As orixes do 1 de maio -A Idea de Chicago-

Escrito polo colectivo “Nuevo Proyecto Histórico”

Haymarket_explosionO primeiro de maio non é ningunha festa do traballo, como nos fixo crer a liturxia do movimento obreiro reformista fordista ou a mesma Igrexa ou, incluso, certos partidos da esquerda anacrónica. Se hai algo de festivo é contra o traballo posfordista. Abolir a forma asalariada do traballo non é unha inxenuidade anarquista, nen o mito do bo salvaxe. Así como o traballo é o motor central da historia, que permitiu dominar a natureza e modificar as nosas propias capacidades, agora debemos liberarnos da penúltima escravitude, do traballo asalariado, como unha necesidade de supervivencia do movimento. O Capital-Parlamentarismo é o momento histórico no cal esta contradición ten a posibilidade de ser superada. Debe ser unha xornada similar a unha folga salvaxe, un día antagonista.

Todas máis ou menos coñecemos a historia. Primeiro de Maio de 1886. Un xornal de Chicago informa: “Non saía fume das altas chimineas das fábricas e talleres; e todo tiña un ar dominical”. O Philadelphia Tribune escribira: “Ao elemento obreiro picouno unha especie de tarántula universal…  toleou”. En Detroit, 11.000 traballadores marcharon nun desfile de oito horas. En New York, unha marcha con antorchas de 25.000 obreiros pasou como torrente de Broadway a Union Square; 40.000 fixeron folga. En Cincinnati, un traballador describiu o mitin inicial: “So levamos bandeiras vermellas… a única canción que cantamos foi Arbeiters Marseillaise… un batallón obreiro de 400 rifles Springfield encabezou o desfile. Era a Leher und Wehr Verein, a sociedade protectora e educacional de obreiros aguerridos…. Todos agardábamos violencia, supoño”. En Louisville, Kentucky, máis de 6000 traballadores, negros e brancos, marcharon polo Parque Nacional violando deliberadamente o edicto que prohibía a entrada de xente de cor. En Chicago, o baluarte da rebelión, canto menos 30.000 obreiros fixeron folga. Todos os trens pararon, os currais de gando pecháronse, os peiraos estaban repletos de barcazas cheas de carga. Aos líderes conservadores empurráronos á periferia. Unha  grande columna de proletarios e familias, en roupa de domingo, encheu a avenida Michigan. Un incidente crítico aconteceu na planta de McCormick Reaper. Os patróns pecharon a planta dende mediados do verán aos traballadores sindicalizados e a policía acudía a  diario con grupos de crebafolgas.

O 2 de maio o compañeiro Spies, esgotado, presentouse para dar un dos seus moitos discursos ante os traballadores reunidos no campo. Mentres un grupo de 6000 ou 7000 traballadores escoitaba, uns cantos centenares foron a confrontar os crebafolgas que nese momento saían da planta do “Arbeiter Zeitung” : “De súpeto, oíronse disparos perto da planta de McCormick e máis ou menos setenta e cinco asasinos robustos, grandotes e ben comidos, ao mando dun tenente gordo de policía, pasaron, seguidos por tres vagóns cheos de bestas da orde pública. No medio dunha batalla de pedras dos obreiros e as balas da policía, os traballadores de súpeto dispersáronse e fuxiron. Nas costas estouráronlle  balas. Polo menos dous traballadores caeron mortos; moitos quedaron feridos, entre eles moitos nenos”. En cousa de horas un volante, escrito polo iracundo Spies, circulaba nos tugurios da clase obreira. “OBREIROS, ÁS ARMAS!!!”; proclamava: “Os seus amos desataron os seus sabuxos (a policía) e mataron seis dos seus irmáns en McCormick esta tarde. Mataron aos desafortunados porque eles, como vostedes, tiveron o valor de desobedecer a vontade suprema dos seus patróns…. Alzaranse en masa, como Hércules, e destruirán o nefando monstro que busca destruílos. Ás armas, chamamos ás armas!”.

Ao día seguinte, o 3 de maio, o crecemento da folga era “alarmante”. No movemento participaban máis de 340.000 traballadores por todo o país, 190.000 deles en folga. En Chicago, 80.000 facían folga. Cando centenares de costureiras se lanzaron á rúa para sumarse ás manifestacións, o Chicago Tribune publicou: “Amazonas bravas!”. Neste momento candente, o “Arbeiter Zeitung” fixo un chamamento á loita armada, como sempre o fixera, salvo que agora tiña un claro ton de urxencia: “O sangue verquiuse. Aconteceu o que tiña que acontecer. A milicia non estivo a adestrarse en van. Ao longo da historia, a orixe da propiedade privada foi a violencia. A guerra de clases chegou… Na pobre choupana, mulleres e nenos cubertos de retallos choran por marido e pai. No pazo brindan, con copas cheas de viño custoso, pola felicidade dos bandidos sanguentos da orde pública. Séquense as bágoas, pobres e condenados: anímense escravos e tumben o sistema de latrocinio”. Nas salas de reunión dos proletarios, ruxían intensos debates; o tigre capitalista efectivamente atacara e miles debatían como respostar. Aparentemente, importantes faccións querían unha insurreción. Convocouse unha reunión popular na praza Haymarket para a noite do 4 de maio. Preocupados pola posibilidade dunha emboscada, os organizadores escolleron un lugar aberto e grande con moitas rutas de escape. Despois dunha acalorada disputa, Spies convenceu aos organizadores de Haymarket de que retirasen o seu chamamento a un mitin armado e que, no seu lugar, celebrasen o mitin co maior número de asistentes posible.

A mañá do 4 de maio, a policía atacou unha columna de 3000 folguistas. Por toda a cidade se formaron grupos de traballadores. Ao atardecer, Haymarket era unha das moitas reunións de protesta, con 3000 participantes. Os discursos seguiron, un tras outro, dende a parte de atrás dun vagón. Ao comezar a chover, a reunión disolveuse. De súpeto, cando soamente quedaban 200 asistentes, un destacamento de 180 policías, fortemente armados, presentouse e un oficial ordenou dispersarse. Respondéronlle que era un mitin legal e pacífico. Cando o capitán de policía se volteou para darlles ordes aos seus homes, unha bomba estalou nas súas filas. A policía transformou a Haymarket nunha zona de lume indiscriminado, descargando salva tras salva contra a multitude, matando varios e ferindo 200. No barrio reinaba o terror; as farmacias amontonábanse de feridos. A clase dominante usou este incidente como pretexto para desatar a súa planeada ofensiva: nas rúas, nos tribunais e na prensa.

Os xornais, en Chicago e por todo o país, volvéronse tolos. Demandaron a execución instantánea de todo subversivo. Os titulares bramaban: “Brutos sanguentos”, “Rufiáns vermellos”, “Ondean bandeiras vermellas”, “Dinamarquistas”. O Chicago Tribune escribiu o 6 de maio: “Estas serpes quentáronse e alimentaron baixo o sol da tolerancia ata que, ao final, se encoraxaron para atacar a sociedade, a orde pública e o goberno”. O Chicago Herald do 6 de maio: “A chusma que Spies e Fielden incitou a matar, non son americanos, son a fez de Europa que veu a estas costas para abusar da hospitalidade e desafiar a autoridade do país”. O 5 de maio en Milwaukee a milicia do Estado respondeu cunha masacre sanguenta dun mitin de traballadores; balacearon a oito traballadores polacos e un alemán por violar a lei marcial. En Chicago, unha operación encheu os cárceres de miles de revolucionarios e folguistas. Para describir os interrogatorios, algúns historiadores usaron a palabra tortura. Os grupos de caza usaron listas de subscrición. Entraron á forza en salas de reunión e casas, destruíron prensas obreiras. Arrestaron a todo o equipo de imprenta do Arbeiter Zeitung. A policía exhibiu todas as probas que se precavira de atopar: municións, rifles, espadas, porras, publicacións, bandeiras, pancartas axitadoras, chumbo a granel, moldes de balas, dinamita, bombas, instrucións para fabricar bombas, campos subterráneos de tiro ao branco… A prensa fixo moito escándalo sobre cada descubrimento. Fronte a esta salva de ataques, a folga xeral desintegrouse. O liderado dos traballadores de inclinacións revolucionarias estaba nas poutas da burguesía. A clase dominante abriu un gran xurado en Chicago a mediados de maio. A acusación: asasinar un policía que morreu en Haymarket.

Varios dos acusados eran membros prominentes da IWPA: August Spies, Michael Schwab, Samuel Fielden, Albert R. Parsons, Adolf Fischer, George Engel, Louis Lingg e Oscar Neebe. Evidentemente, o xuízo foi un linchamento legal. O xuízo celebrouse sen ningunha proba de participación no incidente da bomba. Soamente dous dos oito acusados estaban presentes na reunión onde estalou. Xulgáronos polo crime de dirixir aos oprimidos, nin máis nin menos. Resumindo os seus principios revolucionarios ante o tribunal. Spies concluiu con estas palabras: “Ben, estas son as miñas ideas…. se vostedes pensan que poden borrar estas ideas que están a gañar máis e máis partidarios co paso de cada día, se vostedes pensan que poden borralas aforcándonos, se unha vez máis vostedes impoñen a pena de morte por atreverse a dicir a verdade e rétoos a mostrarnos cando mentimos, digo, se a morte é a pena por declarar a verdade, pois, obriga de pagamento con orgullo e desafío o alto prezo! Chamen ao verdugo!”. Lingg, de 21 anos, cuspiu con desafío: “Repito que son inimigo da ‘orde’ de hoxe e repito que, con todas as miñas forzas, mentres teña alento para respirar, a combaterei… Desprézoos. Desprezo a súa orde, as súas leis, a súa autoridade apontoada pola forza. Afórquenme por iso”. Os sete foron condenados a morte.

Xurdiu un gran movemento para defendelos; celebráronse mitins por todo o mundo: Holanda, Francia, Rusia, Italia, España e por todo Estados Unidos. En Alemaña, a reacción dos traballadores sobre Haymarket perturbou tanto a Bismarck que prohibiu toda reunión pública. Ao aproximarse o día da execución, cambiaron a sentenza de dous dos condenados a cadea perpetua. Louis Lingg apareceu morto na súa cela: un fulminante de dinamita vooulle a tapa dos miolos. Non se sabe se isto foi un acto final de desafío; non obstante, se rumoraba que lle ían suspender a execución, así que é probable que a súa morte fose un asasinato. O 11 de novembro, denominado logo o “venres negro”, foi o día programado para a execución. Os xornais de Chicago vibraban con rumores de que ía estalar unha guerra civil nas rúas. O medio millón de persoas que asistiron ao cortexo fúnebre era testemuña de que o nerviosismo da burguesía era xustificado. E parece que se propuxeron plans de atacar o cárcere. Non obstante, os condenados fixeron que os seus compañeiros prometesen non levar a cabo tales “actos temerarios”. Ao mediodía, catro homes (Spies, Engel, Parsons e Fischer) presentáronse ante a forca, con togas brancas. Spies falou, mentres lle cubrían a cabeza coa carapucha: “Chegará un tempo en que o noso silencio será máis poderoso que as voces que vostedes estrangulan hoxe”. Parsons berrou: “Permítame falar, sherif Matson! Que se oia a voz do pobo…”. O nó corredizo apertouse silenciándoo.

Dada a xenealoxía, o 1º de Maio non debe ser entendido nin como o día do Traballo, nin do Traballador, ilustres feriados impostos por Hitler e Stalin, senón xornada de loito e reprimenda, de rebelión e valorización popular. O primeiro de Maio é o día do rexeitamento ao traballo. Festa, pode ser, pero revolucionaria. Os lemas que unha e outra vez aparecían nas pancartas e insignias do 1º de Maio: os Tres oitos (oito horas de traballo, oito horas de esparexemento, oito horas de sono), “Liberdade, Igualdade e Fraternidade” e “Traballadores de todo o mundo, unídevos!”, estaban circunscriptos ao obreiro semiprofesional e artesanal da época. Non obstante, tras eles estaba algo máis grande e menos definible, marcas do instinto social da multitude, tipificado polos dous símbolos que, á marxe da vella iconografía reformista e stalinista, sobreviviron máis duradeiramente: a bandeira vermella e o sol nacente da utopía constituínte.

NOTA.- O Arbeiter-Zeitung foi un xornal anarquista escrito en alemán, creado en Chicago en 1877 polos veteranos da gran folga de ferrocarrís dese ano. Foi o primeiro xornal da clase obreira en Chicago que se mantivo en activo durante un período significativo de tempo, financiábase grazas ás achegas dos lectores. Nas revoltas de 1886 as oficinas do xornal foron asaltadas e os seus discursos e escritos foron utilizados como probas principais para colgar os autores anarquistas. O editor do xornal August Spies e un tipógrafo deste, Adolph Fischer, foron executados na histeria posterior ás detencións. Quen era xerente do xornal Oscar Neebe e o asistente do xefe editorial Michael Schwab foron sentenciados a morte, aínda que máis tarde foron indultados.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: