Crónica da XVII Marcha á prisión de Teixeiro

16142587_1771414753181441_4499586605587131960_nCrónica elaborada para Abordaxe! por Disnomia.

O pasado 14 de xaneiro realizouse un ano máis, e van 17, a xa tradizoal marcha á prisión de Teixeiro, onde compañeires chegades de toda Galiza e mesmo doutras partes do Estado démonos cita de novo para berrar contra as cadeas e transmitir a nosa solidariedade coas persoas alí pechadas, nun dos cárceres tristemente famosas polas súas inhumanas condicións e por ser o triste e ignominioso lugar onde tantas persoas presas, entre elas o compañeiro Xosé Tarrío, viron rematar os seus días.

A marcha arrancou dende o habitual lugar de reunión cun pouco de retraso, causado polos nosos sempre fieis amigos da Garda Civil que, como todos os anos tampouco quixeron faltar á cita, parando un por un cantos vehículos viron achegarse e rexistrando o interior mentras os axentes do GRS (Grupos Rurais de Seguridade, elite picoleta) observábannos encarapuchados e con metralletas (non pasa nada, entendemos que leven armamento de tal calibre coma rifles de asalto, é por seguridade, non vaia ser que un reducido grupo de activistas decidísemos asaltar o talego armades só con faixas e bandeiras). Tamén tentaron confiscar a faixa, xa que segundo eles, o lema desta, “Abaixo os muros das prisións · Os cárceres son centros de exterminio”, era “apoloxía” (de que non nolo quixeron dicir, se cadra era apoloxía da apoloxía). Ao final, os beneméritos cederon e deixaron a faixa onde estaba, non sen antes advertir que darían parte na subdelegación.

Tras este lamentable incidente, finalmente puidemos comezar. A marcha desenvolveuse normalmente, cunha afluencia de xente lixeiramente menor a outros anos pero igualmente chea coas vontades combativas de arredor de 60-70 persoas que encheron cos seus berros, faixas e asubíos a podre atmósfera de represión e soidade que cubre o cárcere de Teixeiro. Tras un longo rato berrando e tentando facernos ver e escoitar polas persoas presas, decidimos que era hora de regresar aos vehículos para xantar algo nalgures e dirixirnos, algunhas, á Coruña, onde agardaba outra convocatoria na praza do Obelisco, ás 17:00 da tarde.

Esta concentración, cunha afluencia similar á da Marcha, estivo acompañada dunha intervención no espazo da praza pintando con tiza no chan a contorna dunha cela común dos cárceres españois, marcando o espazo para a cama, o espazo para o baño etc. coa intención de rachar coa invisibilización da tortura nas cadeas e amosar e expoñer a todo o mundo o escaso espazo e a situación de maltrato, privación sensorial e tortura que supón a cadea para calquera persoa, e o feito de que a suposta vontade reinsertora non é senón unha cruel falacia coa que o poder xustifica as súas vinganzas mantendo intactas as desigualdades e estruturas autoritarias que orixinan o delito. O espazo estaba ademáis rodeado de cartaces con distintos datos sobre as torturas e malos tratos nos cárceres españois, ademáis de facer referencia á situación noutros tipos de cárceres coma os CIE ou os centros de menores. Para atopar e ver máis fotografías, podedes mirar aquí (é no Facebook, se coma min non tedes conta e vos salta o carteliño convidándovos amablemente a crearvos unha, ignorádeo, dádelle a onde dí “Ahora no” e listo, non fai falta ter conta no Facebook para ver as fotos).

15965593_1771415013181415_5571382196669281660_n Tras un bó rato berrando, con bandeiras e faixas, a concentración decide arrancar en manifestación de xeito espontáneo, sendo intervida rapidamente polos axentes da policía nacional que informan de que non podemos camiñar coa faixa despregada, baixo ameaza advertencia de multa. Aceptamos gardar a faixa e continuamos camiñando pola principal avenida comercial da cidade coas bandeiras negras ondeando e os nosos berros levando ao centro da Coruña a realidade que medios de comunicación e humanistas farsantes tanto se esforzan por silenciar e agochar, mesmo afogando en sancións económicas e represalias diversas a quen queira que ose amosar a verdade dos seus eufemismos. Unha vez chegades á praza de María Pita, diante do edificio do Concello, a manifestación disolveuse sen lamentar (nin celebrar) incidentes.

De alí desprazámonos á recentemente okupada Insumisa, novo Centro Social Okupado e Autoxestionado situado nas naves abandonadas da antiga Comandancia de Obras, na Avenida Metrosidero, onde puidemos desfrutar horas despois dun ceador vegano de arroz con verduriñas e dunha velada amenizada por Folkólicos e Kostra da Morte, para esquecermos a tristura da cadea e acumular tamén algo de alegría e risas para animarnos a continuar nesta loita longa, tediosa e dolorosa, pero tan vital coma a liberdade.

Algún día caerán todos os vosos muros, todos eses valados e arames de espiño cos que tentáchedes encadear o mundo, coma quen ata unha árbore para impedirlle medrar dun xeito que non lle convén. Algún día os vosos soños de dominación serán cinzas, a raiba encherá con vengativos pesadelos eses soños vosos de concordia e de hipócrita paz social, e fuxiredes agocharvos baixo os cascallos dos vosos palacios, dos vosos monumentos e das vosas cidades. Chegará o día no que das vosas ruinas broten outra vez os bosques e todas as vidas e conciencias libres que non permitíchedes, alí farán comunidade os desexos, e nesas comunidades non volverán precisar muros, nin xaulas, nin amos, nin gardas nas esquinas nin cámaras nos tellados nin fronteiras na terra. Ata ese día, que a loita non pare. Porque a loita devólvenos o que a sumisión roubou.

Abaixo os muros de todas as cadeas e da sociedade infame que as necesita.
Por un mundo sen amos, nin escraves, nin gaiolas.
Pola anarquía.

15940826_1771416679847915_3763079961981446618_n

Advertisements

Unha resposta to “Crónica da XVII Marcha á prisión de Teixeiro”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: