Tolemia da Ciencia

Como non vai estar tola a Ciencia que rexe o Réxime (léase nos 2 sentidos) que nos dá conta da Realidade? Sempre, desde que hai un mundo que ten que saberse, dar conta de sí mesmo, toda Teoloxía ou Filosofía ou Ciencia estiveron necesariamente tolas: non pode ser por menos, xa que tiñan que encargarse, unha tras outra de razoar a Fe que sostén a Realidade (sen Fe non hai Realidade que valla; ben o sabe o noso Réxime, que cada día, por T.V. e demais medios, adícase a facerlles ver ás poboacións que o R. é o R., non sexa que se esquecer e pase algo), e o empeño de razoar a Fe é unha obsesión e un sensentido.

A xente, co de sentido común que queda por baixo das súas Persoas, viuse sempre apercibindo diso, e murmurándoo ás veces polo baixo; pero quen vai dicir en voz alta “É falso, é unha tolemia isto que nos contan: o Rey está espido”, quen vai alzar a voz contra o Mago da Tribo, os Curas de Almas, os Doutores da Igrexa, nin menos nos nosos días contra a Ciencia que lles fornecen por vulgarización a eito, cando sabe que detrás do Mago, dos Curas, dos Científicos está, con todos os seus sabres e canóns a punto, o Señor, Estado ou Capital, disposto a defender a Fe por calquera Medio, a eliminar descreídos por degolos, fusilamentos, batallas, guerriñas dunha Fe con outra (para que non se descubra que son a mesma) e cando, peor aínda, cada quisque para o sustento da súa propia Persoa necesita a mesma Fe?.

Das tolemias das vellas Ciencias ou Relixións, o mundo repousando na cuncha dunha tartaruga que nada sobre as augas de abaixo, as chamas eternas do Inferno, as hurís que Alá gárdalles aos fieis que morran pola Idea Santa, xa vos riredes ás veces (é fácil, desde a Fe certa que a Ciencia lles proporciona), pois bo, rirvos agora un pouco da que lles toca e hoxe domina (en bo consorcio, polo demais, cos restos de maxias e crenzas que medran ao seu amparo), ride, se podedes, das últimas tolemias da Física ou Ciencia da Realidade máis avanzada, a dos Quanta, que se empeña en casar coa Relatividade Xeral que o xenio do pasado século legounos; por exemplo, o intento, vello desde Demócrito e Epicuro polo menos, de buscarlle a este mundo, aparentemente tan desordenado, unha lei ou regularidade por remisión aos elementos mínimos, que por combinación darían nas vastas irregularidades e complexidade da realidade palpable, mentres eles terían estruturas e leis simples e matemáticas, progresou ata os nosos días no sentido de transcender, da observación máis ou menos indirecta dos elementos subatómicos, á prosecución do cálculo máis aló, ata dar en tiritas ou culebriñas que serían trillóns e trillóns de veces máis pequenas que un átomo de hidróxeno, inasequibles a toda observación (ao cálculo non hai quen lle poña límites: para iso incluíu o de “infinito” no seu aparello), pero que servirían para superar o dilema de pensar o elemento ou como onda ou como partícula, e así acharían (é, ao fin, do que se trata) o punto de conexión entre razón matemática e realidade física.

O intento afúndese nun abismo de tolemia; pero iso non quita que os vulgarizadores máis vendidos tradúzano en termos concebibles e reais, e fáganlles tratar con esas culebriñas ou, para o caso, cos buracos negros do ceo coma se fosen unhas cousas, partes da Realidade. “Pero é que” dirame algún: “fundándose en tales cálculos ou teorías, pódense preparar esperimentos e predicir os resultados”. Si, señores: o criterio de veracidade é o éxito na predición; ou sexa aquilo dos medievais da verdade como “adecuación á cousa”; coma se non soubésemos por aquí que a Realidade é, en efecto, bastante congruente consigo mesma; e, mentres os problemas se formulen dentro da Realidade e dos seus termos, son moi altas as probabilidades de éxito, o mesmo en Física que en Finanzas (o éxito é un premio da Fe): agora, se a Física vén dar na tolemia de esplicar o Todo, de concibir (desde onde?) a Realidade mesma, aí ábreselle o abismo da verdade sen fin.

Outro día contarei o que está a pasar coa luz.

 

Agustín García Calvo (febreiro de 2004)

Traducido por B.Castrón para Abordaxe

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: