[Compostela] II Cónclave de Feministas Aleatorias
O vindeiro dia 5 de marzo, despois da manifestación nacional polo 8 de marzo, celébrase o II Cónclave das Feministas Aleatorias, un encontro que vén continuar co traballo e as redes tecidas dende o I Cónclave.
Ficades todas Convidadas, ao remate da manifestación, ata o CSOA Escarnio e maldizer, para celebrarmos xuntas, coñecernos e seguir espallando esa rede. A seguir tedes o programa de actividades e os horarios:
14:30 – 16:00 Vermute + xantar (espazo mixto)
— comezo do espazo non-mixto —
15:45 – 16:00 Presentación da ‘Caixa de propostas’
16:00 – 18:30 Café Debate
18:30 – 20:00 Actividades/obradoiros
– Regueifas
– Corpo e movemento
– Partida co trivial “Feminismos reunidos”
— Fin do espazo non mixto —
20:00 Cea (espazo mixto)
20:30 Concertos
– Punkiereteiras
– DJ Tríbade
22:45 – 00:00 Karaoke feminista extremo
——————————————————
Manifesto do Cónclave de Feministas Aleatorias
O FEMINISMO AVANZA. Sabémolo todas. Os “chistes” sobre violacións cada día xeran menos gargalladas e máis chamadas de atención, a cada paso máis mozas saen empoderadas a responder ás agresións que antes eran normalizadas. Cada vez máis, os feminismos fanse oco en todos os ámbitos sociais. Síntoma disto é a reformulación dos discursos machistas e a forza coa que contraatacan.
Pero somos moitas, cada vez máis, e cada vez máis conscientes e mellor organizadas. Dentro deste contexto de crecemento do movemento feminista tanto local como globalmente, sentímonos inmersas nun proceso no que se están a tecer redes en todos os niveis. De súpeto, démonos de conta de que fomos creando vínculos persoais, políticos e colectivos, de xeito moitas veces fortuíto, mais que nos aportan ilusión e ferramentas para construír en positivo.
Queremos recoller experiencias feministas que se deron e dan no noso país, coñecernos entre nós, saber como e cando atuamos ante as agresións. Xerar un proceso de contactos entre todas, para que a soidade fique desterrada do noso imaxinario colectivo e poidamos fortalecer esa rede que estamos criando aos poucos.
Temos a ilusión de criar xuntas un punto de inflexión no movemento feminista galego, de maneira que consigamos incluír ao maior número de todas as que día a día facemos feminismo. A ilusión de que isto contribúa a artellar unha rede de sororidade e comunicación entre múltiplos espazos e individualidades feministas, vinculadas entre nós mais moitas veces distanciadas sen motivo. A ilusión de falar, reunir, pór en común, medrar e aprender do que construímos para todas.
Propoñemos un café-debate para pór sobre a mesa os temas que máis nos preocupan, e buscar novas datas para continuar traballando sobre eles, porque non queremos quedar nun 8 de marzo máis.
Porén, somos conscientes de que esta cidade non reflicte a diversidade que temos as galegas, e gostaríamos de crear uns vínculos fortes con todas vós para poder partillar a loita feminista en todos os recunchos do país. Sabemos das dificultades para desprazarse dende outros puntos, e por iso vos pedimos que vos poñades en contacto con nós se tedes dificultades para vir desde lonxe, e que a precariedade e a dispersión non sexan motivo para que fiquemos na casa.
Pola nosa parte, agardámosvos traballando coa mirada posta nesta xuntanza, coa ilusión de sumar o que nos une e o que nos diferencia para que a nosa forza sexa imparable.
A loita será feminista, ou non será!!
Saúde compañeiras!
Marzo 4, 2017 ás 1:14 pm
[…] feministas para esta fin de semana e para os días seguintes arredor ao 8 de marzo (ver aquí e aquí, por exemplo), deixamos este texto a continuación, distribuido no marco das movilizacións […]