[Barcelona] Sobre a sentenza contra as compas Mónica Caballero e Francisco Solar

Recollemos e traducimos do blogue Instinto Salvaje esta reflexión dende Barcelona asinada por “Algunhas anarquistas” e que revisa a sentenza do xuízo contra as compas Mónica e Francisco (a cal pode ser consultada íntegra neste enlace).

::::::::::::::: new_new_img_0001-1024x602

O pasado 30 de marzo facíase pública a sentenza do xuízo aos anarquistas Mónica Caballero e Francisco Solar. Nela, a sección cuarta da Audiencia Nacional, presidida pola xuíza Ángela Murillo, resolve condenar aos nosos compañeiros a 7 anos de prisión polos cargos de “danos con finalidade terrorista” e 5 anos máis polos cargos de “lesións con finalidade terrorista”, que suman un total de 12 anos de prisión para cada un deles. Tamén son condenados a pagar unha indemnización de 22.000 € para a muller que resultou ferida leve nun oído e 182.000 € ao Cabildo de Zaragoza polos danos materiais que “sufriu” o templo relixioso. Doutra banda, quedan absoltos de “pertenza a organización terrorista” e de “conspiración”.

A sentenza, que coincide coas modificacións que fixo a acusación particular durante o xuízo, a cal variaba os cargos que finalmente mantiña pola súa banda, explícase desta forma:

Pertenza a GAC/FAI-FRI

As acusacións de pertenza á organización terrorista GAC/FAI-FRI caeron basicamente por dúas cuestións. A primeira delas está relacionada coa definición de GAC e FAI-FRI como terrorismo. Nos seus argumentos e tras unha breve descrición do que o tribunal considera que é a FAI-FRI, os seus métodos e estratexias: “A FAI-FRI é unha organización informal paradigma do insurreccionalismo, composto por un número indeterminado de grupos de afinidade dispersos por todo o mundo”, “Tendo todas elas perfectamente acoutado ao seu inimigo xenérico- o Estado- non necesitan dun órgano superior xerárquico que as adestre, organice, e actíveas para o ataque, actuando de maneira independente e anónima.” Así como dos GAC: “Constituíronse nunha especie de coordinadora que supuxo unha nova idea dentro desta rama do anarquismo, xa que coordina e organiza a violencia, tanto no ataque con artefactos incendiarios ou explosivos ao Estado a través dos seus símbolos ou representantes do sistema, como na súa inxerencia en mobilizacións colectivas, co fin de radicalizalas e provocar fortes episodios de fractura social”. Recoñecen que non poden ser catalogadas como organizacións terroristas porque non se axustan estritamente ás definicións que contempla o código penal español e engaden: “Unha organización de estrutura horizontal non é organización.”

A segunda das cuestións ten que ver directamente coa participación de Francisco e Mónica na FAI-FRI ou nos GAC, afirmando que non pode comprobarse que pertencesen a ningún grupo vinculado con ningunha destas siglas, considerando que actuaron de forma autónoma.

Estragos / danos con finalidade terrorista

A figura de “estragos con finalidade terrorista” aínda que non desaparece do todo, transfórmase en “danos con finalidade terrorista”, polo cal, aínda que restan algo de gravidade aos feitos afirmando que o “artefacto explosivo carecía de potencia destrutiva” si que consideran a Mónica e Francisco responsables da acción na Basílica do Pilar. Basicamente esta decisión xustifícase dando credibilidade aos diferentes informes e testemuñas policiais, que centran os seus argumentos nas imaxes captadas polas cámaras de videovigilancia e os peritos antropométricos, “unido ao feito de ser ambos anarquistas insurreccionalistas que perseguen atacar ao Estado”.

Lesións con finalidade terrorista

Aténdese a demanda polas lesións que alega a testemuña da explosión, como efecto da onda expansiva do artefacto explosivo e, da mesma forma que consideran a Mónica e Francisco responsables da acción, responsabilízanlles das lesións desta persoa. Polos cargos de lesións, a acusación particular pedía tamén a “prohibición de residir en Zaragoza durante 10 anos unha vez cumprida a sentenza” como medida de afastamento da testemuña. Esta petición non se favoreceu na sentenza.

Conspiración contra o Mosteiro de Montserrat

Para imputarlles este cargo, bastoulles unha visita ao Mosteiro de Montserrat que Mónica e Francisco fixeron xusto o día antes das súas detencións (feito que os compas sempre recoñeceron) poñendo de relevancia que non mostraban interese algún nas figuras relixiosas. A pesar do intento, este cargo desaparece, xa que valoran que non hai suficientes indicios para asegurar que o obxectivo desa visita fose preparar un ataque.

Tras unha breve exposición da sentenza contra os compañeiros, deixando o circo xudicial, a súa lóxica e fundamentos ao carón, queremos agregar algunhas cousas.

Como anarquistas non recoñecemos a xustiza do Estado nin nada do que a sustenta no seu proxecto de Dominio. Pero que significa ésto exactamente?. Para nós significa que de maneira activa pretendemos manter e continuar a loita contra toda autoridade, sen paralizarnos ou perdernos nos carreiros do armazón legal que nos penaliza. Ou debemos estar permanentemente poñéndonos na cabeza do xuíz, do policía ou do carceleiro? Non parece unha actitude que nos corresponda a nós. A ofensiva represiva do Estado busca romper vínculos e debilitar loitas, así como seguir profundando na súa tarefa de control social en sentido amplo, coas consabidas consecuencias pacificadoras. A práctica do castigo e o “escarmento” é xa coñecida dabondo. De feito, aí están os cárceres como máxima expresión da vinganza estatal cara aos rebeldes e indesexables deste mundo, mundo que fixo do peche e o castigo algo natural e asumido.

Máis aló da información técnica e legal, os interrogantes, reflexións e iniciativas xiran en torno ás nosas propias loitas e a todo o que desde elas queremos expresar e proxectar. Pensamos que a maneira que temos de enfrontarnos á represión di algo sobre a forma que temos de entender a loita e lanzarnos a ela. Nese sentido, moitas continuaremos poñendo énfase na solidariedade e seguiremos insistindo no enfrontamento contra a dominación desde esa perspectiva que concibe a vida e a loita como algo inseparable. Desde o lugar da non renuncia ás ideas, a oposición e resposta aos golpes que nos dan, situámola dentro do noso proxecto revolucionario, e desde ahí seguiremos adiante.

Para finalizar, engadir que Francisco foi trasladado e atópase de novo na prisión de Villabona, Asturias. Mónica continúa ata a data no cárcere de Estremera.

Desde este lado do mundo, toda a forza e solidariedade para Mónica, Francisco e a súa firme actitude ante o peche e o tribunal, así como para todos os anarquistas e loitadores que non se renden e ás revolucionarias que seguen tentando destruír e abrir as gaiolas do sistema.

Nosa máis sincera e cálida complicidade con todos aqueles que, antes que albergar pasivamente as ideas, lánzanse frenéticamente á súa práctica nas súas múltiples formas, posibilitando ao presente da capacidade para seguir tentándoo… Pola anarquía!

Algunhas anarquistas.
Barcelona, abril de 2016.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: