Néboa

13047658_211023722611304_4899686578930732834_o

O ollo afaise ao que percibe diariamente. Non só falamos de percibir o exterior e o medio no que pasamos a maior parte do tempo e no que discorren a maior parte das nosas actividades. Tamén falamos das inxustizas, represións, violencia e masacre que este sistema exerce.

Un constante ataque de información bombardea as nosas vidas. Desde o que sucede na nosa vila-barrio e decatámonos polo xornal, ata vídeos virais de Tailandia, pasando polo telexornal coas súas noticias manipuladas ata decatarnos por redes sociais de qué sinte, come, ou fai cada persoa que seguimos; en tempo real e ata con localización. Nós non só nos vendemos emocional e psicoloxicamente a cambio duns míseros “laics”; tamén expoñemos todos os nosos medos, situacións, vida, inquedanzas, sentimentos, PRIVACIDADE. Vulnerámonos a nós mesmos sen decatarnos. Deixamos de facer e logo compartir, senón que facemos para compartir. Non gardamos nada para os nosos adentros. Nin ata o máis pequeno detalle, de qué estamos a beber ou de que cor son os nosos calcetíns.

Conectados 24/7 estamos illados de nós mesmos e do qué e quen nos rodea. Xa non hai lugar para pensamentos auténticos, reflexións, (auto)cuestionarse, actuar, cambiar(nos), … se non que todo acábase diluíndo entre tanta virtualidade. E se percibimos as nosas incoherencias e erros, deixamos de actuar para mellorar coa escusa de que todo está moi mal e mira o outro que fai. Sempre pendentes do outro, da vida do outro, de que pensan os outros. A ignorancia parece non existir neste mundo virtual. Esa consciencia da propia ignorancia, sa, que nos leva á curiosidade e a crecer, a coñecer, a experimentar.

Aquí todo o mundo sábeo todo e sobre todo. Todos son mellores que os demais e están por enriba dos demais ou o fixeron antes que os demais. Unha superioridade moral que apesta a quilómetros e só é un indicio de non saber xestionar os nosos defectos e/ou problemas como pode ser a baixa autoestima.

Desconectámonos de nós mesmos e unha DENSA e espesa néboa instálase nos nosos ollos. A nube da indiferenza, tras tanto bombardeo informativo, apodérase de nós, da nosa mente. Tantos estímulos acaban producindo un colapso e deixamos de percibir interior, exterior, “realidade”.

Claro, non imos obviar que nisto xoga un importante papel a tecnoloxía, a adicción ao móbil, a adicción á aprobación allea e a vínculos baleiros e inexistentes. Un nublarse coa creación dunha realidade virtual, con persoas afíns para esquecernos de que a nosa vida segue sendo unha merda, que estamos sós e nin sequera hai unha soa persoa de miles de seguidores á que acudir en caso de emerxencia. Un crearse un círculo de vínculos baleiros con persoas afíns para esquecer a merda de mundo no que vivimos. Que a “loita virtual” que algúns levan está moi ben para concienciar e dar medio, información máis verídica e sen tantos intereses aos que se queren (in)formar. Pero ao final a mesma merda que compartimos non atravesa máis círculos que os xa existentes e por tanto non hai difusión algunha da mensaxe.

A (des)conexión perséguenos onde quera que vaiamos. Xa non é suficiente con cambiar de aires, viaxar ou deixar o móbil en silencio, a nosa mente abandónanos (ou a aprisionamos), quedándose na “realidade” virtual. Xa non somos capaces de estar a soas con nós mesmos. Para non enfrontarnos á nosa vida de merda, ao que latexa nas entrañas desgarrándonos, enchemos cada instante de lecer con merda virtual allea que tragamos con gusto e gula. Xa sen falar do bombardeo e manipulación publicitaria…

Que tal se espertamos desta prisión? Que tal se desconectamos para conectar con nós mesmos e o que nos rodea?

Se dás o paso, quizais te deas conta de que non era néboa, se non merda no cristal da gaiola que eles crearon e na que nós, inxenuos e desesperados por fuxir de nós mesmos e de todo, metémosnos. Se dás o paso, quizais te limpes a mirada e todo se volva máis nítido. E quizais entón empeces a romper unha de tantas gaiolas, nas que estamos metidos. E quizais poderás observar unha pequena flor crecendo entre o asfalto, rebelándose contra tanta tiranía e esquema. E quizais poderás observar moitas máis cousas, que antes non vías por estar cegado coa néboa ou o móbil. Quizais entón poderás comezar a actuar.

Nihilnecnemo

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: