O Banc Expropiat e o foco deforme

Por Héctor TM

Moitas das máis recentes teorías políticas que teñen que ver coa transformación social e a procura da xustiza falan da importancia de refocalizar. Por exemplo, as feministas, que viñeron popularizando os xa célebres “lentes de cor lila”, ou os ecoloxistas, que nos axudaron a vernos non como os donos do mundo se non como unha parte máis dun planeta (un que estamos a desestabilizar perigosamente). Onde poñer o foco á hora de comprender un conflito de intereses é unha das cuestións máis básicas se non queremos caer en erros básicos labores unha e outra vez pola civilización occidental, desde o racismo ata o fascismo. Saber desde onde enviamos a mirada, onde colocamos a cámara, é imprescindible pra, como dicía Malcom X, “non acabar odiando aos oprimidos e amando ao opresor”.

A visibilidade pública destas últimas xornadas de protestas polo Banc Expropiat demostraron ata que punto moitos de nós temos o foco completamente deformado. E iso que era moi fácil entender porque está a pasar todo isto, e máis tendo en conta que, ironías do destino, está a celebrarse o aniversario do Efecto Can Vies. O concello e a prensa daquel entón tardaron en darse conta do que estaba a acontecer, e pra cando se lle veu encima, xa era demasiado tarde. Ao final, Can Vies quedou no barrio. A cambio, ducias de xuízos e feridos. Ese é o prezo que pagan os okupas, bastante máis caro que un aluguer, por certo. Pero claro, ese pago non entra nunca dentro do foco de atención dos medios.

Cando a unha cámara rómpeselle a lente e a partir de aí desenfoca, podemos ver siluetas, pero nunca unha imaxe coherente. Isto estalle sucedendo a todo o mundo que non viviu no barrio de Gracia estes últimos anos e non participou nas mobilizacións desta semana. O que se dirime na cuestión do Banc Expropiat non son nin os métodos violentos nin a necesidade dun espazo onde levar a cabo esa “estimadísima labor social no barrio” (valórese que isto último non o digo eu, dio o ex-alcalde Trias, aínda que logo borre os tuits onde o dixo). O foco neste tema ten que poñerse nun modo de sentir, de actuar e de vivir; un modo que non ten cabida no capitalismo. Igual que no capitalismo non teñen cabida moitas das persoas que enarboran ese modo de vida.

Aos okupas pódeselles tachar de inocentes, de románticos, de descastados, pero non desde logo de esaxerados, de extremistas ou de violentos. Esaxerado é doar en segredo 65000 euros do erario público a un investidor privado pra aforrarche un problema e pasarllo ao seguinte goberno, como fixo o consistorio de CIU. Extremista é que bancos que invisten en armamento e desaufizan familias sexan rescatados con diñeiro público e manteñan propiedades en mans mortas sen penalización algunha. Violento… como era? “Violencia é cobrar 600 euros ao mes” dicían uns. “Violencia non é a solución, violencia non é a resposta”, din agora outros. Claro que non. A violencia non é algo espontáneo nin planificado, é algo estrutural, enquistado, é algo que vén formando parte das sociedades humanas desde que existen líderes e encarcerados, desde que existen ricos e pobres, desde que hai roles de xénero impostos por mandato divino e desde que hai colonizados e colonizadores. A violencia non é unha elección libre, é unha imposición indesexada que todos nós temos que comer por culpa da nosa herdanza histórica. Quen teña a sorte (ou o privilexio) de non ter que cruzarse con esa violencia latente, nen sequera de forma simbólica, non debería ter dereito a dicirlle a outros como deben reaccionar ante ela cando lle dá por chamar á súa porta de madrugada cun ariete. Se alguén se atreve a pensar que a maioría da xente que viviu disturbios ou brutalidade policial faio por diversión é porque xamais o viviu nas súas carnes. Ao contrario, a sensación xeral, e se preguntasen saberíano, é o medo.

Novamente, o foco. Por unha banda dise que os okupas son uns sucios desharapados que non teñen oficio nin beneficio. Se isto é certo, por qué motivo deciden xogarse o tipo e enfrontarse a uniformados armados con adestramento militar en guerrilla urbana? Cómo se conxuga a imaxe dos antisistema como unha cuadrilla de vagos coas acusacións de “violencia organizada”? Por qué rapaces a penas maiores de idade arriscan a súa integridade física e o seu futuro, podendo chegar a ser mutilados, encarcerados ou simplemente identificados, pasándose a converterse en parias sociais a ollos da maioría acrítica e dos poderes fácticos? Non é contraditorio todo isto coa construción mediática do okupa perroflauta, individualista e despreocupado? Por qué de súpeto están tan dispostos a dar a cara por un simple edificio?

Pra iso habería que focalizar qué representa o Banc Expropiat pra os que estiveron enfrontándose á policía que o pechou. Algunhas persoas non entenden por qué se teñen que producir tantas desfeitas por un simple espazo baleiro. A alcaldesa Colau, que ata agora estivo a evitar o tema coma se non fóra a ocorrerlle nada, dicindo que era “un conflito entre partes privadas”, di ofrecer outro lugar onde desenvolver as actividades (do mesmo xeito que dicía Trias que ofrecía alternativas a Can Vies). Parece mentira que sendo ex-okupa non saiba (ou non queira ver) o fútil dese ofrecemento. Desde o portal VilaWeb, un dos poucos medios que non se dedicaron a manipular con montaxes falsas de disturbios pertencentes a outro momento, ou a falar unicamente do número de colectores queimados (de súpeto os colectores teñen maior atención mediática que os refuxiados), o seu editor Vicent Partal dicía que “a ocupación do edificio non era necesaria xa que as súas actividades podían levarse a cabo en calquera centro cívico”. Equivócase. E equivócase porque nun caso como o do Banc as actividades non son o máis importante da súa existencia, precisamente polo feito de que poderían facerse en (case) calquera outro lugar. O importante do Banc é o seu apelido: a expropiación. A loita polo Banc ten sentido porque politicamente é coherente.

A ocupación do Banc causa dor ao capital ao extraérselle unha posibilidade de xerar riqueza exponencial, non só por ser un banco en mans dos defraudadores de Caixa Catalunya senón por que o seu actual dono, Bravo Solano, un empresario especulador, estaba a fregarse as mans pensando en todo o que podía gañarlle a algo así nun barrio en pleno proceso de xentrificación como é Gracia. Se os activistas do Banc renuncian ao inmoble e vanse a outro cedido polo Concello non só perderían a vantaxe efectiva de pecharlle posibilidades de explotación económica e deter en parte a elitización do barrio, é que ademais estaríanlle a deber un favor aos políticos, renunciando así á máxima da autogestión.

O Banc ten a súa orixe nas mobilizacións do 15M, onde, se somos capaces de lembrar (feito estraño dentro do xornalismo mainstream) gritábase aquilo de “non nos representan” ou “o pobo unido funciona sen partidos”. Agora resulta que os autoproclamados axentes do cambio móstranse indignados porque os activistas rexeitan a súa axuda cando foi precisamente esa actitude a que nun principio brindou fama a organizacións como En Comú. Máis ironías do destino, supoño.

No fondo, o que subxace e dá medo dos disturbios do Banc non son as desfeitas que pagarán as aseguradoras, e non é nin moito menos a brutalidade policial indiscriminada e intencionada (curioso que, unha vez máis, xornalistas da Directa son atacados por antidisturbios, como sucedeu en Can Vies). O que dá medo a quen paga aos medios de comunicación pra que desenfoquen a cuestión é o feito de que hai un puñado de xente moi convencida do que fai, disposta a arriscarse por unhas ideas e que demostra que non necesita asistencialismo nin paternalismo, se non que se valen coa solidariedade e o apoio mutuo pra sacar adiante o seu proxecto. O peor que lle pode pasar a quen ten o poder é que a xente chegue a darse conta de que a súa existencia poida chegar a ser prescindible. Pero niso, ninguén reparou ata agora.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: