A importancia do contexto.

Teatro_de_títeres

Difundimos outro comunicado sobre a detención dos titeriteiros, desta da man da A.C. Morreu o demo, unha asociación para a recuperación do títere tradicional galego.

Por outra banda, según informa Esculca, «O pasado 8 de febreiro, catro mozos foron identificados por axentes do CNP no decurso das celebracións do entroido na Praza Maior de Ourense. O primeiro en ser identificado foi un mozo que ía disfarzado de marionetista e exhibía un cartaz co lema “Gora Alka-ETA”. Os tres restantes limitáronse a interesarse polas razóns da identificación do amigo.» O resto da noticia aquí.

Recordamos tamén a concentración que terá lugar hoxe en compostela na praza do pan(cervantes) ás 20:00h.

A importancia do contexto.

A detención de dous membros da compañía Títeres desde Abajo amosa a necesidade de coñecermos as nosas tradicións escénicas e de contextualizar as manifestacións artísticas de base popular.

Santiago. 6 de febreiro

A Asociación Cultural Morreu o Demo para recuperación do títere tradicional galego quere manifestar a súa preocupación ante a detención de dous titiriteiros onte en Madrid por un suposto delito de enaltecemento do terrorismo logo de aparecer unha pancarta co lema “Gora Alka-Eta” na súa función de “La bruja y don Cristóbal”. Ao tempo lamentamos a aparente incomprensión do público ante outras partes da obra que fan parte desde hai séculos do acervo cultural popular de toda Europa e que semella que, polo seu descoñecemento, xeran rexeitamento en parte do público actual.

O acontecido evidencia para nós o grande esquecemento das nosas tradicións de títeres. Don Cristóbal é unha obra que, en diferentes versións, está se representar desde hai máis de 200 anos en todo o territorio español, e mantén escenas como algunhas das que, segundo informan os medios, puideron verse en Madrid.

Ao igual que fixeron durante séculos os titiriteiros do mundo, semella (non puidemos ver a totalidade da obra) que Títeres desde Abajo realizou unha adaptación a cuestións actuais das vellas escenas que tan ben lembran moitos dos nosos maiores e que fan parte, sen dúbida ningunha, do noso acervo cultural.

Segundo informan desde o sindicato CNT Granada, que si viron a obra completa, semella que a polémica faixa fai parte na realidade dun número no que de se denuncia unha montaxe policial. En concreto, é un policía quen a saca e a sitúa ante unha persoa inconsciente para a culpar por apoiar o terrorismo.

Non podemos tampouco deixar de lembrar que todo o acontecido se desenvolve no contexto dunha obra de ficción. Cabe falar de apoloxía do terrorismo pola representación de grupos terroristas en filmes como “Días contados” ou nas parodias que realizan dos mesmos programas como “Vaya Semanita”? 

O personaxe de Don Cristóbal fai parte dunha tradición espallada por todo continente europeo e existente como mínimo desde o século XVI nas que o heroe da obra (coñecido como Pulchinella, Punch, Guignol e diferentes nomes en cada país) bate contra todo tipo de representantes da autoridade, a incluír nalgúns casos (Punch, fundamentalmente) mesmo a sua propia esposa. Tamén é parate da obra de Punch a escena do aforcamento dun xuíz que semella ter xerado polémica na obra de Madrid. Do mesmo xeito, o Barriga Verde galego enfrontábase e vencía a representantes do exército e da igrexa, para logo chegar a bater mesmo no Demo ou na propia Morte.

De feito, en moitos países do noso contorno como Francia, o Reino Unido,  Italia, a República Checa, Holanda ou Alemaña son habituais e publicamente recoñecidas representacións con contidos semellantes aos que hoxe se consideran polémicos en Madrid. Mesmo en Londres existe un día dedicado especificamente a Mr Punch onde se representa e celebra de xeito multitudinario e ante nenos e maiores esta obra (con aforcamentos e golpes incluídos) como unha parte destacada da cultura nacional.

A AC Morreu o Demo lamenta fondamente a polémica xerada, e quere salientar que a mesma está a se producir en boa medida pola redución dos títeres a un espectáculo para crianzas que vivimos desde hai décadas. Debemos pensar que estes entretementos desempeñaron durante moitos anos unha función catárquica para as clases populares e se dirixían a espectadores de todas as idades. No noso caso, en tempos como o franquismo, Barriga Verde foi a principal expresión escénica na nosa lingua, e das das poucas creacións culturais que reflectían sentimentos como o anticlericalismo ou a resistencia a unha autoridade desmedida.

Precisamente onte, a coincidir con estes feitos, a secretaria da AC Morreu o Demo, Comba Campoy, defendía a súa tese sobre o papel que Barriga Verde desempeñou na postguerra como medio de comunicación das clases subalternas no noso país. Campoy aborda no seu traballo o xeito no que o discurso oculto da cultura popular se expresaba mediante as representacións de bonecos. Ao tempo, analiza os xeitos nos que este espectáculo se apropiaba de tácticas propias da oralidade como o anonimato ou a ambigüidade para abordas estas cuestións.

Neste contexto, a Asociación Morreu o Demo fai un chamamento a coñecer e contextualizar obras deste tipo na tradición a que pertencen, e continuará o seu traballo para divulgar e recuperar un legado que fai parte da nosa memoria común e que ficou sempre alleo ao mundo das institucións e do poder. Como parte do noso traballo a prol do mantemento deste legado, levamos xa varios anos a desenvolver actividades didácticas sobre Barriga Verde, e é a nosa intención convocar á máxima brevidade un encontro público onde debater con calma e coñecemento a evolución desta tradición, e clarificarmos a súa vixencia nos nosos días e o xeito no que se pode integrar na actualidade.

Non deixa de resultar rechamante que nuns días nos que as rúas se enchen de xente disfrazada de terroristas islamistas ou de papas, cando peliqueiros, osos e pantallas percorren as aldeas a atacar os veciños, sexa polémico un caso como este. Ao noso ver, a situación deixa en evidencia a importancia de ter en conta o contexto para interpretar as mensaxes, e a flexibilidade do que se considera normal e aceptable en cada caso.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: