ª- No noso Centro Social nin vive ninguén de forma permanente nin ninguén saca cartos nin beneficio económico algún. Toda a nosa actividade é SEN ÁNIMO DE LUCRO, e todo o traballo que aquí se realiza é de forma 100% voluntaria. A única recompensa que sacamos é a do traballo ben feito e a de gozar da cultura, o lecer , o deporte e a política anticapitalista e asemblearia que de forma gratuíta e autoxestionada aquí desenvolvemos. Calquera diñeiro recadado nas actividades que aquí se desenvolven invístese integramente nas melloras das instalacións, en causas solidarias ou se garda para sufragar os gastos económicos derivados das máis que seguras sancións penais.

4ª- A sala de usos múltiples onde se realizan os concertos NON corre ningún risco de derriba. Nin tampouco ningún dos lugares que acondicionamos para uso público. As obras nos tabiques foron realizadas con toda garantía por persoal competente e supervisadas por técnicas tituladas. Porque aínda que lle custe crelo a máis dun amante do tópico barato, moitas das persoas que damos vida a este espazo somos competentes profesionais nunha ampla gama de oficios (mesmo con traballo estable a pesar de frecuentar unha okupa!) como arquitectos, albaneis, carpinteiros… e un sen número doutras respectables profesións que contribuen co seu granito de area a facer deste un espazo cómodo, seguro e aberto á cidadanía.

5ª- Por último queremos remarcar que, ademais do interese político localista que move os infundios xornalísticos verquidos na nosa contra, hai outra perigosa razón detrás da campaña mediática de criminalización da okupación. E é que se está preparando unha batería de lexislacións represivas en contra das okupas e en favor dos bancos e fondos privados de investimento que controlan máis do 85% da vivenda deshabitada do estado español. Usando o fenómeno das mafias (moi minoritario e practicamente anecdótico) para criminalizar a un sector da poboación que, afogados pola crise e a recesión provocada por eses mesmos bancos que agora son propietarios da maior parte das vivendas baleiras, non tiveron máis remedio que okupar vivendas para poder vivir. Agora a prensa burguesa, que sempre achanda o camiño creando o clima adecuado para a represión, criminaliza aos desposuídos en favor dos poderosos. Salvagardando o sacrosanto dereito á propiedade privada dos bancos, os grandes propietarios e os fondos voitre fronte ao menosprezado dereito a unha vivenda digna das pobres, as famentas e as desafiuzadas.

Con cariño, rebeldía e moitísima ilusión, as túas veciñas as okupas.

———————————————————————————————————————–

Em resposta a C.Díaz x suko5824

Para o redator/a deste artigo: Caro/a C. Saistes a realizar um artigo sobre um espaço, que fora abandonado durante anos por parte dum estado (nacional, regional e localmente governado polo PP). Há pouco foi okupado por um conjunto de pessoas para converte-lo num espaço comunitário, aberto e diverso, onde promóve-se a cultura, o desporto, as artes, o feminismo, o respeito e o consenso entre as pessoas para gerir entre todas o espaço. Okupou-se porque estava morto mentras o governo local do PP especulava com ele, agora é um espaço vivo, com as suas coisas boas e más. Aos eventos vem gente de todo tipo, como poderás comprovar se te passas por lá. Pero tu entraste lá, tomaste fotografias e volviste á tua empresa para publicar isto e um artigo anterior que geriu vários inconvintes. A vindoura vez que queiras faze-lo aconselho-te que tenhas na conta o seguinte: 1. Um espaço comunitário tem umhas éticas, da igual quém sejas ou a que te adiques. Precisamente é um espaço aberto porque quem ali param acordam um coidado compartilhado, e quem entra deve participar desse coidado. 2. Os roles: Naide lá dentro é espetadora, público, gestor, diretora ou invitado. Todo o mundo é co-responsável, e tem todo o potencial nas suas mãos e todos os ouvidos escuitando para propôr o que quiger, independentemente da sua idade, sexo, condiçom económica ou social, laboral, etc. 3. Como espaço coletivo tem uns protocolos de uso: Quem ali entra compartilha responsabilidade sobre como usar, manter e melhorar o espaço. 4. Como espaço nom reconhecido legalmente, qualquer coisa que exponha a umha pessoa que lá atue ou se encontre temporalmente deveria ser consultada com a assembleia. … Porque puideste entrar. Esse é um valor incalculável. Tenta fazer o mesmo noutro espaço onde poidas fazer tudo quanto lá viste… Isso conleva umha responsabilidade, porque todas somos pessoas acá, denantes que jornalistas ou okupas. Tu entraste lá, tomaste fotografias onde saem pessoas, volveste á tua oficina e para teu benefício laboral e económico persoal, partilhaste parte do “código” da informaçom sobre as condiçons, situaçom e incluso pessoas que lá se atopam, publicando 2 artigos num meio de comunicaçom privativo com copyright sobre seus contidos. Levaste o “código aberto” a um contexto privado. Saltaste-te a política comunitária para dotar de contido a um meio de comunicaçom convencional. Aproveitaste a entrada livre para gerir um benefício económico persoal. Isto cháma-se saquear os comuns. É grave, pero geralmente produz-se porque quem o fai nom o sabe, nom é conscente. Agora já o sabedes. Se te interesa umha sociedade melhor, aconselho-te que começes a conhecer como algumhas pessoas pensam sobre como se fam e coidam as comunidades. Saúdos.

Uma reportagem de O gajeiro na gávea

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: