Rusia, violencia de xénero e mass-media

Antes de dar paso á miña reflexión, quero aclarar que quen isto redacta e publica é un home cisxénero. Non pretendo falar dende unha posición de privilexio dunha serie de ameazas ou riscos que non coñezo no persoal, nin tampouco desautorizar a ningunha muller (ou persoa leída/asignada tal) nin caer no “mansplaineo”. Só reflexionar, consciente da posición dende a que falo, sobre uns feitos que me fixeron pensar e darlle voltas unha vez máis á construción do discurso hexemónico nos medios, desta volta arredor da violencia de xénero/violencia machista.

Fai uns días, Rusia despenalizaba finalmente a violencia de xénero e doméstica, convertíndoa nunha mera “falta administrativa” de carácter leve, únicamente castigada cunha sanción de 500 euros a primeira vez. Para isto, apóianse nas súas tradicións, as cales segundo a responsable desta medida (sí, foi cousa dunha muller, Elena Mizulina, senadora conservadora do partido Rusia Unida liderado por Vladimir Putin), deben ser protexidas polas leis. En concreto, a senadora fixo referencia á tradición familiar, construida sobre a autoridade parental, a cal polo visto para Mizulina debe estar íntimamente relacionada coa violencia física coma método correctivo/educativo. Esta mesma senadora tamén é a responsable de penalizar no pasado a difusión de “propaganda homosexual”, entre outras polémicas e atroces reformas de similar pretexto. Apuntar que se ben hai mulleres coma Mizulina que reproducen as estruturas patriarcais de dominación, pareceme importante destacar que á fin e o cabo toda esta violencia ten unha orixe clara no sistema patriarcal, do que as mulleres non son en ningún caso beneficiarias senón vítimas, mesmo cando son elas quenes apretan esas cadeas xa sexa debido á alienación ou directamente ao egoísmo e a indiferencia, valores estes tamén relacionados co Capitalismo e o Patriarcado. Isto non o digo coma xustificación, pero pareceme importante marcar estas diferencias para non caer nun discurso hipócrita que culpabilice ás mulleres das súas propias opresións cando normalmente son homes cis, que sí teñen eses privilexios, quenes usan eses discursos.

De todos xeitos, para Mizulina, a violencia que non deixe marcas (moratóns, feridas visibles, lesións graves…) non merece o ingreso no cárcere porque “ninguén merece estar encarcerado por dar unha torta”. Ademáis, sinalou que só ingresarán na prisión aqueles homes que agredan físicamente máis dunha vez ao ano á súa parella, familiar, etc. e sempre que a agredida poida demostralo. Por suposto, ninguén falou do desgaste e maltrato psicolóxico que supón o mero feito de verse “forzada” a compartir espazo cun maltratador que conta con licencia para pegarte (sempre que non deixe marcas e non sexa denunciado máis dunha vez ao ano por unha muller que poida “demostrar” as agresións).

Alén, nós como anarquistas non imos ser quenes avalen o cárcere. Sabemos que o cárcere é unha ferramenta do Estado, do Patriarcado e da autoridade con dúas finalidades principáis e relacionadas entre sí. Por unha banda, a función represiva, servindo coma espazo de confinamento, deshumanización, castigo e tortura para toda persoa que pola razón que sexa se desvíe do camiño marcado pola norma social, mesmo cando esa persoa reproduciu dun xeito esaxerado os mesmos valores que a propia sociedade inculca; por exemplo, nos casos de persoas encarceradas por delitos relacionados coa violencia machista nas súas moitas formas, onde se violas a unha moza vas ao cárcere -no mellor dos casos, pois a meirande parte das violacións fican completamente impunes- mentras esa mesma sociedade coa súa cultura segue a espallar a violación coma algo normal e coma un xeito “romántico” de relacionarse, ou como simple “ligoteo” (ensinando a construir relacións sexo-afectivas violentas a través da insistencia, a chantaxe emocional, a relativización do consentimento femenino e outras formas de presión e manipulación). Por outro lado, a función disuasoria, complementaria da anterior, destinada a facer do cárcere a eterna pantasma, a espada de Dámocles pendendo sobre toda a masa social, advertindo do que pode pasar se desobedeces ou se non te comportas. A sempiterna ameaza que garante a obediencia e a sumisión aos valores do sistema. Por iso, porque non cremos na suposta finalidade reinsertora das cadeas, nin na lóxica punitiva que as sustenta, nin tampouco no Estado coma entidade representativa e xestora das nosas vidas por nós, é que non desexamos o cárcere para ninguén, non porque pensemos que un maltratador non merece ese destino (en moitos casos eu persoalmente penso que de feito merecen un destino se cadra peor que o de pasar uns anos no talego), senón porque consideramos que non vale para nada nin resolve o problema principal.

Con todo, que Rusia normalice así a violencia de xénero e a reduzca a “tradicións que hai que respectar”, paréceme unha tremenda barbaridade, propia dun réxime feudal. Non obstante, tamén me parece moi curioso que este feito fose noticia de certo interese (con varios medios españois importantes facendo un seguimento da medida ata que foi definitivamente aprobada fai apenas unha semana) cando neste país a violencia de xénero e as agresións machistas están á orde do día e nin son noticia (todes sabemos que nesta sociedade para que unha agresión machista sexa considerada importante a muller agredida debe ter rematado no hospital ou morta a causa da malleira, senón a maioría de medios consideran que non ten importancia dabondo) nin dende logo levantan tanta polémica. Por que será?

Évos o conto de sempre, cando o machismo, a transfobia, a homofobia, o racismo ou calquer outra discriminación ou opresión arbitraria teñen lugar alén das “nosas” fronteiras (e canto máis lonxe mellor), falar do tema faise imprescindible, urxente, e todos os medios se fan eco (fortalecendo a idea de Occidente coma “cultura-modelo” e asociando sempre todas esas opresións a réximes despóticos que sempre están lonxe e son vendidos coma “anti-occidentais” cando de feito é Occidente quen adoita construir e exportar todas estas miserias), pero cando toca máis preto, cando esa violencia leva denominación de orixe destas terras, os medios calan, difunden versións sesgadas, culpabilizan ás víctimas, relativizan as súas testemuñas e, como xa dixemos, causan que o problema persista, debido a que non cesan na difusión de valores machistas (e racistas, LGTBIQfóbicos, capacitistas etcétera…) dentro do “humor” que podemos ver de cotío nas series e programas de calquera cadea de televisión, ou nos xornais, ou mesmo na publicidade de calquer tipo.

Mentras a violencia de xénero siga sen ser abordada cunha perspectiva radical de xénero coma unha consecuencia directamente derivada da organización patriarcal da sociedade que o sistema capitalista precisa para sobrevivir e manter o seu control sobre o tempo, as necesidades, as emocións ou as tarefas das persoas, nada fará que desaparezca. Que Rusia dera un paso máis na súa misoxinia non significa que o debate sobre o problema deba agora centrarse alí. A violencia de xénero está en todas partes, na túa casa, no teu barrio, no teu lugar de traballo, no teu instituto, nos locáis nos que vas de festa pola noite, na túa linguaxe, nas túas actitudes. Non abonda con escribir artigos sensacionalistas para demostrar o machistas que son en Rusia. Sempre é máis sinxelo ver a palla no ollo alleo.

Disnomia para Abordaxe!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: