“Bash Back! Máis ca un colectivo, un espíritu de loita.”, por T. Piras. A loita queer e transfeminista insurrecional nos EEUU

Ás veces cando ocorren agresións homófobas, tránsfobas ou machistas tanto nos propios espazos e instancias políticas coma na rúa, nos bares, nos centros de estudo ou traballo etc. atopámonos con que falta unha capacidade de resposta realmente efectiva que non pase pola mediación policial, xudicial ou institucional, mediadores estes que por outra banda tenden a perpetuar o problema e agochar as causas reais do mesmo (o sistema capitalista e heteropatriarcal no que vivimos e todos aqueles individuos que se aproveitan del e o perpetúan), ofrecendo falsas solucións curtopracistas que non resolven nada (cárcere, multas, novas leis etc.) e nas que, de feito, a miúdo os seus axentes reproducen as mesmas agresións (carcereiros ou madeiros levando a cabo violacións de mulleres detidas ou maltratos homófobos cara persoas non hetero, por exemplo). Por iso, tras ler e ver a crónica e o vídeo difundidos na entrada anterior e a postura tomada polas compañeiras na manifestación da noite do pasado sábado 28 en Compostela, lembrei e apetecíame rescatar e traducir este texto sobre unha na miña opinión moi interesante experiencia de auto-organización e autodefensa para persoas afastadas da norma masculina, hetero, branca etc. en Estados Unidos. Que cada quen lea, reflexione e tome nota.

Texto traducido e publicado en Abordaxe por Disnomia dende a versión en castelán publicada no blogue La Rebelión de las Palabras.

Bash Back!
Máis ca un colectivo, un espíritu de loita.

En outubro de 2012 achegáronse a varias cidades do sur europeo (Toulouse, Barcelona, Donosti, Valencia…) dous compas estadounidenses co fin de falarnos das experiencias políticas queer conseguidas nos EE.UU. baixo o apelativo de Bash Back! Por desgraza o tempo e a conxuntura política de Madrid impediron que viñesen falarnos á nosa apracible vila castelá, con todo eu atopábame por esas datas en Barcelona e puiden asistir á palestra que impartiron en La Otra Carbonería, Centro Social Okupado do Eixample barcelonés, enmarcada dentro da campaña do Outubro Trans dese ano. A charla foi tan revitalizadora e orgásmica que saín da okupa con intencións de pegarlle lume a Barcelona (logo fodín e pasóuseme) e con anotacións mentais que poñer en práctica na Península Ibérica. As seguintes letras proveñen daquela palestra e doutros apuntamentos que fun recompilando sobre Bash Back!. Por iso agardo ter algún erro que non poida solucionar agora, é o prezo de escribir sobre experiencias non vividas, pero realmente o que busco é que sirva para tomar nota e seguir adiante.

Bash Back! en castelán quere dicir literalmente “Devolve o golpe!”. O nome do colectivo xa denota o espírito de defensa e resistencia que querían implantar desde un inicio quen o fundou para a xente oprimida pola súa non heteronormatividade. A súa orixe ten lugar nunha cidade medianamente coñecida do Medio Oeste norte de EE.UU., Milwaukee, a cidade máis poboada do Estado de Wisconsin. O conservadurismo político desta zona (sexa de dereita ou esquerda) vai da man cunha profunda homofobia arraigada na xente. As invertidas criadas en Milwaukee sufriron desde sempre a homofobia cotiá e a agresión física como forma correctiva para calquera persoa que se delatase públicamente como queer. En EEUU que sexa asasinada unha persoa non heterosexual, especialmente se ademais é trans, puta e non branca, non é algo estraño, e nesa zona do país case forma parte do cotián. Pero chegou un momento en que algunhas destas persoas comezaron a ter unha práctica política, organizáronse en grupos anarquistas para atallar todas as opresións cotiás, e co desexo de visibilizarse como queers ante as vindeiras mobilizacións contra as convencións pre-electorais dos partidos Republicano e Demócrata e a conflitividade social crecente. Para entón, durante varios anos colectivos noutros lugares máis politizados de EE.UU. (New York, San Francisco…) levaran a cabo un profundo traballo de xénero dentro do anarquismo local, sensibilizando aos seus compoñentes sobre a opresión específica homofóbica, sobre a loita trans, o cárcere e a opresión sexual… todo baixo o rumbo que a palabra queer ten en EEUU, que non só alude á deconstrucción do binarismo de xénero, senón tamén a prácticas de acción directa na loita que enlazan bastante ben co promulgado desde todo o anarquismo. Con décadas detrás de traballo da loita feminista, o Poder Negro e a mesma disidencia sexual (EE.UU. é o berce de grupos como o Gai Liberation Front, Queer Nation ou Lesbian Avenger) e certa interacción informal entre eles, o traballo foi dando os seus froitos.

En 2008 membros de Milwaukee Anarchists organízanse autónomamente visibilizándose como queers e forman Bash Back!. Dous membros escriben o libelo Towards to Queerest Insurrection (“Cara á insurreción máis queer“), que difunden concienzudamente dentro do anarquismo estadounidense. Comezan a promover dentro da disidencia sexual local prácticas de autodefensa: clases de artes marciais, boxeo, rouban artigos de luxo e véndenos para comprar e agasallar bates de baseball, pancas, martelos, proteccións, puños americanos, navallas e crean unha rede telefónica para avisarse en caso de agresión. E funciona: dous compas son perseguidos por un grupo de Frat Boys (“mozos de fraternidade”, traducible por “machirulos”) ata agocharse no Campus de Milwaukee. Actívase a rede de chamadas. Nun intre, un grupo de invertidas e dexeneradas armadas ata os dentes preséntase na zona, dálles unha malleira tremenda aos machirulos e rescata aos seus compañeiros.

Como ben dixo algún politicucho algunha vez, o anarquismo é un virus que se expande se non se lle coloca un cordón sanitario ao redor. E entre a conxuntura da crise e a radicalización dos movementos sociais estadounidenses, Bash Back! comeza a facerse oír e expandirse por toda a xeografía ianqui. Denver, New York, Seattle, Berkeley, Memphis, Lansing, Minneapolis, Chicago, Philadelphia, Washington, Olympia… son cidades ás que viaxan membros de Bash Back! Milwaukee ou militantes doutros Bash Back! onde xente de Milwaukee fora anteriormente. Comeza a crearse unha especie de federación informal, con multitude de colectivos chamados igual que se autodenominan anarco-queers e operan en consecuencia dentro das súas especificidades locais, sen unha liña común definida, nin asembleas plenarias, nin encontros predefinidos, nin estatutos.

O Gai Pride (“Orgullo Gai”) de 2008 será longamente lembrado en EE.UU., moito máis que aquel en 1990 no que Queer Nation irrompeu co seu comunicado “I hate the Straights!” (“Odio aos heteros!”). En Milwaukee, simultáneamente convocouse un congreso do National-Socialist Movement estadounidense cun discurso aberta e belixerantemente homofóbico. hyUn grupo de radicais queers con armamento dabondo, bandeiras rosinegras, carapuchas e tras unha pancarta que dicía “These faggots kill fascists” (“Eses maricóns matan fascistas”) irromperon nas inmediacións do acto hostiando a calquera nazi que se lles achegase, mandando un número considerable ao hospital e abandonando a zona soamente cun ferido de consideración e camuflándose entre o Pride oficial.

En Chicago e Memphis, Bash Back! preséntase nos actos oficiais realizando accións de boicot e denuncia do proceso de xentrificación dos barrios “gais”, a incitación perpetua ao consumo e as políticas de asimilación promovidas entón polo Partido Demócrata no preludio do gabinete Obama (adopción, matrimonio…). Ese mesmo verán teñen lugar en Denver e Saint Paul respectivamente as citadas Convencións do Partido Demócrata e Republicano. Nestas convencións elíxese quen vai ser presidente e vicepresidente de cada partido nas próximas eleccións en caso de gañalas. En Saint Paul BB! realiza un piquete, evitando durante longo intre que os coches republicanos accedan á convención, ata que a policía dispérsaos violentamente. En Denver, cidade de maior tradición política, realízase unha inmensa manifestación anti-Convención cun nutrido Black Bloc (“Bloque Negro”) ao final. Dentro do Black Bloc aparece un “trans and queer bloc” que se destaca na destrución do mobiliario urbano e na respectiva confrontación coa policía, ante a mirada estupefacta do hetero anarcobloque ante bandeiras queers esnaquizando escaparates e golpeando cascos de antidisturbios.

hgfdEn novembro de 2008 Bash Back! é catapultado á fama grazas á prensa. Para visibilizar a homofobia montaraz da Mount Hope Church (Igrexa do Monte da Esperanza) de Lansing, realízase unha acción que membros do colectivo cualificaban de “lixeira”: durante un acto multitudinario, militantes de Bash Back! sóbense aos altos da igrexa e despregan unha pancarta asinada co lema “It’s OK to be gai” (“É bo ser gai”) mentres abaixo varias persoas de mesmo sexo social asignado comezan a comerse a boca á saída da igrexa. As reaccións foron desde fieis que tentaron agredir ás compas, ata ultracristianas que desmaiáronse alí mesmo ao ver tales aberrantes actos. A pesar da recente vitoria electoral de Obama, orquestrouse unha campaña mediática contra Bash Back! na que se daba cobertura a comentarios de membros da igrexa que o cualificaban de ser un grupo satánico, pagán, antiamericano, comunista (!) e, por suposto, comentarios homófobos respectivos que aludían a que a homosexualidade non só é unha enfermidade, senón tamén unha condena para a xente que realiza tales actos. A ultracristiana Alliance Defending Freedom (“Alianza de Defensa da Liberdade”, xa, claro…) interpuxo unha denuncia ás persoas filiadas na acción, requiriu que fosen vulneradas as súas contas do servidor anarquista riseup.net para buscar máis responsables e logrou que por orde xudicial condenásese ás participantes a pagar 2750 $ dólares en total por danos e prexuízos, e a que non puidesen achegarse a unha cantidade de metros estipulada a un edificio relixioso.

Co de Lansing recente e a Administración Obama legalizando o novo lote legal de asimilación gai estadounidense, en setembro de 2009 convócase un G-20 en Pittsburgh. Bash Back! mobilízase a nivel estatal para acudir a él. Prepáranse multitude de actos: mini-parlamentos rueiros para falar de alternativas ao capitalismo, charlas, accións directas, o típico paseíllo pacífico… e o Black Bloc, por suposto. Mentres cidadanistas apagalumes enfróntanse a anarcoinsurrecionalistas furibundos vestidos de negro nas inmediacións da reunión, BB! organiza un cabaret travesti nun barrio rico da cidade. Ao finalizar o cabaret, ante a total ausencia policial, un membro do colectivo agarra a megafonía e advirte de que o grupo de asistentes vai comezar a moverse en manifestación. Cando crucen a terceira mazá, van destruír todo o que haxa ao redor. Quen non queira participar, que se marche antes de cruzar a terceira rúa. Dito e feito: unha multitude de maricóns, bolleiras, travolos, putas, vestidas con ás de anxo, varitas máxicas, perrucas… e martelos, paus e lastras deixa atrás o terceiro cruzamento e comeza a esnaquizar todos os comercios pijos a ambos os dous lados da rúa, sen intervención policial algunha. Polo camiño, atópanse cuns Frat Boys que, ao ver unha turba de mariconazos e ademais disfrazados, dispóñense a facerlles fronte. Claramente, levan a malleira da súa vida. Tras varias mazás arrasadas, a piara dispérsase sen ningún detido. O Black Bloc non se cría o que ocorreu, e floreceron os comentarios estupefactos ante tales feitos. De entre o anarcomachirulismo destacouse un recoñecido militante anarquista partícipe na contracumbre, que nun artigo en prensa afín escribiu que eses disturbios non puideron facelos queers, porque a xente queer é débil e dedícase a outras cousas que non son disturbios (como cheirar flores, ir a garitos a ligar…), facendo seu o discurso LGTB oficial e toda a homofobia refundada que o rodea. Ante tamaña gilipollez, Bash Back! saíu ao paso cun comunicado desternillante no que aseguraban que a máxima expresión da palabra queer é precisamente iso, facer disturbios, queimar colectores.

Derivadas dos case 200 arrestos durante o G-20 houbo varias prisións preventivas para os seus partícipes, entre os cales se atopaba Ariel Attack, trans de Bash Back! Denver, a quen se condenou a 18 meses de prisión e cuantiosas multas baixo a acusación de escachar escaparates durante a Convención demócrata. Comezaron a realizarse accións de solidariedade, especialmente orientadas a esnaquizar a fachada de bancos ou edificios oficiais e asinar co nome do preso. Entón o Poder xudicial comezou a ameazar con que se seguían as accións, ao estar asinadas co seu nome, llas encausarían ao preso (que ten poderes extrasensoriais e pode destruír bancos desde a cela). Entre este intercambio dialéctico, un certeiro cóctel molotov reduce a cinzas unha sucursal da Wells Fargo, banca ianqui superprogresista, famosa por presumir de dar diñeiro a proxectos ecoloxistas, feministas institucionais… e, por suposto, aos grupos LGTB oficiais. Ao asinarse a acción en solidariedade con Ariel, Wells Fargo ten un curtocircuíto mental e retira as subvencións aos grupos LGTB, obxectivo tentado durante anos e anos polos grupos queer radicais con comunicados, performances… e ao final un único molotov lógrao de súpeto. Aos catro meses aproximadamente de comer prisión, o compañeiro sae do cárcere sen explicación xudicial algunha, pero crese claramente que a campaña de solidariedade tivo algo que ver niso.

Entre 2010 e 2011 os grupos de Bash Back! formais vanse disolvendo, pois consideran que existe xa un espírito dentro de moita xente da contorna queer de autodefensa, de vinganza, de resistencia autónoma ao heteropatriarcado, polo que os colectivos non só xa non serven, senón que poden ser contraproducentes. Bash Back! queda como un espírito de loita, como un nome co que asinar unha acción se é realizada contra o poder branco hetero, ao estilo descentralizado da Fronte de Liberación Animal. Por esas datas en Milwaukee unha prostituta trans e negra foi asasinada por un branco e hetero veciño da localidade. BB! Milwaukee xa non existía, foi o primeiro grupo en disolverse. Convocouse unha concentración fronte á casa da asasinada no seu recordo. A continuación e de xeito inesperado, persoas enmascaradas e sen ningunha relación con BB! Milwaukee incitaron ás concentradas a moverse ata a casa do asasino. Cando se aproximaban ao inmoble, sacaron atochas e acendéronas. Ao chegar á casa, escacharon as súas xanelas e introduciron as atochas dentro. A casa ardeu ata os seus cimentos.

En 2011 a situación económica e política de EEUU agrávase, e con iso as reaccións das Beware-Pink-Blocpersoas contra o Estado. A policía extrema as súas accións, asasinando a varias persoas por motivos raciais que incitan motíns en Oakland e en Seattle. Nesta última, no Gai Pride de 2011 unha manada de invertidas baixo o nome de Queers Fucking Queers realiza un Pink Bloc (“Bloque Rosa”) polo centro da cidade, atacando tendas de roupa pija binarista e enfrontándose á policía. Doce coches da policía de Seattle quedan danados pola manifestación, que se dispersa sen detencións.

Sucédense os ataques a membros do NSM, unha igrexa de Mars Hill arde en Portland en recordo de varias trans asasinadas, sabotéanse bancos, xornais… En outubro de 2011 irrompe o Occupy Movement na costa este, cunha tinguidura de clase media branca triste porque lle quitaron algúns dos seus privilexios. En Seattle ou Oakland, grazas á presenza de negros, queers e anarquistas, o Occupy adquire tinguiduras moito máis radicais. Na acampada de Oakland destaca un grupo queer feminista que traballa a disidencia sexual dentro do movemento e organiza un destrutor Pink Bloc para a folga xeral de Oakland de novembro de 2012. En Seattle anarco-queers convocan outro Queer Fucking Queers en xuño de 2012 brutalmente reprimido pola policía. En resposta, centos de anarco-queers e simpatizantes concéntranse diante do poder policial local ben armadas en resposta á represión, ante o cal a policía se encerra hermeticamente dentro do edificio morta de medo ata que as manifestantes márchanse. Algunhas accións máis están documentadas no zine Espazos Perigosos. Resistencia violenta, autodefensa e loita insurrecionalista en contra do xénero, unha recente publicación do ámbito queer estadounidense, onde, ademais de enunciarse varias accións directas recentes, póñense sobre a mesa novos debates sobre xénero da zona, como a substitución dos comúnmente chamados “espazos de seguridade” libres de patriarcado por “espazos de perigo” nos que, entendendo que persoas de condicións vitais afastadas do home branco heterosexual sempre son susceptibles de ser agredidas, hai que estar sempre alerta en calquera espazo.

En xuño de 2011 CeCe McDonald, unha prostituta trans negra de Minneapolis, atopábase nun bar cando un nazi local comezou a acosala verbalmente polas súas saídas da norma branca hetero. Comezaron a pelexarse, e CeCe asestoulle unha coitelada mortal no torso, onde casualmente tiña tatuada unha esvástica. Foi arrestada e posta en liberdade baixo fianza á espera de xuízo baixo cargos de homicidio. Segundo a lexislación ianqui, estariamos ante un caso de defensa propia, o cal non sería penalizado, pero ao tratarse dunha puta, trans e negra… A continuación comezou unha campaña de solidariedade por CeCe, na que se destacaron ataques contra bancos, edificios administrativos, un Starbucks e un molotov contra unha oficina principal da Wells Fargo. Unha das accións levouse a cabo en Denver o primeiro de maio de 2012, o mesmo día no que unha brutal folga xeral, a primeira a nivel estatal na historia de EEUU, poñía en evidencia a inmensísima conflitividade social actual no país hexemónico. Como resposta represiva á folga, cinco persoas da contorna anarquista de EEUU foron chamadas a declarar ante o Gran Xurado, unha figura xudicial estadounidense especializada na represión de movementos políticos (a responsable da brutal represión ao movemento de liberación animal hai unha década) segundo a cal podes permanecer ata 3 anos en prisión se te negas a dar información ao Estado sobre as actividades políticas doutras persoas. Ningunha falou. Unha das encarceradas pertencía á contorna anarco-queer local. Actualmente catro delas atópanse en liberdade vixiada tras o seu paso polo cárcere, e unha atópase fuxida e escribindo comunicados ao poder xudicial ianqui dicíndolle que se foda, que non a atoparán nunca.

A pesar desta conxuntura represiva actual, moi probablemente o espírito Bash Back! atópese agora organizando o vindeiro Gai Pride á súa maneira, con acción directa e loita contra o Estado. Se algo nos ensina esta experiencia, é que a acción directa, a auto-organización, a autodefensa, o apoio mutuo, a contundencia… son estratexias políticas necesarias para calquera grupo social soxulgado pola norma imperante. E que non son só palabras, senón que é posible materializar todo iso e obter de aí un movemento social autónomo e combativo. A realidade ianqui non é igual que a ibérica, alí a opresión social, os privilexios, a antirrepresión… son fenómenos máis traballados froito da necesidade imperante, e a xente militante asúmeo moito máis. Pero a conxuntura actual no Estado español comeza a ser non moi diferente á estadounidense, cos efectos da “crise” cada vez máis visibles. Non dentro de moito será indispensable para a vida urbana asaltar supermercados para comer, okupar casas, defenderse ante os abusos policiais… todo iso xunto á específica opresión de xénero e sexo que se engadirá a todo o demais. Un mundo extremo esixe posicións extremas. Tomémolas e fagámolas un feito.

T. Piras.

hgf

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: