Arde Galiza. Apuntamentos de verán

Ollaparo_escola_esteiro_5

Mais unha vez arde Galiza -e non precisamente no político. Non é que non arda noutros sitios e que aquí arde con cíclica premeditación. Con “temor e tremor” existencial que nos leva á paralisia e aceptación da nulidade do que temos medo a perder perante a expectativa de que ou ben no planeta  todo só aquí, na Portugaliza húmida e verdecente, arde o monte e danos igual, ou que non nos dá igual, mas como é do común non é de ninguén e non facemos nada por evitalo. Ambas e duas opcións son igual de inaturábeis. Que o país que temos medo de perder, estivo sempre perdido.

O esquecimento dos bosques autóctonos (só o 30% ), a masificación do monocultivo de eucalipto, a creación de pistas inútiles, a segmentación do monte até o absurdo e unha estratexia centrada na extinción alimenta os grandes incendios forestais. Curiosamente, a xeralización do uso de imaxes e toda caste de hipóteses sobre a orixe provocada dos incendios non semellan alterar en absoluto a crenza da súa inevitabel fatalidade. Porén, nen un cuestionamento da política forestal (as demisións serían se cadrar un primeiro recoñecemento do fracaso) nen do abandono do rural que segue precedendo á performance incendiario-teatral e antecipando os seus efectos. Como se a concorrida, vivinte e comunitaria espectación televisiva estival estivera preservada como as necrolóxicas e como se se puder evitar a pregunta: como está o monte? Porén, non, non se trata de perguntar, mais unha vez, como está o monte se non cuestionarnos que o poder común aos cidadáns galegos anónimos non reside na súa cualidade de membros dun corpo colectivo ou nalgunha forma específica de interactividade, mas no poder que ten cada un ou cada unha en ver, facer, falar.

Quer dicir, non están por unha banda os incendios e, por outra, a súa interpretación. Existen varios relatos  ou xeitos de contar o que está a suceder que teñen a ver coa nova configuración aquí e agora do reparto do espazo e do tempo, das ausencias e das presenzas, do traballo e do tempo libre. E o que se precisa é unha obra de tradución entre quen só ve no monte unha cousa pronto a ser explotada e quen só ve domingos de primavera. Enxergar e comprender estar ruptura operada no cerne do tempo equivale a desenvolver as implicacións dunha semellanza e dunha igualdade, en lugar de asegurarse o dominio na tarefa interminabel de reducir a fenda irreductíbel entre os que saben e os que non. Porque todos somos axentes e espectadores. Mas tamén dase hibridación de medios, propia da realidade pós-moderna de troca incesante dos roles  e as identidades, do real e do virtual, do orgánico e as próteses mecánicas, do propietario e do visitante. O que tamén leva a unha forma de embrutecemento que utiliza a alteración dos lindeiros e usos  e a confusión dos roles para acrescentar o efecto da queima sen cuestionar as causas. Nomeadamente cando hai vivendas e persoas polo medio, direccionando a atención da prensa ao impacto emocional e a perda material e non tanto a responsabilizar a quen xestiona o monte. Ponse énfase na capacidade de extinción, e óbvianse os aspectos estructurais da situación do monte e da responsabilidade dos seus propietarios que decote, baixo as denominadas “socidades de fomento forestal”, só semellan interesarse en controlar as plagas do gurgullo, defender os acordos con Ence e a estabilidade do prezo do piñeiro e do eucalipto.

O que acontece en Galiza é como se despois de diagnosticar unha sociedade obesa  no canto de investir en condicións de vida e en aprendernos como alimentarnos ben e levar unha vida sá, só aumentaras o número de sanitarios a facer anxioplastias  por acúmulo de gordura nas artérias coronárias nos hospitais.

A falta de información pública segmentada respeito a isto (soldos do persoal implicado, as infraestructuas, parques de bombeiros, camións, helicopteros, gasolina, privatización de servizos, etc) e as actuacións sobre xestión forestal non impide enxergar que a dimensión do gasto é moi desproporcionada: segundo o Consello de Contas o Goberno galego adica a apagar incendios o 60%o do investimento forestal,  quer dicer, non hai política forestal porque tampouco hai ordenación do territorio e porque o destinado a ela  céntrase na extinción. Aliás, cómpre suliñar que o aumento de orzamento en extinción non sempre está relacionado co feito de ter máis efectivos loitando directamente contra o lume. Os medios de última xeración son cada vez máis caros e os protocolos de seguranza obrigan a ter máis medios a apoio. Unha carreira a ningures da que cómpre preguntarnos se os propietarios do montes teimarían en investir tempo e recursos  no monte se non se gastase tanto no servizo de extinción que pagamos todos. Porén, non existe debate sobre a dimensión sociocultural do monte. De como nos afecta a todos e non só aos propietarios.O que implicaría sensibilizar e corresponsabilizar os propietarios forestais  e a cidadanía en xeral. Preguntarnos que territorio quere Galiza para o seu futuro.

Sería doado rastrexarmos por todo o país imaxes de cómaros, pradeiras, leiras cultivadas e monte cabado hai apenas100 anos para comprobarmos que non hai tanto o territorio debruzada nunha paisaxe diversificada en mosaico polos usos da terra que se lle daban e que hoxe preséntanse  baixo a única faciana do monte de eucalipto que acabou por colonizar pradeiras e fincas de cultivos agrícolas. Portanto, dicir monte en Galiza non é  mesmo que dicir forestal. O monte espella, reflicte e padece o tipo de propiedade,  o seu uso e as mudanzas e cambio social producido. Temos un monte desequilibrado, fráxil e cada vez máis vulnerabel ás perturbacións: temperatura, humidade e vento son elementos chave para o comezo e a propagación do lume mas non son os únicos. Iso é unha evidencia para alén dos incendios na sustitución progresiva de especies e de usos sen que se perciban moito as súas consecuencias. Lonxe de tratarse dunha “selvatización” o  que o abandono e desleixo producen é un empobrecimento en biodiversidade e en potenciais recursos. Mas tamén un devalo no xeito de percebir o territorio e de autopercebirnos como galegos.

Galiza é terra de montes e terras de cultivo. O abandono progresivo do agro e a redución de pastos propiciaran a sustitución polo monte escachando a estructura de mosaico onde se cavaba o toxo ou se botaba cereal. Cando se abandona o monte, medra a matogueira e a densidade de árbores. O que fai que se acumule combustibel. O bosque galego pasou de ser fonte de enerxía e celeiro, coa estracción de leña e froito (castaña,etc), a só almacen de enerxía e materia prima para as pasteiras. No canto de ter bosque autóctono temos monte de eucalipto ou piñeiro,  e no canto de diversificación do monte traballado e asentamento de xente no rural temos a densidade hipertrofiada do monocultivo que imposibilita ter bosques con menos árbores e máis altas. A extracción de  biomasa, para aproveitar a leña, a perda dos valores paisaxísticos do mosaico que creba a liña continuada de monte con cultivos e pastos, son dous xeitos chave para a xetión sustentabel do bosque. E o cambio do rexime de uso do territorio forestal, outrora habitual e hoxe virado nun único uso: o monocultivo de eucalipto nitens (que seica ainda ten menos limitacións climáticas por xeadas ou altitude para extenderse).

A percepción de que a plantación de eucalipto era algo así como un doado investimento de rendabilidade a longo prazo  obviou o rexime monopolístico das pasteiras e o seu interese en non apostar por especies autóctonas que diversiquen a paisaxe e os seus derivados industriais en ciclos, no bosque, moito mais longos e menos dependentes. Porén, callou que só interesa  o ciclo curto do eucalipto adicado a pasta de papel priorizando tirar o máximo gaño do monte malia que iso leve a unha xestión desordenada e, ao cabo, pouco orientada a reducir a vulnerabilidade do propio monte ao que hai que sumar a diversa sensibilidade dos propietarios – maiormente particulares- á hora de aplicar políticas comúns.

Temos unha maioría de propietarios que só quere o monte para un só uso e unha sociedade que non sabe para que quere os montes e bosques.

Os ecólogos, os axentes rurais, os bombeiros, os propietarios forestais e mesma Xunta saben e admiten que o monte galego é mais vulnerabel ca nunca. Un polvorín cun problema engadido: a construción descontrolada, as urbanizacións próximas ás zonas forestais leva a xente que vive mas non traballa a terra. A paisaxe contínua de eucalipto até as bocaribeiras e regados, penetrando sen tañeiras no espazo urbano, é un perigo engadido cando hai un incendio.O paradoxo da extinción é que cada vez hai máis para arder: maior eficacia extintora ao tempo que o agro crea monocultivos máis vulnerables . E cando o clima é adverso, o avance do lume é máis rápido e multiplicador. Infelizmente, a Xunta segue sen defrontar a cuestión de fondo que non é como está o monte, mas como está a xente para ter o monte así. O baleiro na xestión forestal vén abaixo cara arriba, e retorna cara abaixo na única forma da extinción que atende o síntoma en lugar de ollar a causa. Un baleiro na xestión enxergada desde unha perspectiva global e integral que leva ao desequilibrio e a facernos máis vulnerables fronte calquera variación ou perturbacion natural. Cómpre un cambio cultural sobre o uso do territorio, que atinxe aos usos do monte e non só ( vivenda, estradas,etc). Cómpre recuperarmos a silvicultura e o consumo de proximidade. Facernos máis autónomos en termos alimentares. E abandonar a fixación do lume como perigo para centrarnos máis na visión do que queremos facer co territorio e co país.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: