Confederalismo ibérico. A plurinacionalidade viable

peninsula_iberica_geografia_fisica

“Iberia Imaginaria”, litografía de Mateu para “Enseñanza directa sobre los mapas sin necesidad de los libros” de Ramón Alabern. 1897

O problema territorial no Estado Español pasou a converterse nunha das máis candentes cuestións de actualidade. O procés catalán, masivamente apoiado nas rúas por unha parte moi importante da cidadanía, xunto aos históricos reclamos de autonomía e independencia en Euskadi ou Galiza, conforman os fitos principais dunha situación que pode conducir a unha quebra desordenada do Réxime do 78, tanto como á súa restauración autoritaria sobre a escusa da unidade nacional. Entendámonos: os procesos soberanistas, así como as ansias unitarias, de distintos sectores da clase política, están cheos de contradicións e ambivalencias.

O independentismo aliméntase dun interclasismo dirixido por sectores importantes das burguesías locais con intereses moi ligados á procura da continuidade dos réximes de acumulación do capital nos seus espazos territoriais, que se considera estarían mellor salvagardados por unha relación directa coa Unión Europea que eliminase a “parasitaria” intervención das elites madrileñas que, coa escusa, máis ou menos venal, da redistribución, vehiculan parte do excedente á supervivencia das súas redes de corrupción.

Este independentismo burgués vese acompañado, tamén, por amplos sectores dos movementos populares periféricos, que ven no proceso de ruptura unilateral unha ocasión á medida para a apertura de procesos constituíntes de profundización democrática, tanto a nivel local, como no conxunto do Estado (ou o que quede do Estado tras a fractura). Unha estratexia que mostra a súa debilidade na ausencia de artellamentos mutuos e na imposibilidade, nese contexto, de construír unha esquerda antagonista, a nivel estatal, que vaia máis aló do mediático, así como un discurso compartido que supere o nivel da máxima abstracción, expresada en conceptos como “a plurinacionalidade de España”, que sendo fundamentalmente acertados, nunca arriscan a descender ao concreto para deseñar unha proposta artellada e coherente.

O unitarismo, pola súa banda,  péchase na mítica narración de salvagarda de España como unidade de destino por medio do Estado centralizado, só sustentable desde un repregamento autoritario e autocrático, ou sobre un brinde ao constitucionalismo ligado á supervivencia do Réxime do 78 como único horizonte, sen desenvolver nunca (nos últimos 40 anos) un pensamento federalista á altura das circunstancias.

A análise da situación parece bascular entre os extremos. Por unha banda temos o jacobinismo centralista, herdanza do franquismo e a súa imaxinería patriotera, do PP e Ciudadanos, que só podería sosterse desde o autismo democrático e a negación obtusa da realidade, construíndo un proceso de recentralización autoritario e, en última instancia, profundamente desestabilizador do propio Réxime.

Polo outro lado, temos as tensións centrífugas do independentismo, ambivalente e contraditorio a nivel social, que, se seguen sendo canalizadas polas burguesías locais, poderían iniciar un proceso de fragmentación e voadura controlada (polas instancias do capital) do Réxime do 78, deixando inermes aos pobos ibéricos fronte ás oligarquías globais e aos fluxos financeiros transnacionais , converténdoos nunha sorte de protectorados “de facto” das institucións europeas, hegemonizadas por forzas neoliberais.

Entremedias, PSOE e Podemos, a pesar de falar timidamente de federalismo ou plurinacionalidade, non pasan de propostas xenéricas e pouco claras, respectuosas en esencia co statu quo que conduciu a esta situación. Esa indefinición histórica, marcada pola aposta decidida polo Réxime e a Constitución do 78, realizada na Transición, do Partido Socialista, é a que levou a que o federalismo se vexa, polos movementos populares das nacións periféricas, como unha opción baleira de significado e excedida pola realidade.

Caben alternativas á recentralización autoritaria ou á fragmentación en mans das burguesías locais?

Cabería imaxinar a continuidade do réxime, aínda malferido, durante un tempo máis ou menos dilatado, grazas á inconsecuencia e pusilanimidade das burguesías periféricas. O que, sen dúbida, alimentaria as tendencias autoritarias e antidemocráticas da oligarquía central. Tamén cabe imaxinar unha fragmentación na que, nalgún espazo territorial concreto, o independentismo popular obtivese a hexemonía e iniciase un proceso de profundización democrática que servise de exemplo e acicate ao resto da Península. Este escenario é, nas actuais circunstancias, bastante improbable dada a limitada audiencia dos movementos populares, que parecen ter o seu propio teito, e, ademais, ante a radical dificultade, nese escenario hipotético, da construción dunha esquerda transformadora a nivel peninsular (sobre todo nas zonas non independizadas), implicaría o illamento e posterior derrota do experimento popular por parte das oligarquías globais.

Existen outras alternativas? Os movementos populares da Península Ibérica, poderían perfectamente, mergullar na súa historia, na súa procura.

Para o republicanismo federal, unha das principais vertentes do republicanismo histórico anterior á Guerra Civil, de tendencias fortemente municipalistas e socializantes, a pluralidade de España, que dera lugar a tensións crecentes, só se podía solucionar desde a perspectiva federal. Un concepto que bebía de dúas fontes diferentes pero confluíntes: a propia trama histórica española, da que os federais tiraban referentes aos que adscribirse como o da revolta das comunidades castelás, ou o das xermanías; e o novo desenvolvemento do chamado “principio federativo” por parte dos republicanismos internacionais da época e, moi especialmente, por unha lectura atenta dese teórico radical, republicano e primeiro anarquista, chamado Pierre Joseph Proudhon, ao que Pi i Margall fora o primeiro en traducir ao castelán.

O federalismo era, en todo caso, o que se denominaba como un “federalismo sinalagmático”, baseado no libre pacto, cunha fundamentación moito máis profunda que o federalismo limitado do que adoitan falar os afeccionados ás constitucións neoliberais.

Baseábase nas autonomías municipais, e na súa asociación, máis que na conformación de fortes Estados federados centralizados. A cadea federal ía desde o individuo á Confederación, pero tiña o seu centro no municipio como lugar de expresión da máis profunda democracia local, onde as oligarquías podían ser sometidas a un control máis estrito polas masas populares. A idea era que os distintos niveis de actuación do principio federativo (municipio, Estado federado, Federación ou Confederación) construíanse sobre a base do dereito para decidir, en base a competencias que se mantiñan, no seu maior parte, nos chanzos inferiores, onde o exercicio do poder estaba máis apegado á vontade e participación do cidadán.

O federalismo foi, ademais, aínda máis creativo desde o punto de vista da análise territorial: moitas das súas correntes lanzaron ou seguiron tamén as ideas do “latinismo” e do “iberismo”, como alternativas a un Estado Español débil, sometido, xa entón, aos intereses xeopolíticos das potencias do Norte, e convertido no paria conservador e reaccionario de Europa.

É o propio Emilio Castelar, por exemplo, o que, nunha entrevista para un xornalista estranxeiro, en 1872, afirma que é necesaria unha alianza dos pobos latinos para combater o “xermanismo”, que el identifica co absolutismo e o atraso dos pobos da Periferia Europea. “É a única forma de rexuvenecer a estes vellos pobos e de restaurar o Occidente”, chega a dicir. Estes criterios latinistas, que pretenden un novo renacemento da “civilización mediterránea” non eran alleos ás cavilacións de certos cenáculos intelectuais, tanto radicais como conservadores, de España e de Francia. Castelar xa expuxera isto varias veces, tanto no Ateneo de Madrid, como nas Cortes.

Máis fundamentación na historia española tiña o iberismo. A Unión Ibérica foi un ideal compartido por moitos intelectuais do século XIX español, aínda que en Portugal só atopou eco entre os escritores republicanos da “xeración de Coimbra”, tamén moi influenciados por Proudhon. As iniciais tentativas de Castelar, cando foi presidente da República, de camiñar nesa dirección, atoparon os límites das fortes presións de Inglaterra e Francia na súa contra, e da desconfianza do goberno portugués. As grandes potencias non querían algo así, e menos cando, no imaxinario federal o iberismo estaba moi relacionado coa recuperación da soberanía sobre Xibraltar.

Pero, a pesar diso, o iberismo non foi nunca abandonado do todo polos federais. Podemos atopalo de novo nas tentativas organizativas levadas a cabo polo republicanismo máis radical e filo-libertario da Segunda República: o Partido Social Ibérico, de Salvador Cervantes, en Madrid, ou o Partido Republicano Federal Ibérico, que organizará Eduardo Barriobero en Catalunya, ao fío da Guerra Civil.

É máis, desde o republicanismo federal o iberismo filtrarase nos medios obreiros libertarios, non como unha proposta totalmente coherente, pero si como unha especie de música recorrente, intimamente relacionada coa idea do internacionalismo proletario, pero partindo do próximo. Non en balde atopamos referencias claras nos nomes das organizacións libertarias como a Federación Anarquista Ibérica (FAI) ou a Federación Ibérica de Juventudes Libertarias (FIJL), ou en obras importantes de militantes anarcosindicalistas decididamente iberistas, como o libro “Hacia una federación de autonomías ibéricas” de Felipe Alaiz, director do principal xornal da CNT, “Solidaridad Obrera” e, previamente membro do grupo aragonés de intelectuais “Talión”, xunto a Angel Samblancat, Gil Bel, Ramon Acín, Joaquín Maurín ou Ramón J. Sender.

A musicalidade política e cultural do federalismo e o iberismo, conformaba unha liña esencial do pensamento de moitos militantes obreiros. Desde o Salvador Cervantes que vencellaba a profundidade democrática das colectivizacións co “espírito ibérico” dos seus autores, ao Abel Paz, que nun dos seus libros de memorias escribía, xa nos anos noventa:

“Fíxose moitas veces referencia ao individualismo ibérico, dándose con iso unha falsa idea del. O verdadeiro sentido dese individualismo reside na idea enraizada do ser ibérico de que ninguén decida por el, estando, á vez, sempre maduro para compartir cos demais penas ou glorias. É sociable e busca na organización cos demais o apoio mutuo. Pero a idea esencial, o que persiste, é o afán de afirmación persoal, nin superior nin inferior, trato igualitario. Este trazo esencial do ser ibérico é polo que pode explicarse a súa historia social, identificada co anarquismo e remiso a todo encadramento en partidos políticos pola súa estrutura xerárquica”.

Despois, o iberismo sería continuado por autores como José Saramago que no seu libro “A balsa de pedra” reivindicaba a esencial afección á protesta dos pobos peninsulares.

É o federalismo municipalista e socializante unha proposta á altura das necesidades populares do día de hoxe? Tras as últimas eleccións locais, e no contexto da recuperación, no seo dos movementos sociais non institucionais, do pensamento municipalista e ecoloxista de autores como Murray Bookchin e Janet Biehl, parece que si. Mesmo, os experimentos sociais de Chiapas (os municipios autónomos zapatistas) ou Rojava (o confederalismo democrático kurdo) parecen presentar o federalismo e o municipalismo, sobre a base do protagonismo popular e o recurso á democracia económica e a autoxestión, como as alternativas esenciais ao concepto dominante do Estado neoliberal, ante a case segura imposibilidade de recuperar o Estado keynesiano como horizonte real nesta fase do capitalismo senil.

Ten algún sentido o iberismo neste escenario? Desposuídos de todo esencialismo nacionalista, que olla en abstraccións e linaxes reais a orixe dos pobos, para entregalos rendidos ante as oligarquías locais, a perspectiva dunha Federación ou Confederación, baseada no dereito para decidir, dos pobos de Iberia, é a única que pode escorrentar ao tempo as pantasmas do autoritarismo centralista e da fragmentación autista, conformando un espazo practicable para a plurinacionalidade de base democrática.

Non negamos a existencia de España. Non negamos a existencia de Catalunya. Non negamos a existencia de Portugal. Só dicimos que, nun mundo de quenllas globais e oligarquías transnacionais que poden derrubar aos gobernos movendo os seus capitais en fraccións de segundo, ou impoñerlles rescates e recortes antisociais, só a solidariedade e o apoio mutuo entre os pobos de Iberia, e entre os seus movementos populares, pode construír unha alternativa crible.

A plurinacionalidade é unha realidade. Os vencellos en común, tamén. O principio federativo e a escala ibérica, necesidades dos tempos para construír un espazo realmente democrático na nosa sociedade.

Confederalismo ibérico, pois, e municipalismo democrático, tamén no económico, como primeiros puntos de apoio para conformar unha Europa radicalmente diferente e un Mediterráneo distinto. Un camiño de apertura para a transición a unha sociedade do próximo, a sustentabilidade e a participación popular.

José Luis Carretero Miramar

Advertisements

4 Respostas to “Confederalismo ibérico. A plurinacionalidade viable”

  1. hespaña presente Says:

    Que ranciada españolista, por favor. Claro que vindo de quen ven..

    • Aínda como membro de Abordaxe!, non fun eu quen traduciu e publicou este texto, pero dubido moitísimo que o compañeiro que o traduciu e publicou o fixese considerándoo unha “ranciada españolista”. Alén, e sen querer falar por él, eu penso que se cadra estaría guai que argumentases esa opinión túa, en lugar de chegar, soltar a crítica e liscar. Por aquilo de xerar debate, aprender e darlle sentido a isto…

      Disnomia.

      • Non o dicía por Abordaxe, o dicía por J.L.Carretero, autor do texto.

      • Iso xa me quedou claro, pero penso o mesmo, estaría ben que desenvolveses a postura, criticar un texto calificándoo de “ranciada españolista” sen máis non me parece un xeito serio de contribuir a un debate ou á discusión sobre un tema.

        Tampouco tomes a mal o meu comentario anterior nin éste, non é a intención.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: