“Posmodernidade e a ideoloxía como fetiche” por Miguel G. Macho

posmodernismo-2Tirado do blogue de Miguel G. Macho e traducido ao galego por Disnomia para Abordaxe!.

As ideoloxías – e non ideoloxías – como fetiche de consumo nas sociedades occidentais da posmodernidade.

A posmodernidade e os posmodernos son sinónimo do efémero e esa tendencia idealista dominante de que nada perdura nin chega a merecer a pena actuar por melloralo, aínda que só haxa que mirar ao redor un segundo para ser testemuñas do progreso e do actuar humano que busca mellorar – ou foder – o que sexa, volvendo absurdo afirmar tal cousa. Aínda así se trata de algo masivo e de aí a denominación de época, ao non ser algo illado e puntual en determinados individuos do hipócritamente chamado fin da historia.

No noso mundo directo manda o individualismo atroz e máis extremo. Manda a apatía persoal cara ao avance humano en se mesmo, o desencanto maioritario co que se consideran xeralmente erros irresolubles do malvado ser humano, da inxusta e inmoral sociedade decadente que un habita onde o individuo pensante, oh intelectual, é unha excepción incomprendida e que lle leva a festexar na cómoda carencia total de compromiso político. A ausencia de líderes en favor dos famosos de modas efémeras, dos ideais en beneficio do consumo, dos equipos deportivos en detrimento do Partido. Ideoloxía da liberdade abstracta das non ideoloxías, baleira, adoptada como quen escolle un coche ou aprende técnicas de cociña hindú, todo demarcado e imposto nun espectro ideolóxico en grao sumo autocrático se nos cinguimos ao concreto.

A ideoloxía de masas na posmodernidade dita que o éxito está no individuo e non na relación do mesmo coas condicións materiais da sociedade á que pertence, o lugar máis pobre ou rico onde naceu e a súa contorna directa. Ideoloxía que só se demostra participando en manifestacións, asembleas de rúa ou en ONG, pois a figura do militante leva décadas illada e denigrada en pisadas ou sectarias minorías. A adultez ideolóxica sen abandonar a infancia no filosófico que adopta e defende un conxunto de crenzas desordenadas e baleiradas de estrutura que demarca ao individuo segundo o seu voto ou mesmo abstención, nunca coa unión dos seus actos que ven imposibles no relativo ao cambio político.

Adóptanse etiquetas ideolóxicas como conservador, socialista, verde, etc. pero sen a súa carga de profundidade, pois aparecen como recheo comercial ao baleiro deixado no suxeito polo nihilismo extremo. Fetiches, ideais transvalorados en elementos de consumo, un tras outro, con eixo rotor no votante que se di independente, libre, que pensou e defende o que se pensa e vota (ou non vota) «porque el fíxose, nunca porque outros fixeron de el». Posmodernidade, o somos especiais e o resto masa borrega tan habitual e ben representado no típico sarcástico e irónico intelectual incomprendido polas decisións da vulgar masa democrática, mentres para os seus adentros asume que non merece a pena actuar por nada mentres se consola co fetiche ideolóxico sen perder moito o seu tempo, mellor empregado para crecer como individuo rubindo pola pirámide da vida e o recoñecemento social entre aqueles acomodados que di desprezar.

Todo isto parece excepción pero resulta masivo, xa que ao sentirnos tan asquerosamente únicos chegamos a converter algo como a ideoloxía, parte da superestructura e delimitada pola clase dominante de maneira natural, máis aló da percepción persoal de cada un, nun elemento de consumo máis, algo inofensivo e nada transformador senón propio do concepto moderno do democrático; todo entre moitos outros motivos. A mercadotecnia filosófica sen amo nin claro director de orquestra nestas democracias do sen fin da historia, co márketing electoral como motor superficial dos cambios políticos, a publicidade como baluarte máximo da imposta liberdade de consumo e as compras a crédito financiado como alicerce fundamental da existencia humana considerada máis libre e tecnoloxicamente avanzada. O consumo e a independencia persoal como medida mesma da felicidade, que se se razoa empúrrache ao suicidio.

En xeral chegámonos a crer donos do noso destino só por ter cousas, estudar isto ou aquilo, traballando niso que nos deixan ou no de máis alá por unha miseria, boceando humildade pero demostrando prepotencia mentres ignoramos o sacrificio dos nosos antepasados para facernos chegar ata aquí. Imos mesmo á xusta mani contra os recortes e votamos con ilusión ao sexto partido do cambio para ver se esta vez hai sorte, sen pretender tampouco desmerecer estes actos. Durante todo este proceso o fetiche ideolóxico termínase abandonando cos anos por hartazgo ao «non servir a política para nada» ou pola contra supérase e irase enchendo, dotándoo de sentido ao formarse coa interacción entre teoría e praxe, crecendo como individuo na súa relación coa sociedade na que se compromete por mellorala ou mesmo empeorala. Sempre hai esperanza, porque o que foi pode volver ser moito mellor e o compromiso co futuro sempre será imprescindible.

Mercado e nihilismo, serían os termos que mellor resumen a actualidade superficial, mentres no profundo o Capital escarállase de risa dun mundo de traballo cada vez máis intensificado, repleto de escravos e en luxosas ruínas, que tocará reconstruír cando os sorrisos do éxito persoal caian ao ritmo mesmo do sangue e a raiba colectiva.

Saúde, todo de cores democráticas, paz mundial, faladoiros de gastrobar sobre a posmodernidade e voluntarismo quitatraballos en África.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: