Desenredando a madeixa -algunhas reflexións sobre os acontecementos trala Operación Buyo-

Recibimos na conta de correo e difundimos o seguinte comunicado:

O presente texto compila unha serie de distintas reaccións á recentemente acontecida Operación Buyo, na que se viron afectadas as compañeiras Elisa di Bernardo e Gabriel Pombo da Silva, pero tamén contén unha reflexión crítica de devanditas reaccións. No contexto de tan estrambótico golpe represivo, houbo diferentes acontecementos que xeraron certa polémica no ámbito antiautoritario internacional en xeral e no galego en particular, ao noso parecer principalmente por cuestións de falla de comunicación. A intención deste texto ademais de criticar certos clixés e dinámicas  tóxicas propias da cultura militante é a de aclarar unha serie de cuestións que pensamos cumprían ser postas en relevo. Agardamos que esta intervención axude un pouco a desenredar a madeixa.

En primeiro lugar, queremos espallar estas palabras de compañeiras italianas en solidariedade co compañeiro Gabriel, e que podedes ler (en castelán) facendo click aquí.

E aquí podedes atopar o comunicado de Gabriel Pombo trala súa detención.

Para nós, hai varios aspectos de todo o acontecido que nos gustaría resaltar e reflexionar desde a complicidade e a vontade construtiva. En primeiro lugar, queremos realizar unha crítica aos medios afíns e organizacións antirepresivas específicamente anarquistas que cando xurdiu a detención de Gabriel, desde a boa intención difundiron de xeito precipitado a información, calificando de “compañeira” á informante policial María del Carmen Otero. Entendemos as dinámicas que ás veces nos impón esta sociedade do espectáculo cos seus ritmos frenéticos, que nos fan caer, sen nos decatar, na falla de hixiene e prudencia. Alén diso, pensamos que como se demostrou neste caso, a miúdo esta inmediatez e falla de contraste xoga na nosa contra e lévanos a difundir informacións erradas. Cremos que se á hora de elaborar unha nova eses medios tivesen agardado a que Gabriel ou Elisa se pronunciasen, ou como mínimo tivesen tomado a molestia de contrastar a información con medios afíns e máis próximos ao caso en ámbitos de territorialidade, e non a usar como fonte principal e case exclusiva aos medios de intoxicación informativa, houbesemos aforrado ruxe-ruxes e informacións infundadas, sobre todo tendo en conta que desde o blog do colectivo Abordaxe! xa se advertira sobre María del Carmen e a súa condición de, como mínimo, suspeita de delación, exemplos aquí e aquí. Afortunadamente, moitas páxinas e blogs de compañeiras xa rectificaron a información. Por iso, a nosa crítica proxéctase cara o futuro, como algo a ter en conta á hora de analizar e comunicar este tipo de feitos.

Tamén gustaríanos reseñar unha reflexión crítica sobre o primeiro comunicado de Gabriel Pombo que escribiu e publicou na súa bitácora o compañeiro que xestiona o blog O gajeiro na gávea:

Crítica que, se ben non compartimos nas formas que cremos que tamén son froito da inmediatez, si compartimos na cuestión de fondo. A crítica publicada fai referencia a un comentario do compañeiro Gabriel, en concreto este: “O que realmente é «sorprendente» (ou tamén non), é que desde que me deixaron ir (por non falar de todo o que encerra esta tremenda historia) tivese máis «protección» no «poder xudicial» que dentro do así chamado «movemento libertario»”. Un comentario que levantou polémica e que a nós, en concreto, parécenos bastante desafortunado tanto nas formas como no contido.

Por outra banda os compañeiros Gabriel e Elisa, sacaron un segundo comunicado hai uns días, no que aportaban máis información sobre o seu caso:

Queremos aclarar que facemos esta análise crítica desde a intención fraterna e que recoñecemos, saudamos e valoramos a traxectoria rebelde do compañeiro Gabriel ao longo da súa vida e despois de máis de 30 anos nas cadeas tanto do Estado español como do alemán, e tamén queremos deixar patente que as mostras de solidariedade con Gabriel Pombo desde estas latitudes ao longo dos seus anos de encerro foron múltiples en número e metodoloxía. E pola parte que nos toca simplemente apuntar que non nos parece acertada a súa visión do que el definiu como “movemento libertario”, nin tampouco nos pareceu axeitada a comparación co “poder xudicial”, e se ben todas somos susceptibles de crítica e nada nin ninguén está ou debería estar exento, pensamos que hai moitos xeitos de facer unha crítica e que cuestionar dese xeito o apoio ou solidariedade das compañeiras parécenos canto menos deshonesto. Podemos comprender o contexto e por suposto podemos valorar e valoramos a crítica, pero cremos que non é xusta nas formas nin nos medios escollidos. Parécenos que hai moitas cousas a considerar antes de falar así do movemento libertario ou da contorna anarquista galega ou de calquera outro lugar.

Por último, tamén pensamos que hai que mellorar a comunicación. Entendemos que se, en lugar de illarse, o compañeiro se tomáse a molestia de establecer uns lazos mínimos de comunicación co resto de individualidades ou colectivos anarquistas galegos, as circunstancias terían sido moi distintas e probablemente hoxe non teríamos a necesidade de falar da colaboradora policial María del Carmen Otero, nin lembrar que xa hai algo máis dun ano advertíase da súa condición desde o blog do colectivo Abordaxe!. Os espazos, as loitas, os medios, os proxectos en xeral están aí para toda individualidade antiautoritaria ou non que se queira relacionar ou comunicar con eles e esa é unha realidade máis que patente na Galiza desde hai un feixe de anos. Se a escolla das compañeiras é a de relacionarse exclusivamente con outros medios alleos ao lugar onde habitan nós respectámolo, pero entón cremos que determinadas acusacións sobran e que cada pao debería aguantar da súa vela e asumir os seus erros como propios. Sirva de pequeno exemplo que as súas comunicacións públicas ata o de agora limitáronse a medios de contrainformación en Italia, ignorando totalmente a realidade da súa contorna.

Con todo, pola nosa banda gustaríanos reafirmar a nosa solidariedade co compañeiro Gabriel Pombo e coa compañeira Elisa di Bernardo, e asegurar que aplicaremos o noso humilde apoio dentro das nosas humanas limitacións. E por último lembrarlle por enésima vez a todo o mundo que María del Carmen Otero é unha reincidente que traballa para a policía, e que compre ser cautas e non abrirlle a porta á primeira que pase.

Sempre do lado das rebeldes, contra as traidoras e os seus trucos. Pola anarquía.

Nós somos quen somos porque somos todas por nós.

Algunhas individualidades antiautoritarias da Galiza

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: