[Vigo] Eugenia: Cronoloxía dun desaloxo.

eugeniadesaloxo

Crónica recibida no correo da man de ODS-Coia

Hoxe un pequeno grupo de persoas acudimos á rúa Jenaro de la Fuente ante a chamada de urxencia de Eugenia. Ás 11 da mañá axentes da policía nacional petábanlle na porta para informala de que ela e o seu fillo tiñan que deixar a vivenda e entregar as chaves. Ás presas alí nos presentamos para axudalos a recoller os poucos enseres que tiñan. Contra as 12:30 rematamos de baleirar a vivenda e tras entregar as chaves Eugenia ficaba na rúa. O apoio mutuo é o único que a sostén. Como contamos nesta cronoloxía coa súa historia, as diferentes administracións non teñen vontade nin de garantir o dereito a teito, nin a unha vida digna.

Cronoloxía historia de Eugenia

Eugenia é unha muller de 50 anos, con catro fillos, que hoxe, día 10 de febreiro, converteuse nunha vítima máis deste sistema que prioriza a propiedade privada e os intereses mercantilistas por riba dos dereitos e as necesidades das persoas.

Deste modo, e en virtude dun Auto do Xulgado de Instrución nº 6 de Vigo, de data 28 de xaneiro de 2016, ditado nas Dilixencia previas nº 5991/2015 foi executado o desaloxo forzoso de Euxenia e Juan Francisco, o seu fillo de 20 anos.

O caso de Eugenia non é só un caso máis deses desafiuzamentos que segundo o Alcalde de Vigo “non se producen nesta cidade”. O caso de Eugenia é unha mostra fiel e contrastada de que as administracións públicas non son quen de actuar en casos de extrema necesidade, nin de dotar de recursos e mecanismos válidos e eficaces contra a desprotección e a precariedade da cidadanía.

Eugenia formaba parte dunha unidade familiar formada polo seu esposo, e os seus catro fillos. Vítima de maltrato continuado por parte do seu home, Eugenia toma forzas para rematar con esa situación no ano 2006.

Deste xeito, en data 30/12/2006, polo xulgado de instrución nº 5 de Vigo ditouse auto na que se establecía unha orde de protección a favor de Eugenia e contra do seu marido.

En data 27/09/2007 foi ditada sentencia polo xulgado do penal nº 3 de Vigo  polo que se condena ao seu marido, a unha pena de prisión por maltrato e se lle amplía a orde de afastamento.

A partires dese momento Eugenia fica soa xunto cos seus catro fillos sen ingresos e sen unha vivenda na que poder residir. E a partir dese momento, dada a súa delicada e difícil situación acode na procura dos recursos que a administración pública ofrece para unha muller na súas condicións.

E é tamén a partires dese momento cando se fai máis patente a inutilidade das axudas que se prestan dende a Xunta e o Concello, constituídas en meras esmolas que non atallan o problema de raíz e que non solucionan ningún dos problemas de subsistencia de Eugenia e a súa familia.

Presenta solicitude de adxudicación directa de vivenda para mulleres vítimas de violencia de xénero en agosto de 2007. Adxudicación que nunca chegou a facerse efectiva.

Constitúese en demandante de vivenda de protección autonómica da Xunta de Galicia dende 2008 até a actualidade, presentando todas as prórrogas legalmente esixidas.

En data 10/05/2010 se lle comunica que está no posto 24 da lista de agarda para as vivendas de promoción pública en San Paio de Navia.

A día de hoxe non lle foi adxudicada vivenda pública de ningunha clase.

Solicita tamén a incorporación ao programa de fomento de inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero da Xunta de Galicia no ano 2008.

Como a vivenda de protección pública nunca chega, solicita en data 14/09/2010 as axudas do denominado “Programa Aluga”, que non lle é concedido. Dende xaneiro até maio de 2007 reside na Casa de Acollida para mulleres maltratadas do Concello de Vigo.

En febreiro de 2008 se lle denega a axuda económica de pago periódico para mulleres vítimas de violencia de xénero (salario liberdade) por motivos burocráticos e debido aos restritivos requisitos desta axuda pública.

En maio de 2014 foi desafiuzada da vivenda onde residía e na que abonaba unha renda de alugueiro de 350€ máis 50€ de comunidade en maio de 2014. Contando cuns ingresos de 426€ da “axuda familiar”.

Eugenia vese na rúa xunto dos dous dos catro fillos que residían con ela, por iso decide ocupar unha vivenda que levaba baleira dende o 2011 (e que é a vivenda da que hoxe foi desaloxada).

Dende maio de 2014 ocupa sen incidentes dita vivenda, aboando os recibos de subministros e incluso as cotas da comunidade de veciños até que en xaneiro de 2016 recibe citación do xulgado de instrución nº 6 de Vigo pola presunta comisión dun delito de usurpación. Ela e máis seu fillo maior de idade prestan declaración como imputados o 19 de xaneiro.

En xaneiro deste ano solicita o denominado bono de alugueiro social do plan rehabilita da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O 1 de febreiro se lle notifica o auto (de 28 de xaneiro) polo que se lle concede un prazo de 5 días para que desaloxe a vivenda, como medida cautelar, baixo ameaza de imputarlle un delito de desobediencia e de ser desaloxada pola “forza pública” no caso de non proceder ao desaloxo voluntario.

O 2 de febreiro presenta un recurso contra esa medida cautelar de desaloxo, con expresa solicitude de suspensión do prazo. Solicitude que non foi contestada sequera, e recurso que se atopa en tramitación.

En data 02/02/2016 diríxese ao IGVS para pedir unha alternativa habitacional. Na mesma data se dirixe ao Alcalde do Concello de Vigo. Mantén diversas reunións coa traballadora social do Concello, cos responsables da Xunta en Vigo, sen resposta ou solución algunha.

Finalmente, e sen ningún tipo de previo aviso, o 10 de febreiro, menos de 48 horas despois de cumprirse o prazo de desaloxo voluntario, ás 11:00 catro efectivos da policía nacional preséntanse na casa de Eugenia e forzan o desaloxo dela e do seu fillo Juan Francisco. Desaloxo que transcorre sen incidentes graves.

O xulgado notifica á propietaria da casa do día e a hora do desaloxo, máis non á Eugenia nin á súa representación procesal.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: