A Audiencia Nacional, o ‘top’ dos tribunais. 40 anos de excepcionalidade xudicial ao servizo do poder político

Publicado en esculca.gal

Sede principal da Audiencia Nacional española, situada na rúa Génova de Madrid / ÁLVARO MINGUITO

O testemuño de avogados e avogadas axuda a radiografar a esencia dun organismo punitivo segregado da xurisdición ordinaria e que fixa o seu rumo a través do timón dos ministerios do Interior e de Xustiza do goberno español. Unha persoa é xulgada a 500 quilómetros do lugar en que aconteceron os feitos. O escenario é xenuinamente español, xa que non é posíbel en ningún outro país de Europa: a Audiencia Nacional española (AN) é un caso único. Durante os seus 40 anos de vida -sen contar os do Tribunal de Orde Pública (TOP) que a precedeu- conservou o denominador común da excepcionalidade: a centralidade das decisións en Madrid, a proximidade ao poder político, o réxime de incomunicación e a incidencia mediática.

No entanto, en 2011, coa fin da ETA, comezou a insinuarse unha mudanza de ciclo. O organismo xudicial está en proceso de reciclaxe: da banda armada vasca ao islamismo jihadista internacional, o anarquismo ou o independentismo galego.

Neste sentido, a memoria de 2015 da Fiscalía da Audiencia Nacional salienta que, por vez primeira, as investigacións por terrorismo jihadista ultrapasan as relacionadas coa ETA e o seu contorno. Se no 2014 representaban o 34% de todas as investigacións por terrorismo, un ano despois, incrementáranse até o 55%. O xiro da focaxe punitiva detéctase claramente no número de detencións: 94 por jihadismo, 69 do chamado contorno de ETA, 33 por anarcoinsurreccionaismo e 11 de grupos independentistas galegos. A finais de 2015, chegaron as numerosas dilixencias, a petición da Fiscalía, relacionadas co proceso politico catalán.

A pesar da mudanza de tendencia no que ás novas investigacións di respecto, a inercia de décadas pasadas circunscribe o groso dos encarceramentos ao ámbito do conflito politico do País Vasco. Agora, con motivo do cuarenta aniversario da institución, o mesmo presidente da Audiencia Nacional española, José Ramón Navarro, alén de augurar unha longa vida ao tribunal, puxo sobre a mesa cifras ilustrativas. Por unha banda, actualmente, 280 persoas están cumprindo condena por colaboración ou pertenza a ETA e tres están en prisión provisoria. Pola outra, no 2016, once persoas foron condenadas sob a acusación de terrorismo jihadista e un centenar están en prisión preventiva no Estado español por este motivo. Desde o primeiro momento, as cifras corroboran que a AN foi criada para xulgar os delitos de terrorismo, a pesar do subterfuxio utilizado no decreto de criación do tribunal , que facía referencia ao termo de crime organizado.

Paradoxalmente, o único tribunal criado a golpe de decreto lei incumpre o principio de xuiz ordinario -quer dicir, que unha persoa sexa xulgada no lugar en que se producen os feitos- establecido na Constitución española. Por tanto, obriga a facer viaxes de ida e volta a Madrid, tanto ás persoas acusadas como as que forman parte das defensas ou son testemuñas, coas implicacións persoais, laborais e económicas que iso comporta. Desde 2009, os macroxuízos son celebrados nun novo edificio de 7.300 metros cadrados situado nun polígono industrial de San Fernando de Henares -a doce quilómetros da Puerta del Sol-, onde muitos xuíces chegan con vehículo e condutor oficial. Na rúa Génova -a apenas cen metros da sede central do Partido Popular- mantense en funcionamento o edificio orixinal, que desde 2015 foi renovado e está á última en deseño e seguranza. A reforma, rodeade de queixas, acabou costando 27 millóns de euros (o dobre do previsto) e a emrpesa Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), a través dun proceso negociado sen publicidade, foi a encarregada do conxunto da obra. Para a avogada madrilena Isabel Elbal, freguesa habitual, “transformouse nun búnquer”. As plantas están isoladas e só se pode acceder por cartón magnético. “É intimidante”, precisa.

Monicreques, tortilla e pelexa

Tres dos últimos xestos da AN, que ocuparon as primeiras páxinas de xornais e informativos, afectan a dous titeriteiros, un alcalde e un grupo de mozos vascos. Os primeiros foron encarcerados durante catro días, acusados de delitos de odio e enaltecemento do terrorismo pola obra La Bruja y don Cristóbal, representada en Madrid. O alcalde de Vic, Joan Coma, acusado de incitación á sedición, tivo de declarar diante do xuiz por ter dito que para facer unha tortilla compría partir os ovos durante un pleno municipal. Os tres mozos de Altsasu ainda están en prisión preventiva, acusados de terrorismo despois dunha pelexa nun bar en que se viron implicados dous axentes da Garda Civil fora de servizo.

A Fiscalía da Audiencia Nacional, dirixida por Javier Zaragoza, xogou un papel chave nestes tres procedementos. No primeiro, pediu o ingreso en prisión dos titeriteiros, no segundo, solicitou que o alcalde fose investigado, e no terceiro, con diferenza á Garda Civil, que apuntaba a un delito de odio, considerou que era terrorismo. “A fiscalía ten un papel moito máis proeminente que no resto dos tribunais penais do Estado español. Acaba sendo un instrumento do poder executivo, do Ministerio de Xustiza, por intervir no poder xudicial sen o control e as travas que podería encontrar noutros espazos”, asegura o avogado xironí Benet Salellas -actual deputado da CUP-CC. Salellas levou a defensa de once veciños do bairro barceloni do Raval que no ano 2009 foron condenados pola sección primeira a penas de entre oito e catorce anos de prisión, acusados de planificaren unha cadea de atentados no metro de Barcelona, cunha única proba en contra: as palabras dunha testemuña progexida cuxa identidade nunca chegou a ser coñecida.

A fiscalía manda

O peso da Fiscalía da Audiencia Nacional pode ser cuantificado: hai case tres fiscais por cada xulgado de instrución penal. Con máis de 35 anos de experiencia neste tribunal, o avogado vasco Íñigo Iruin considera que, a través do “papel estelar da policía e a Garda Civil na instrución” e da “patoloxía orgánica” de dispor de tantos fiscais, “dase unha presenza directa dos ministerios de Interior e Xustiza no órgao xurisdicional”. O impulso fiscal foi determinante nas causas por enaltecemento do terrorismo durante o exercicio de 2015, por orde do fiscal xefe Zaragoza, abríronse 55 dilixencias de investigación, 43 das cales foron despois arquivadas “por falta de autor coñecido ou porque os feitos non eran delituosos”. O desenlace final exculpatorio non librou as persoas encausadas dos gastos de deslocamento a Madrid e, en moitos casos, da difusión dos seus datos persoais e da súa imaxe nos medios de comunicación. Para o letrado de Madrid Gonzalo Boye, as absolucións por falta absoluta de indicios de criminalidade demostran que “esta fiscalía non ten ningunha función real e hai anos que inventa causas para poder xustificar a súa existencia”.

Un dos avogados do caso Pandora, Enrique Costoya, viviu en primeira persoa a influencia da fiscalía. Foi detido e encarcerado preventivamente durante a segunda fase da operación, feito denunciado pola Asociación de Avogados Europeus Democratas (AED). Asegura que o xuiz instrutor nin sequera dera unha vista de olhos á causa: “Envioume a prisión, ainda sendo unha medida danosa e excepcional, sen ter en conta os motivos. Fixo porque está politizado; toma as decisións en función dos criterios da fiscalía”. Costoya asistira e visitara algunhas das anarquistas detidas durante a primeira parte  do caso nos centros penitenciarios. A pesar da insistencia dos Mossos, a falta de probas obrigou a arquivar as actuacións contra o avogado e o resto de detidas durante a segunda parte da operación.

Ultrapasada a fase de investigación, tamén transcenderon certas actitudes e comentarios de alguns xuíces na sala, especialmente, as parvadas de Ángela Murillo e as subidas de ton de Alfonso Guevara. Pola súa banda, Javier Gómez Bermúdez -que desde 2015 está na Franza, onde ocupa o lugar de xuiz de enlace co Tribunal Correccional de Paris- espetoulle a unha avogada: “Esta é a miña sala, aqui mando eu”. Zoubida Barik Eididi protestaba porque o maxistrado ordenara a súa expulsión polo feito de levar veo. Ainda que o Estatuto Xeral da Avogacía só obriga a vestir a toga, o Supremo avalou Bermúdez.

Demandas de disolución

Moitas voces do mundo da xudicatura e do ámbito da defensa dos dereitos humanos criticaron as actuacións do tribunal e mesmo demandarom a súa disolución. No ano 1986, un grupo de letrados e letradas xovens do Colexio de Avogados de Madrid reclamou, mediante comunicado, a desaparición da AN e que as súas competencias pasasen á xurisdición ordinaria. A esquerda abertzale e o deputado do PNV Iñaki Anasagasti insistiron no mesmo en reiteradas ocasións durante os anos 90. O posicionamento é compartido pola esquerda independentista catalá, ERC, ICV, Izquierda Unida e o BNG. Durante os últimos anos do proceso catalán, a petición foi asumida mesmo pola CDC.

É máis, o maxistrado da Audiencia Nacional española Ramón Sáez Valcárcel, no 2008, nunha mesa redonda centrada na penalización das inxurias á Coroa e á bandeira española celebrada no Col-legi de Periodistas de Barcelona, puxo em dúbida a conveniencia do tribunal.

Apagar as voces disonantes

Cando un xuiz sai do guión, leva porrada. No 2014, Francesc Homs (CDC) e Rafael Català (PP) criticaron a sentenza absolutoria pola acción de Aturem el Parlament e instaron a Generealitat e a fiscalía a recorrela, até conseguiren unha condena do Tribunal Supremo. No mesmo ano, a vicepresidenta do goberno español, Soraya Saéns de Santamaría, carregou contra os xuíces que excarceraron diversas persoas condenadas por pertenza a ETA, dado que xa cumpriran condena no Estado francés. A reacción provocou que Xuíces para a Democracia fixesse público un comunicado para reivindicar o respecto á “independencia” dos tribunais.

Se nos remontarmos a uns anos atrás, veremos que, curiosamente, os maxistrados da sala máis discordante coa doutrina do todo é ETA do xuiz Baltasar Garzón foron afastados. Carlos Cesón, Juan José López Ortega e Carlos Ollero cuestionaban e tombaban -unha atrás doutra- as instrucións do xuiz estrela, que ilegalizou KAS, Ekin, Haika e Gestoras Pro Amnistia e fechou publicacións como Egin, Ardi Beltza e Egunkaria. Como exemplo, no 2001, a sala cuarta do tribunal desestimou as acusacións de “integración en banda armada” de Garzón contra os directivos de Orain, S.A., empresa proppietaria do Egin e Egin Irratia, e excarcerou o xornalista Pepe rei no cadro do sumario de Ardi Beltza.

Mais, no ano seguinte, os tres maxistrados rebeldes, sometidos a unha campaña de desprestixio, foron suspendidos cautelarmente. A razón: teren decretado a liberdade sob fianza dun narcotraficante -ante o risco de suicidio recollido en informe psiquiátrico- e que este aproveitou para fuxir. Apenas dous anos máis tarde, o Tribunal Supremo descartou calquera indicio de delito dos tres xuices, mais só un deles, Ollero, voltou á AN. O todo é ETA, sen a sala cuarta, foi imparábel.

Sobre terra queimada, o 17 de xaneiro de 2017, un auto do Tribunal Supremo recoñeceu que se fixera “unha interpretación ampla (…) do fenómeno do terrorismo vinculado á banda armada ETA”. Iruin acrescentou que a Audiencia Nacional española tamén interveu no “ciclo de produción” do dereito, co surximento da chamada doutrina Parot ou a aplicación do artigo 129 do Código Penal para suspender actividades de partidos politicos ou fechar medios de comunicación, a pesar de non apareceren mencionados como destinatarios. Nisto coincide Elbal, que fala dunha aplicación “expansiva e extensiva” do Código Penal, e o avogado Enrique Costoya, que considera que este tribunal “vai unha miga máis alá cando se fala do dereito penal do inimigo: persegue a ideoloxía”.

A incomunicación e a tortura

A Audiencia Nacional española ten o monopolio do réxime de incomunicación desde que foi aprobada a lei antiterrorista no 1988. Desde aquela, o Comité Europeo e o da ONU non se cansan de advertir o Estado español do escenario de impunidade que debuxa a capacidade de manter a persoa detida até trece días -mediante dos prazos prolongábeis- sen aceso a unha defensa e a un médico forense da súa elección.

Baseándose na experiencia, avogadas vascas como Amaia Izko denuncian que a Audiencia Nacional española representa as vulneración dos dereitos humanos más graves, tanto “do detido, coa incomunicación e a tortura, como dos presos, co prolongamento das condenas”. Inicialmente, as presas vascas eran interrogadas en dependencias do Euskadi e Nafarroa, onde algúns xuíces instrutores abrían dilixencias diante da evidencia de malos tratos e torturas. Posteriormente, o goberno español modificou o protocolo e ordenou o traslado das persoas detidas directamente a Madrid. Todos os xuíces de instrución da AN viron desfilar xovens de Euskadi que relataron torturas -en moitos casos, nun evidente mal estado físico e psicolóxico- mais practicamente nunca investigaron os feitos. Cunha única excepción: o xuiz Santiago Pedraz.

Cara a cara, nun programa da EITB, o xornalista Alberto Pradilla mostraba un informe forense ao xuiz de instrución Grande Marlaska. A detida Beatriz Etxebarría denunciaba que tentaran introducirlle un pau de vasoira pola vaxina, que lle fixeran a bolsa e que chegara a perder o coñecimento, mais, ainda que o maxistrado tiña o documento sobre a mesa o 2 de marzo de 2011, fixo caso omiso. Non era a primeria vez nin sería a última.

Marlaska tivo diante xovens que denunciaban torturas, como os do caso Aztnugal -acusados de seren “membros duplos” de Ekin, detidos e incomunicados no 2011. O ex xuiz estrela Baltasar Garzón tamén pudo ouvir o relato de malos tratos recibidos que fixeron diversas persoas detidas, como as do macroproceso 18/98 ou, anos antes, os independentistas cataláns. O Tribunal de Estrasburgo outorgou verosimillanza ás denuncias e condenou o Estado español oito veces por non investigar as torturas. No caso de Etxebarria, até o maxistrado Ramón Sáez criticou Marlaska.

 A sedición e a Coroa

Despois do xuízo pola mobilización de Aturem o Parlament -impulsado a catro bandas pola Generalitat, o Parlament,Manos Limpias e a fiscalía-, o contacto de Catalunya coa Audiencia Nacional española centrouse no proceso politico catalán. Recentemente, o interrogatorio ao alcalde de Vic Joan Coma xerou polémica porque o fiscal Vicente González Mota obcecouse cando lle preguntou se partir os ovos para facer a tortilla implicaba o uso da violencia ou non, por causa das palabras que Coma pronunciara durante un pleno municipal. Acusado de incitación á sedición, trátase dun dos nove casos directamente relacionados coa reclamación dun referendo en Catalunya que investigou o tribunal. O resto afectan concellos que aprobaron mocións de apoio á resolución do 9-N do Parlament de Catalunya.

Todos os procedimentos foron abertos por orde da fiscalía e os consistorios tamén son investigdos por rebelión ou sedición, a máis de prevaricación, desobediencia, uso indebido de fondos públicos e usurpación de funcións. Por agora, catro casos foron arquivados e, por tanto, a máis do proceso en contra do alcalde de Vic, restan abertas as investigacións dos concellos de Deltebre, Celrà, Girona e Vic.

Desde a Associació de Municipis per la Independència (AMI) matizan que son cifras orientativas, xa que hai concellos que reciben denuncias e non as comunican. Por tanto, ainda podería haber máis municipios sob a lupa da AN.

Tortillas, mocións e queima de fotografías

Recentemente, o fiscal xefe, Javier Zaragoza, mediante unha circular, lembrou aos Mossos d’Esquadra que teñen que comunicar, informar e acreditar calquera comportamento que supoña un ataque ás institucións do Estado, incluídos os delitos contra a Coroa, como xa fixera en novembro de 2015. Obedecendo esta advertencia, no 20 de outubro, a policía catalá fixo chegar ao xulgado central de instrución número 4 un relatorio e diversas imaxes da queima de fotos do monarca Felipe VI levada a cabo no decurso dun acto da esquerda independentista no paseo do Born barceloní o 11 de setembro. Cinco militantes da CUP, a COS e Arran foron inculpadas e forzadas a declarar en Madrid -tres delas, detidas polos Mossos e trasladadas pola Garda Civil.

Percorrendo os procedementos impulsados pola AN, pode constatarse que a Coroa foi unha das súas grandes protagonistas. No 2003, Arnaldo Otegi foi condenado a un ano de prisión por ter acusado o rei de ser “o xefe dos torturadores”. Anos máis tarde, no 2011, o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo obrigou o Estado a indenmizalo con 20.000 euros por vulnerar a súa liberdade de expresión. Así mesmo, a fiscalía impulsionou un procedemnto por inxurias á Coroa contra o guionista Jair Domínguez do programa Bestiari il-lustrat do Canal 33 porque simulaba disparar contra Juan Carlos I. Dous anos máis tarde, o xuiz da AN Javier Gomez Bermúdez arquivou a imputación, mais xa era demasiado tarde: Televisió de Catalunya fixera retirar o programa da grella e forzou a demisión da directora Mai Balaguer.

Para o avogado Jaume Asens -actual cuarto tenente de alcalde do concello de Barcelona-, en xeral, hai un problema que afecta o conxunto do aparato xudicial e, especialmente, o órgao da Audiencia Nacional. “Está construído sobre os alicerces do franquismo e a partir das condicións impostas polos vencedores da guerra”. Non foron depurados policías nin fiscais nin xuíces da ditadura. Agora, un ex policía franquista, Ismael Moreno, instrúe casos como o de Joan Coma ou os titeriteiros e, até ben entrada a década dos 80, o maxistrado do TOP Ricardo Varón Cobos integraba o xulgado de instrución número 1. Cobos puxo en liberdade o falanxista Ricardo Sáenz Inestrillas, acusado de preparar un grupo armado golpista. Tamén instruiu o caso Xavier Vinader, que encerrou no seu despacho para dicirlle: “Converteuse no líder da liberdade de expresión dun determinado tipo de xornalismo de investigación, de meter o nariz nos esgotos do Estado, e non podo permitilo. Era preciso pór un castigo exemplar e toucoulle a vosté”.

Alfonso Guevara: o herdeiro mal-encarado

“También podrían esperar que este humilde magistrado que les habla hubiera fallecido para que no se celebrase el juicio. Si no quieren celebrarlo, ya conocen el camino de salida”. Así é como respondía a petición de suspensión dunha vista oral formulada polo avogado vasco Iñigo Iruin o xuiz Félix Alfonso Guevara Marcos, presidente da sección tereceira da sala penal da Audiencia Nacional española. Guevara é coñecido polos exabruptos dirixidos a persoas acusadas de pertenza a ETA, ao persoal xudicial e até aos condutores do tribunal especial. Por este motivo, xa no ano 86, á idade de 30 anos, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) propuña sancioalo por unha falta grave de exceso ou abuso de autoridade.

O cargo da AN non lle ven de novo. O pai, Bienvenido Guevara, xa foi xuiz deste organismo. De feito, foi un dos tres maxistrados que dirixiron o xuízo contra o pelotón fascista que atentou contra a revista El Papus no ano 1977. Ainda que o ataque causou a morte dunha persoa e feridas a outra dezasete, os acusados apenas foron condenados a seis meses de prisión polo pai do actual presidente de sección.

Eloi Velasco: o home de Zaplana

É o artífice da expresión “intimidación ambiental” en relación cos feitos de Aturem o Parlament. Dirixe o xulgado central de instrución número 6 e considerou que non eran precisos agresión ou bloqueo físico, senón que coa simples presenza física hostil no exterior do parque da Ciutadella podía considerarse que os manifestantes estaban cometendo un delito contra as altas institucións do Estado. Velasco nunca escondeu a súa ideoloxía. Ocupou o lugar de director xeral de Xustiza da Generalitat Valenciana durante o período e 1995 a 2003, sob os mandatos de Eduardo Zaplana e Francisco Camps.

No ano 2008 conseguiu o lugar na AN, en substitución de Juan del Olmo. Instruiu a causa contra Arnaldo Otegi por enaltecemento do terrorismo en base á súa intervención nun mitin no estadio de Anoeta de Donosti. No ano 2010, prohibiu un brinde polas presas no cadro das Festas Alternativas de Sants e as organizadoras optaron por facer un minuto de silencio e encher o parque de España Industrial con cartaces que facían referencia á liberdade de expresión.

‘Concha’ Espejel: á sombra de Cospedal

Concha para as amigas; senón para outras, así é como a chama María Dolores de Cospedal, que profesou publicamente a amizade con María Concepción Espejel no ano 2014 durante o acto de imposición da Cruz da Orde de Santo Ramón de Peñafort á maxistrada. Boa madriña, carreira fulgurante. Moldeada ideoloxicamente na Universidad Pontificia Comillas-ICAE, no 2008, acede a unha vocalía do Consello Xeral do Poder xudicial, proposta polo PP ao Senado. Catro anos máis tarde, é designada maxistrada da Audiencia Nacional española e, directamente, pasa a ocupar a presidencia da sección segunda da sala penal, feito inédito que xera queixas de maxistrdos que consideran que tiñan preferencia na carreira.

A proximidade ao PP e a Cospedal colocárona a miúde en situacións explosivas, nomeadamente en todo o que ten relación co caso Gürtel. Recusada en case todas as pezas deste caso; a última, a vinculada coa visita do papa a Valencia. Nesta ocasión, tanto ela como outro maxistrado, Enrique López (colaborador habitual da fundación FAES), aceptaron a recusación, mais, en todas as outras, recorrérona.

Ángela Murillo, unha dura pioneira

Do seu salto á fama co “Por mi, como si quiere beber vino” que respostou a Otegi cando a súa avogada lle pediu beber auga durante un xuízo en xaneiro de 2010, até o “Y encima se ríen estos cabrones” na vista contra un comando da ETA, Murillo recibiu louvores pola dureza, críticas pola espontaneidade e desautorización pola súa parcialidade. Esta custoulle desgustos como a anulación polo Tribunal Supremo da sentenza condenatoria ditada contra o dirixente abertzale por “falta de imparcialidade do tribunal” ou a recusación no outro xuízo mencionado anteriormente. Murillo naceu en Almendralejo (Estremadura) hai 64 anos, ingresou na carreira xudicial no 1980 -con apenas 27 anos- e converteuse en abril de 2008 na primeira muller presidenta dunha sección da sala penal da Audiencia Nacional española, tribunal onde tamén foi pioneira hai agora máis de 23 anos. Foi ponente de grandes sumarios como o 18/98, o da suposta célula española de Al-Qaeda e procesos contra o narcotráfico como o caso Nécora.

Gemma García

Jesús Rodríguez

Orixinal aquí.

Advertisements

Unha resposta to “A Audiencia Nacional, o ‘top’ dos tribunais. 40 anos de excepcionalidade xudicial ao servizo do poder político”

  1. Disnomia Says:

    Apuntar que agora a Audiencia Nacional ten tamén outra sede nova en Torrejón de Ardoz, bastante afastada do principal núcleo urbano, e perdida nun polígono industrial, coa clara intención de dificultar o desprazamento de solidarias tanto pola ubicación do edificio como pola falta de disponibilidade horaria, xa que xa non se trata de pedir un par de horas no traballo para coller o Metro, chegar á rúa Génova, facer a concentración e volver, agora tes que coller dous cercanías, atopar o edificio, e isto leva 3 cuartos de hora / 1 hora desde Madrid cidade, e conta con outra hora para voltar, e iso se non levas o carro, que como collas atasco matutino xa podes rezar… En fin, todo atado e ben atado.

    Nesta nova Audiencia xa tiveron lugar varios xuízos políticos, coma o das compas Mónica e Francisco ou o do militante independentista Raúl Agulheiro…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: