Paradoxos da ideoloxía liberatoria

342img31

Desde 2014, activistas solidarios, esquerdistas independentes, e outros cruzaron o Tigris para estudar o desenvolvemento en Rojava, enclave multiétnico independente no norte de Siria. Alí, os kurdos, cuxas aspiracións se viron continuamente pisadas por xeracións de todo o Oriente Medio, están a construír unha sociedade estruturada institucionalmente arredor dunha democracia de asemblea ou consello, e un comité de igualdade de xénero. O máis destacable de todo é que o levan a cabo baixo as brutais condicións dunha guerra (defendendo a súa sociedade contra os yihadistas Al Nusra do Daesh) e embargo económico e político (desde Turquía ata o Norte). Calquera que busque a utopía na terra vese por forza desilusionado, dada a natureza dos seres humanos. Pero os visitantes occidentais que admiran os impresionantes logros dos que son testemuñas en Rojava, rapidamente senten tamén algo que crea inquietude a moitos: cada espazo interior (os edificios do autogoberno son unha excepción importante) exhibe unha imaxe de Abdullah Ocalan, o líder do PKK encarcerado, colgada na parede. A inquietude xorde do recordo dos diversos ditadores do século XX -Stalin, Hitler, Mao Tse Tung- cuxas imaxes foron dunha ubicuidade similar nas nacións ás que estiveron a atormentar durante tanto tempo.

Os visitantes con experiencia persoal en tiranías pódense sentir especialmente incómodos. Na miña visita en outubro de 2015, un delegado cubano dixo que as imaxes lle traían á mente as de Castro, mentres un delegado de Libia lembraba as omnipresentes imaxes de Gadafi. A incomodidade dos visitantes faise máis profunda a medida que os seus compañeiros eloxian ao carismático Ocalan. O colíder de Tev-Dem, Aldar Xelil, fai notar que “a filosofía da nosa administración está baseada no pensamento e a filosofía do líder Ocalan. Os seus libros son a nosa referencia básica”. Pamyan Berri, codirector da Academia de Literatura e Linguaxe Kurdos en Qamislo, fíxome a seguinte afirmación: “Ocalan é a persoa máis importante. Dependemos dos seus libros para ensinar historia, lingua, todo”. Os seus escritos integran os programas de estudos nesta e noutras academias, como se chaman as institucións locais educativas (e os cursos desas academias duran só unhas poucas semanas ou meses, non o suficiente para unha investigación e avaliación crítica, pero si o suficientemente para inculcar un sistema de crenzas. Un empeza a preguntarse se é iso educación ou adoctrinamento). Un dos delegados chegou a cualificar as numerosas invocacións ás ideas de Ocalan como “declaracións recibidas”. Esa veneración xeneralizada é especialmente preocupante polo compromiso de Rojava dun autogoberno democrático. Pero entón, as orixes desta democracia incipiente están no propio Ocalan, que os concibiu desde o cárcere e recomendounos ao movemento kurdo pola liberdade, que tras varios anos de debate comprometeuse con eles e comezou a poñelos en marcha tanto en Siria como en Turquía. Un sistema de abaixo a arriba xerado de arriba a abaixo: de momento, o paradoxo é suficiente como para que o visitante se devane os miolos. Pero as persoas de maior nivel desta pequena e asediada sociedade proporcionan tamén tranquilidade ao visitante. Non hai signos de ditadura, de gulags; ao contrario, a ideoloxía que prevalece, a prescrita por Ocalan, aborrece ese Estado.

No Novo Cumio Mundial en Derik, en outubro, a cogobernadora do cantón Cizire, Hadiya Yousef, resúmenos a ideoloxía dominante: Rexeita a modernidade capitalista por valorar moeda e poder por encima da xente e porque a súa clase feudal escraviza á maioría, substituíndo comunidade por explotación e dominación. Imparte mensaxes de “anti-comunidade, individualismo, diñeiro, sexo, poder. É Leviatán, o monstro”. Seguindo a premisa de que a vida humana é innegablemente social, segue dicindo Yousef, Rojava pretende construír unha alternativa. Contra Leviatán mobiliza á xente para a súa emancipación. Contra o individualismo e a anomia occidentais, valora a solidariedade común; contra as regras coloniais e o racismo, apoia a autodeterminación dos pobos e a súa inclusión. Contra o Estado (incluíndo repúblicas constitucionais e “democracias” pretendidamente representativas), ensina as prácticas de deliberación e toma de decisións democráticas; contra a competición capitalista, ensina a cooperación económica. Contra a escravitude do capitalismo das mulleres (tal como di), ensina a igualdade de xéneros. E de feito, as mulleres desenvolven un papel extraordinario nesta revolución tanto social, como política, como organizativamente; o liderado é dual, un home e unha muller en cada posición, e as reunións teñen un corenta por cento de quórum de xénero. Os centros de mulleres nos pobos e cidades mostran que as mulleres nesta sociedade non están condenadas pola dominación patriarcal. O sistema (que ten tres linguas oficiais: kurdo, árabe e asirio) abraza a musulmáns e cristiáns, árabes e kurdos, e sirios e outros. Sheikh Humeydi Denham, cogobernador do cantón Cizire, co tocado vermello e branco árabe, dixo no cumio que aceptaba a diversidade cultural e relixiosa e que “esta administración é a nosa salvación e a da rexión”. Na raíz desta organización emancipatoria nunha sociedade tan restrinxida está a ideoloxía derivada de Ocalan, que é a forza condutora da revolución. Dado que Rojava vese illada do mundo polo embargo e pola guerra, a revolución é un triunfo da vontade por riba das circunstancias. É a demostración irrefutable do que pode lograr unha forza verdadeira da vontade. O que a Rojava fáltalle en economía, substitúeo con conciencia, vontade e ideoloxía (ou Filosofía, como di Yousef).

A imaxe e a Filosofía representan o compromiso compartido da sociedade co novo sistema. “Os retratos doutros países non son comparables aos nosos”, di Yousef. “Para nós, non se trata dun vínculo con el como persoa ou como individuo. É un vínculo coa Filosofía, coa mentalidade de refundar a sociedade”. Sen dúbida, a xente respecta a loita individual de Ocalan, di, pero iso é tamén porque el “fixo posible o avance da nosa sociedade e defendeunos, pola nosa autonomía. Isto só foi posible coas súas ideas”. E a verdadeira forza da convicción ideolóxica desta sociedade, como apuntou recentemente o lector de Cambridge Jeff Miley, consiste en dar poder á súa mobilización militar. O comandante da YPG (Unidade de Protección Popular) Hawar Suruc afirma que na defensa de Kobane en 2014-2015, a coalición dirixida por Estados Unidos, “axudou nos ataques aéreos, pero a filosofía e o espírito do líder Apo [Ocalan] é o maior logro da resistencia de Kobane. Foi a lealdade dos mártires do movemento e do seu líder Apo o que permitiu ás forzas defensivas derrotar ao Daesh”. Por tanto, a conciencia é un requisito previo de calquera revolución. Pola contra, para xeracións de marxistas non será inevitable que forzas sociais historicamente determinadas propulsen necesariamente o cambio social mentres a xente agarda sentada. “Os desenvolvementos máis importantes da Historia”, di Ocalan, “serán resultado dun cambio efectivo no pensamento e as mentalidades”. Esta conciencia que fai posible a revolución Rojava é ademais unha conciencia ética, que trata de remodelar os modos de pensamento e o comportamento da xente dacordo coas aspiracións políticas e sociais desa Filosofía. A Filosofía é por tanto unha forza moral, como di Yousef, ao proporcionar “patróns cos que tomar decisións”. Aquí faise eco de Ocalan, que recoñecía no seu libro Raíces da Civilización, que é necesaria “unha nova ética” para “un novo comezo hai que formular novos criterios éticos, institucionalizalos e consolidalos na lei”. Así, a Filosofía é unha forza ética contra o capitalismo. Murray Bookchin, o teórico americano radical que influíu en Ocalan, fixo un chamamento por unha “economía moral” contra a economía de mercado, e identificou ética con socialismo. Ocalan conclúe: “o socialismo debe verse como algo a aplicar no momento final do estilo de vida ético e político. O socialismo é a ideoloxía dunha liberdade ética e colectiva”. De aí, en Rojava, como afirma Yousef, “a vida común, comunal, constitúe a base moral da sociedade”.

O sistema educativo, di, “trata de establecer o espírito de comunidade”. Na Academia de Literatura e Linguaxe Kurdos de Qamislo, vin un manual escolar para nenos de oito e nove anos que inculca os valores comunitarios da sociedade: a importancia de preocuparse uns doutros, da natureza, das mulleres. Obviamente, para remodelar á xente nesas liñas morais, hai que comezar desde pequenos. Pero uns días despois de abandonar Rojava, estando en Londres, atopeime cun mozo bielorruso chamado Boris e mencioneille este libro de texto. Díxome que el se educou con eses libros instructivos desde comezos dos noventa, nos tempos da Unión Soviética, e iso determináballe a ser exactamente o contrario do que eles pretenderan lograr. Para a natureza humana resulta intrincado e complexo, e calquera propósito consciente podería saír mal. Os programas elevados para remodelar á xente topáronse, tal como lémbranos a historia de Boris, con consecuencias inesperadas. De feito, as ordes sociais construídas seguindo ideoloxías políticas adoitan diverxer da visión fundadora, e mesmo chegar a ser opostos. Somos testemuñas dos diversos resultados tiránicos da visión emancipatoria orixinal do marxismo, ou de como a idea de individualismo, que era liberadora nos tempos de John Locke, hoxe tomou a forma dun egoísmo amoral e rapaz; ou de como o ideal de Adam Smith dun mercado libre coas súas constriccións morais desembocou nunha enorme división entre ricos e pobres.

E en canto a ensinar moralidade, non parece unha proposta sinxela. Algúns a aceptarán entusiasmados, como Verdadeiros Crentes; outros a apoiarán, outros a aceptarán pasivamente e outros estarán en desacordo pero sen alterarse; outros disentirán activamente. Mesmo nunha sociedade utópica, algúns non chegarán a estar dacordo e, na miña opinión, tamén están no seu dereito. Así pois, calquera sociedade organizada seguindo unha idea de comunidade, debe exporse a cuestión da autonomía individual respecto da comunidade como conxunto. Como manexará o colectivo social as disensións e vontades libres de cada individuo? Obviamente, as sociedades conscientemente construídas segundo ideoloxías emancipatorias chegaron a ser profundamente antiliberais. O filósofo polaco do século XX Leszek Kolakowski comentou en certa ocasión que “o demo inventou os Estados ideolóxicos, é dicir, os Estados cuxa lexitimidade se basea no feito de que os seus propietarios son propietarios da verdade”. Porque “se te opós a ese Estado ou ao seu sistema”, continúa, “és un inimigo da verdade” (en Modernity of Endless Trial, p.189). En Rojava, se a ideoloxía de Ocalan está considerada como a verdade, debemos preguntarnos que pasa cos que disinten. Yousef, por poñer un caso, pon á comunidade por riba de todo, seguramente tamén por riba da autonomía individual. “Ningunha vida humana é máis importante que a comunidade”, di, o que soa como propio dos “Verdadeiros Crentes”. “Renunciar á comunidade significa renunciar á nosa humanidade”. Para ela, “os individuos únense á comunidade coa súa libre vontade mentres teña un valor moral”. Para ela, a libre vontade parece máis ben escoller libremente integrarse na comunidade.

Atopei outro momento de dúbida nunha discusión sobre unha nova editorial, que está a se abrir camiño en Rojava. O novo editor publicou un libro o ano pasado, un libro sobre poesía kurda que non podería aparecer baixo o réxime. Hai dous libros máis en prensa, segundo di o ministro de Cultura de Cizire, Berivan Xalid, e hai outros máis planeados para o próximo ano, dos que sairán miles de exemplares. Pero mentres estou a ler un libro sobre os estatutos máis recentes (que collín na oficina do Consello Lexislativo de Cizire), atopo unha lei sobre edición de libros. Di que todos os editores deben ter licenza; que un comité do Ministerio de Cultura decidirá que libros publícanse; que ese comité determinará se o libro é “axeitado”, a súa compatibilidade co sistema legal e o seu axeitamento ás “liñas morais da sociedade”. Que significa “liñas morais da sociedade”?, pregúntome, lembrando que a Filosofía sobre a que se construíu Rojava é unha liña moral. A ministra de Cultura Xalid está perto, así que lle pregunto que significa esa frase. Dime que significa que non pode publicarse ningún libro que admita sexo adolescente antes do matrimonio. “É a nosa cultura”, explica. Pero a frase non fala explicitamente de sexo adolescente, polo que lle pregunto se se pode publicar un libro que argumente que “o Estado é bo” ou que “o capitalismo é bo”. Dime (a través dun tradutor, por suposto), “Debemos respectar as tradicións na nosa sociedade. Os adolescentes non poden durmir xuntos. Ninguén promoverá o sexo entre adolescentes antes do matrimonio”. Deixando a un lado a cuestión da sexualidade adolescente, creo que sería bo para a revolución de Rojava aclarar o sentido desa cláusula, ou eliminála. É potencialmente unha físgoa legal para suprimir a autonomía individual dos escritores, e por tanto a autonomía individual e a disensión. A crítica, na miña opinión, debe poder florecer. Deixemos que se publiquen libros sobre o capitalismo, así como libros que os critiquen á súa vez. Deixemos que se recoñeza e aprecie a disensión. Paradoxalmente, o camiño cara á solidariedade democrática baséase en apoiar a lexitimidade da disensión. Deixemos que Rojava abrace o pluralismo e a diversidade non só a nivel étnico, senón tamén ao poroso nivel do individual. Pero quizais estou a ser demasiado ríxida e a miña preocupación é excesiva. O propio Ocalan, nos seus escritos do cárcere, escribiu favorablemente sobre o individualismo. En Raíces da Civilización, lamenta que desde tempo inmemorial as relixións persigan e asasinen aos librepensadores. “Fortalecendo ao individuo -e, por tanto, efectuando un equilibrio xusto entre individuo sociedade- pódese alcanzar un poder considerable. Este poder pode desenvolver un papel revolucionario e liberador cando as sociedades conservadoras e reaccionarias que afogan ao individuo desaparezan. Esta é a posición progresiva e xustificada do individualismo na Historia”.

Pero a filosofía de Ocalan non sempre é coherente. Durante os anos que estivo no cárcere, cambiou as súas ideas en varios aspectos. En Raíces, por exemplo, encomia o capitalismo: “A pesar das súas características negativas, habemos de recoñecer a superioridade da sociedade capitalista. O seu marco ideolóxico e material superou a todos os sistemas anteriores”. E: “A pesar de todas as súas visibles deficiencias, o capitalismo é claramente preferible ao socialismo [refírese ao socialismo de Estado] exactamente pola súa sensibilidade cara aos dereitos individuais e a que establece modelos de liberdade individual”. Creo que a presenza desas inconsistencias na filosofía de Ocalan é beneficiosa para Rojava como sociedade. Unha ideoloxía que é tan contraditoria ten menos facilidade para converterse no demo de Kolakowski, xa que poden darse nela diferentes puntos de vista, e dado que ambos poden poñer entre aspas o que a xente pensa e discutir con eles e falar sobre iso por extenso. Non podo evitar observar que algúns dos máis destacados participantes do autogoberno de Rojava non están plenamente dacordo coa Filosofía que lles presenta Hadiya Yousef. Durante as miñas dúas visitas, escoitei a dous oficiais falar sobre a economía dun modo non totalmente anticapitalista. En decembro de 2014, Abdurrahman Hemo, por entón conselleiro económico de Cizire, dixo á delegación académica que os cantóns necesitaban maiores investimentos para sobrevivir. Legalmente, explicou, o investimento debe ser conforme ás regras da economía social e canalizada en cooperativas. Pero eu pregúntome se iso pódese levar á práctica. E o pasado outubro, Akhram Hesso, primeiro ministro de Cizire, declarou na delegación do Cumio do Novo Mundo que Rojava tiña unha “economía mixta con economías privadas e xerais ao mesmo tempo”. “É como a economía de mercado social en Alemaña”, dixo aprobadoramente, pero con igualdade entre propietarios de fábricas e traballadores. Curiosamente, esta sociedade ideolóxicamente anticapitalista ten polo menos un líder que disiente do programa anticapitalista. Que Hesso é membro da coalición de oposición ENKS (Asemblea Nacional Kurda de Siria) máis que do PYD, orientado cara á Filosofía, é tamén proba da diversidade política de Rojava. Dubidosa ante o porvir, a economía de Rojava e outros moitos asuntos terán moito que discutir, dentro e fóra. A miña esperanza é que a estima desa sociedade por Ocalan inclúa sempre a estima por afirmacións como esta: “Un dos elementos máis importantes da democracia contemporánea é a individualidade: o dereito para vivir como individuo libre, libre de dogmatismos e utopías, coñecedor á vez da súa fortaleza” (Raíces). E agardo que do mesmo xeito que tanto a xente de Rojava como os visitantes teñen en consideración as imaxes de Ocalan nas paredes, pensen tamén na súa chamada “á discusión pendente sobre a contradición entre o individuo e a sociedade”, sen a cal “non poderá resolverse a crecente crise da civilización”, e a súa afirmación sobre a necesidade de “conseguir un equilibrio entre eses dous polos”. Invoquemos a Ocalan a favor da liberdade individual para disentir: un gran paradoxo de Rojava. Que así sexa.

Escrito por Janet Biehl para o número 342 do xornal anarquista Tierra y Libertad

Traducido por B.Castrón para Abordaxe Comunicación Anarquista

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: