A esquerda revolucionaria siria e a construcción do inimigo islámico

Graffiti de Mocidade Revolucionaria Siria en Damasco

Layla Martínez, compañeira de Madrid e amiga persoal de quen asume a tradución e publicación desta nova en Abordaxe, escribiu este texto fai xa case un aniño e pareceume interesante, e como aquí na Abordaxe xa foron publicados diversos artigos e achegas ao respecto do conflicto e resistencia en Siria pero este non, recólloo agora e doulle pulo a pesares de que xa ten algún tempo.

Artigo de Layla Martínez. Tirado de Diagonal e traducido ao galego por Disnomia  para Abordaxe!.

A principios de decembro do ano pasado [Nota de Abordaxe: Refírese a decembro do 2015, o artigo foi publicado a comezos de 2016], activistas sirios facían circular polas redes sociais a nova da morte de Amer Zaza como consecuencia da tortura. Zaza fora detido un ano antes polo réxime de Bashar Al-Assad na súa casa do barrio de Rukkeddine, en Damasco. Desde a súa detención, permanecera encarcerado en paradoiro descoñecido, sen ningún tipo de garantía legal e sen contacto coa súa familia, que puidera atoparlle grazas á información dalgúns dos seus compañeiros de prisión. Estes mesmos internos informaron das torturas constantes ás que era sometido, que finalmente acabaron coa súa vida. A causa da detención de Zaza era a súa pertenza á Mocidade Revolucionaria Siria, un colectivo de esquerda radical fundado nos comezos da insurrección, no ano 2011. Con todo, o seu nome non era o único que os internos deran. Xunto a el, foran detidos outros seis activistas do mesmo colectivo. Actualmente sábese que polo menos cinco deles foron asasinados en sesións de tortura.

Amer Zaza, 2012

A medida que o levantamento avanzaba cara á súa militarización, a Mocidade Revolucionaria Siria pelexaba por manter a base popular da rebelión, sen negar a necesidade da loita armada. Aínda que apoiaban ao Exército Libre Sirio, frecuentemente despregaban faixas criticando as violacións de dereitos que cometían algúns dos grupos armados da oposición, enfrontándose a moitos deles. Ademais, situábanse en contra da intervención estranxeira no conflito e da división do país, unha das posibles consecuencias da guerra civil.

O intento por manter a base popular da rebelión canalizábase a través da organización de protestas e manifestacións en Damasco, a distribución de panfletos, a realización de pintadas, a publicación de textos e comunicados que analizaban a realidade política e social e a difusión a través de internet do seu discurso e accións. O colectivo foi gañando presenza ata alcanzar o seu punto máximo a mediados de 2012, cando activistas de Homs, que nese momento permanecía cercada, crearon un grupo da Mocidade Revolucionase Siria na súa cidade.

Con todo, o crecemento do colectivo e o seu posicionamento radical alertaron ao réxime de Al-Assad, que o converteu en obxecto dunha persecución política extrema. Se se observan os vídeos das súas protestas en 2012 é difícil recoñecer a un manifestante que non fose encarcerado, asasinado ou desprazado desde entón. O secuestro e asasinato dos sete de Rukkeddine era só o punto culminante dunha escalada represiva que durou máis de tres anos e supuxo o encarceramento, a execución e o exilio de case todos os membros do colectivo, que practicamente desapareceu.

Esta represión viuse favorecida polo illamento do grupo debido ao seu posicionamento crítico e radical. A súa negativa para recibir financiamento externo e as súas críticas a algúns grupos da oposición convertéronlles nun dos poucos colectivos civís que resistían sen ser domesticados pola mentalidade das ONG ou secuestrados por intereses externos. Mentres os medios do Golfo retransmitían sen descanso os vídeos das manifestacións con eslóganes sectarios ou as peticións de intervención estranxeira, as protestas e as accións da Mocidade Revolucionaria Siria só publicábanse na canle de YouTube do grupo, a pesar de que as súas accións tiñan lugar no corazón da capital siria e conseguían reunir a un maior número de xente.

Doutra banda, a persecución constante impediu que o colectivo medrase e estendésese a outras cidades máis aló de Damasco e Homs. Isto fixo que as accións dependesen demasiado dos seus membros fundadores, o que implicou que cando estes foron arrestados, asasinados ou forzados a abandonar o país, o activismo do grupo quedou seriamente danado. Ademais, a sobreexposición destes activistas fíxoos moi vulnerables á represión das forzas de seguridade, que os perseguiron sen descanso e asasináronos un a un.

A Mocidade Revolucionaria Siria pagou un prezo moi alto polo seu posicionamento profundamente crítico e radical. Con todo, desde Occidente, o recordo do grupo non debe ser un mero acto de nostalxia pola Primavera Árabe ou un queixume polo que nos gustase que fose a revolución, senón unha mostra de que a situación en Siria é moito máis complexa do que os medios nos ensinan. O discurso oficial preséntanos a guerra civil como un conflito que enfronta a dous bandos, o réxime de Al-Assad e a oposición islamista, que tería no Estado Islámico o máximo expoñente da barbarie musulmá. Como sucede cada vez que se trata un conflito no que coñecemos como mundo árabe, a explicación queda reducida á dimensión relixiosa, ignorando conscientemente todas as demais. Un dos exemplos máis claros é o conflito palestino-israelí, onde moi poucas veces entran na análise variables como a explotación laboral á que son sometidos os palestinos por parte dos israelís ou o interese destes últimos en ocupar determinadas zonas polos seus recursos hídricos – por exemplo, os Altos do Golám- e non polo seu interese relixioso.

A presentación do mundo islámico como unha unidade monolítica responde ao interese de crear un inimigo que permita xustificar a invasión e o saqueo nos países árabes e a represión e o recorte de liberdades nos países occidentais. Ao explicar calquera conflito únicamente mediante a variable relixiosa, esa unidade convértese ademais en algo inasimilable, nun outro distante e afastado que nunca podemos chegar a comprender. Eliminar do análise factores como a clase social, o xénero, a economía, a ideoloxía, a cultura ou os intereses internacionais contribúe a eliminar a multiplicidade, destruíndo a capacidade de identificarnos co outro, de ver nel dinámicas sociais, políticas e económicas similares ás nosas. Isto non quere dicir que o factor relixioso non deba ser tido en conta, pero si que presentalo como a única variable importante responde a intereses que teñen que ver coa dominación, o control e a represión da poboación tanto dentro como fóra dos países árabes.

O exemplo da Mocidade Revolucionaria Siria non só é unha mostra da complexidade dunha guerra que vai moito máis alá do binomio réxime/islamistas, senón tamén da multiplicidade do mundo árabe, que non pode ser explicada unicamente pola súa dimensión relixiosa. Calquera intento de reducir a realidade árabe a unha unidade monolítica é un intento por estender a dominación.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: