“Contra o progreso”, por Agustín García Calvo

tumblr_lxljpvfvo61rn1iono1_500Quenes vivimos fartxs das visións idealistas que a nosa cultura transmite do Progreso e o desenvolvemento (non só no que respecta á técnica e á sofisticación nas formas de explotación e dominación do individuo, senón moito máis alá) pensamos que é preciso deterse, reducir a velocidade deste descarrilado tempo histórico que nos tocou vivir (ou mellor dito padecer) onde todo pasa entre destellos de luz de neón e titulares breves, para analizar un pouco as ideas que o poder vende e que nós, ás veces, asumimos e reproducimos sen sequera pararnos a pensar no que estamos a aceptar. Nesta liña vai o seguinte texto de Agustín García Calvo, escrito no 1971, cando o compañeiro se atopaba no exilio, e publicado orixinalmente en Frente Libertario. Un texto que mantén, por desgraza, toda a súa vixencia xa que as últimas décadas non fixeron senón confirmar o diagnóstico de García Calvo.

Tirado do blogue da revista antidesenvolvista e libertaria Argelaga e traducido ao galego para Abordaxe por Disnomia e a súa panda de endemoniadxs nenxs salvaxes.

CONTRA O PROGRESO, POR AGUSTÍN GARCÍA CALVO

Parece que a idea de progreso impónselle a todo o mundo: non só ás xentes de orde, tamén aos que pretenden estar á esquerda do Señor, todos cren que a humanidade está algo así como avanzando por unha ruta e cara a un futuro; e por conseguinte, é un deber para todos os que loitan polo ben da humanidade ou mesmo polo seu propio: ser progresista, isto é, colaborar ao advenimiento do futuro, non quedar atrás na marcha do tempo, non quedar subdesarrollado: progresar, que diaños, desenvolverse como Deus manda, e progresar un mesmo, ou os negocios ou a nación dun ou a humanidade enteira, pero en todo caso, progresar.

O reinado desta fe en parte estendeuse tanto -eu creo- por culpa da moita velocidade que a Historia veu collendo nos últimos tempos, que ás xentes da casca amarga, revolucionarios, libertarios e demais, non lles deu tempo a poñerse á altura das circunstancias. Que é que, efectivamente, hai aínda un século, e en moitos sitios polo menos, as xentes de orde eran, case como por esencia, conservadores, inimigos de novidades, tirando a manter sempre a situación reinante, defensores sempre do vello fronte aos perigos dos cambios. E entón, claro, loxicamente, aos que quixesen presumir de revolucionarios e de estar en contra non quedaba máis remedio que ser innovadores, progresistas, poñer a vista no futuro, xa que os outros parecían poñela no pasado.

Agora ben, fai xa bastante tempo que as dereitas, pola forza das cousas, fixéronse case por todas partes (quitando algúns restos de conservadores anacrónicos) dinámicas e francamente progresistas: dinámicas e progresistas fixéronse, tamén baixo as súas formas extremadas ou morbosas, que adoitamos chamar fascistas (quen máis progresista, quen máis realizador de innovacións, quen máis crente no destino e o futuro salvador que os réximes que crearon os foguetes intercontinentais e desecaron as marismas de Roma), pero tamén dinámicas e progresistas baixo as súas formas liberais e democráticas, onde o ideal da subida do nivel de vida e a conquista das metas sucesivas da ruta da historia son o refrán ata dos políticos máis reaccionarios; que poden diferir nos detalles deses ideais ou nos procedementos para perseguilos, pero ningún atreveríase a presentarse xa con ideas inmovilistas e conservadoras. E as formas máis novas do poder que ondqueira triunfan, as que adoitamos recoñecer como tecnocráticas, cales son senón as máis modernas, avanzadas, progresistas e dinámicas de todas?: a estatística, a administración racional, o computador, etc., son as súas armas; o nivel de vida, a conquista do espazo, o desenvolvemento da industria, as autoestradas, a televisión en cor, etc., son as súas metas.

E a pesar de todo, seguen os camaradas crendo que poden tamén eles seguir crendo no mesmo que os señores cren e competindo mesmo cos señores a quen é máis progresista ou cun progresismo máis de verdade progresista; e non xa só digo os vellos adherentes do socialismo ou dos diversos partidos comunistas (que aquí desde logo a cousa é clara, e a mesma coexistencia pacífica entre democracias socialistas e liberais está asentada nesa fe común e na competencia polo mellor progreso), senón tamén moitos dos que prefiren chamarse anarquistas ou libertarios. É coma se a diferenza estivese na forma de imaxinar o futuro que os uns e os outros teñen e, por conseguinte, nos medios máis ou menos revolucionarios que recomendan para alcanzar ese futuro, pero que do que se trata é de loitar polo mellor futuro da humanidade.

Ben, pois aquí dígovos e lémbrovos que iso é unha ilusión funesta: que cos que mandan o pobo non se pode estar de acordo en nada: que non se pode estar contra o poder e participar ao mesmo tempo en ningunha das ideas que o poder sostén e que sosteñen ao poder. A noción de progreso non só non é inocente e neutra, senón que é hoxe una das armas e trampas máis temibles do poder fronte á reclamación do pobo, isto é, dos miserables da terra. Eles poden ter falta de pan, pero non é “pan” o que berran cando se levantan contra o poder (nin moito menos “automóbiles” ou “televisores”), senón que o seu berro segue sendo “Liberdade!”. E entre esa contra-noción ou contradición de “liberdade” e a noción de “progreso” non hai amizade posible nin componenda.

Isto podería razoalo máis longamente, se houbese sitio para iso, ou sexa seguir dando a razón ao que o corazón sen dúbida divos a todos cando rompedes coas ideoloxías coas que cada día a propaganda do Estado e os seus servidores machúcanvos; pero que me baste, para acabar coa cuestión, convidarvos a facer un par de consideracións:

A) Unha, metafísica: a saber, que hai contradición de raíz entre a idea mesma de futuro (que é igual que a idea de tempo) e o intento de negación do poder, chámeselle revolucionario ou libertario ou como vos guste: o berro de liberdade está contra a idea mesma de futuro; se se fala de futuro, é que se está querendo coñecer o que nos espera e o que esperamos; porque falarse, fálase das cousas que se coñecen; agora ben, que quere dicir que coñecemos o futuro, as súas metas, as súas rutas e os medios para alcanzalo?: quere dicir que o estamos reducindo a ser en substancia o mesmo que o que xa coñecemos e padecemos, a ser a continuación do mesmo de sempre; e se estamos en contra disto que coñecemos e padecemos, como imos querer falar do seu futuro?: o seu futuro forma parte diso mesmo. Dito doutro xeito: cando se di que neste Estado no que vivimos as xentes están oprimidas e escravizadas polo poder, hai que entender que tamén o están as súas imaxinacións e os seus proxectos; e calquera futuro no que creamos desde este mundo de escravitude terá que ser, xa desde a nosa crenza mesma, un futuro escravo; cambio de cara do Señor para seguir sendo o mesmo e manter dinámicamente o seu dominio.

B) Outra, histórica. A mera observación duns cantos feitos que temos á vista: se nos fixamos nos cebos do progreso, os trebellos de confort, os medios de facilitar a vida e de axudarnos a gozar dela, notaremos enseguida unha diferenza entre os máis antigos deles, tales como o tren, o servizo de correos e telégrafos, a calefacción de auga, teares mecánicos ou guindastres, e os máis recentes, como o automóbil individual, a televisión, o cemento armado, os satélites artificiais: dos primeiros pode aínda sentirse, aínda que sexa dubidosamente, que serven realmente para algo do que din, para facilitar un pouco o vivir, para liberar un pouco de penas, traballos e preocupacións, para axudar un pouco a gozar das outras cousas; respecto dos segundos, en canto mirámolos serenamente e sen tomar por sentimentos nosos os tópicos da propaganda, apenas cabe dúbida algunha de que non serven para nada diso, senón máis ben para o contrario: para carga, para aumento e construción das dificultades, para afastamento dos gozos. E ben, que quere dicir isto? Un diría que está bastante claro: que a medida que o progreso foi desenvolvendo as súas realizacións e consolidando os seus ideais, veu demostrándose como elemento de opresión e de escravitude; que a medida que o progreso progresaba, revelaba a verdade da súa mentira.

E, con todo, pola propia inercia da Historia, parece estar tan sólido e arraigado aínda o dominio dese ideal funesto, ata entre os mesmos namorados da liberdade, que seguramente moitos dubidaredes se tomarvos este sermón en serio. E iso a pesar de que tedes a ben polo menos o exemplo de tantas bandadas de raparigos por Norteamérica ou por Europa que, máis ou menos torpemente e con máis ou menos desviacións, acertan a rexeitar coa súa propia vida algúns dos aspectos dese ideal e as súas realizacións.

Fermoso sería o día, fermosa a noite, na que estalasen uns cantos atentados chameantes contra coches particulares, contra o cemento de autoestradas e bloques de vivendas, contra antenas de televisión polos tellados. E que nas chamas deses atentados contra os símbolos do progreso puidesen lerse algunhas claras palabras que explicasen aos rabaños metropolitanos como eses atentados, polo feito mesmo de non ir contra as figuras tradicionais do poder, senón contra as súas formas máis progresadas de imposición na vida, ían máis ao corazón dun poder que puxo o seu corazón no seu progreso. Entre tanto, habereime de contentar con convidar os lectores a través destas letras impresas a pronunciar comigo algúns morras como os seguintes:

MORRA O AUTOMÓBIL!
MORRA A TELEVISIÓN!
MORRA O FUTURO!
MORRA O TEMPO!

E se seica aínda, ti que me les, quedas preocupado ao ler isto e pregúntasme inquieto polo teu futuro ou polo futuro dos teus netos, e que, ben, que tal vez non estea mal iso de rebelarse contra o progreso, pero que que imos facer despois, que ben está destruír, pero que, de todos os xeitos, haberá que ver como vai vivir a xente, como vai construírse, en suma, o reino do futuro, a iso non me queda sitio para contestarche máis que o seguinte: que se ti es anarquista, a miña avoa chamábase Acracia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: