Labregas somos todas

Traducimos e difundimos este artigo publicado no periódico Diagonal o 8 de marzo de 2016. Redactado por Rebeca Raso.

mulleres-labregas

Día internacional das Mulleres Traballadoras, 8 de marzo. Ao cuestionarnos o concepto de traballo e darnos conta de que as opresións van máis aló do establecido no espazo público, este día convértese no Día Internacional das Mulleres. Nel reúnense múltiples voces que claman por un mundo libre e xusto. É emocionante ver e sentir que non estamos soas nesta loita. Por isto tamén quero realzar as loitas dun colectivo bastante importante e numeroso, pero que é pouco recoñecido: o das mulleres labregas.

Centrándonos no contexto galego, é habitual escoitar dicir das mulleres do ámbito rural que son valentes, traballadoras e teñen liberdade, a diferenza do que ocorre noutros lugares nos que as mulleres están subxugadas aos homes. «aquí as mulleres son iguais cos homes». «Son elas as que mandan na casa». As campesiñas e feministas loitaron moito para romper con este mito do «patriarcado con igualdade» e visibilizar como as opresións se expresan neste contexto, como ben fai Lourdes Méndez, por citar algunha. Reivindicacións que pasan polo recoñecemento das campesiñas como traballadoras para ter acceso a todos os dereitos derivados del. Falamos do dereito á seguridade social, á propiedade dos medios de produción, á formación, a créditos, axudas, servizos públicos básicos como transporte, atención sanitaria, garderías, etc. Dereitos que todas as persoas deberían ter e gozar.

No Estado Español, a lei da titularidade das explotacións agrarias vixente ata o 2012 só recoñecía a unha persoa como responsable por explotación agraria. En Galicia, como en tantos outros lugares, é aínda común a repartición do traballo agrícola entre os membros da familia. Mesmo con esta realidade, a lexislación só recoñecía os dereitos como traballadoras das campesiñas cando se rexistraban como unha sociedade agraria co seu marido. Pola contra, eran consideradas como «axuda familiar» ou «familiar colaborador».

A pesar dos cambios na lexislación, as formas e estruturas para ter estes dereitos son complicadas. Primeiro porque é ínfima a información sobre a súa existencia e os seus beneficios, mesmo por parte da administración. Como non podería ser diferente, o proceso burocrático é longo e custoso, ademais de non existir ningún incentivo de adhesión á «nova» lei. Resultados que aparecen nas estatísticas oficiais. Ata esta data, en Galicia só se fixeron 13 solicitudes de titularidade compartida, das 35.000 que se estimaban. Nestas 13, están incluídas as solicitudes feitas por homes e mulleres.

As barreiras económicas son outro punto importante. As reformas e recortes nos servizos públicos, axudas e as políticas agrarias e mercantís limitaron cada vez máis o desenvolvemento e supervivencia das pequenas explotacións agrícolas. A modo ilustrativo cito as reformas do Sistema de Seguridade Social e a PAC. Con menos ingresos, moitas familias só teñen a posibilidade de dar de alta na SS a unha persoa. Seguindo a lóxica do sistema sexo-xénero, as mulleres son as que renuncian a este dereito na maioría dos casos. Condicionadas pola realidade de que é aos homes a quen a sociedade recoñece como responsables de casa-familia (unidade de re-produción da vida) e son maioritariamente eles os titulares de explotacións e terras.

Outro problema fundamental, a pesar de ser pouco discutido, son as dificultades que estas estruturas exercen no momento en que as mulleres abren estes procesos de negociación na familia (esposo, sogrx, cuñadxs). Propoñer un cambio para igualar as condicións en canto á explotación familiar para ela, pode significar o cuestionamento da confianza, lealdade, xenerosidade e do amor cara ao seu marido. O que pode xerar outros problemas como o aumento do control sobre ela (económico e social) e a violencia.

Iso significa que as dificultades relacionadas co acceso á titularidade compartida, por exemplo, vai máis aló do dereito lexislativo. Están directamente vinculadas coas relacións do sistema sexo-xénero establecidas no interior das familias. Espazo entendido como pertencente ao ámbito do privado. Lugar onde non sempre se permite o debate político e público. Noutras palabras, a familia continúa sendo o núcleo fundamental de organización da sociedade e da perpetuación das desigualdades, onde os cuestionamentos sobre a división sexual do traballo e as relacións de poder non teñen cabida. Dificultade que se acentúa nas explotacións rurais xa que os límites que separan o traballo e o espazo do que se considera público e privado, son aínda máis ambiguos que no ámbito urbano. Así, o traballo delas é cualificado e reforzado pola lexislación como «axuda familiar», resultando na súa non inserción no colectivo de traballadoras, suxeito de dereitos.

Por estas e outras cuestións, o día 8 de marzo continúa sendo un marco importante para reunir forzas e lembrar que as mulleres permanecen en distintas situacións de desigualdade como grupo social. Desigualdades que atravesan a toda a sociedade en todos os ámbitos. Por tanto, faise fundamental evidenciar as contradicións que establecen as dicotomías Político/Persoal e Público/Privado na construción de sociedades máis xustas nas que todas as persoas teñan cabida. Consecuentemente, isto pode posibilitar unha ampliación da idea de xustiza para no ámbito da familia. Á vez que apunta á necesidade de políticas que integren de forma articulada aspectos distributivos e de recoñecemento.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: