Incivismo e vandalismo x Diego Volia

Colamos este artigo asinado por Diego Volia, publicado na Revista NADA

“Se os lexisladores rexeitan considerar os poemas como crimes, entón alguén terá que cometer crimes que sirvan a función da poesía, ou textos que posúan a resonancia do terrorismo.” Hakim Bey

O civismo é un dos discursos ideolóxicos predominantes entre as autoridades políticas e mediáticas. Talvez porque saben e lembran que cada estalido nos barrios, por moito que tentasen reducilo ao “vandalismo urbano” para limitar a súa dimensión política, fai cambalear a súa pretendida paz social. O civismo é unha concepción totalitaria dos corpos e os espazos, un falso consenso imposto a través da normatividade social e individual produto da mediación integral das institucións nas vidas de e entre as persoas, expresada en última instancia no código penal. Ao resultado desta sutil desposesión, ao rendemento da apropiación por parte das institucións políticas, económicas, culturais e sociais, chámaselle cidadanía, cuxo espazo natural é a cidade.

A degradación das cidades e a deterioración dos barrios forman parte dunha queixa recorrente e nunca inocente, especialmente cando existe un plan específico de xentrificación ou, desde as pasadas eleccións, co advenimento de alcaldías “polo cambio”. Ambas as posturas parten da mesma premisa e cumpren, ao final, a mesma función: a cidade como escenario político ideal, de clase media universal, dedicado ao desenvolvemento social dun modelo económico concreto. Un espazo idílico, puro, insípido e incoloro -pero opaco- onde non hai lugar para o conflito. En definitiva, a cidade como superación radical das diferenzas de clase e as contradicións sociais por medio da aceptación xeral das normas -leis- establecidas.

Os grandes núcleos urbanos son o exemplo de como o soño dunha cidade desconflictivizada, habitada por traballadores, voluntarios e colaboradores, desmorónase en canto aparecen os signos externos dunha sociedade composta, esencialmente, de explotación, desigualdade e fracaso. A imaxe dunha cidade de ciclistas riseiros que respectan os códigos de circulación, ou de nenos obedientes que xogan exclusivamente nos espazos infantís habilitados expresamente polo concello, non logra secuestrar a realidade. Quen visibiliza os signos externos da miseria? Están nas bolsas de ingobernabilidade, as novas “clases perigosas”, o lumpen. Aqueles cuxo novo hixienismo social pretende, como no século XIX, neutralizar, someter, expulsar ou internar: mozos incontrolables, migrantes pobres, parados de longa duración, “antisistemas”, esmoleiros, “traballadoras informais”, etc.

A xentrificación é a posta en práctica psicourbanística da cosmovisión cidadanista, independentemente da posición que ocupe no arco parlamentario ou o mercado das ideas. Unha expresión ideolóxica concreta que, obviamente, tamén é un negocio. E non existiu maior freo á xentrificación, xunto coa autoorganización veciñal, que o vandalismo.

anarchaos O vandalismo alude oficialmente a unha nebulosa de condutas e hábitos incívicos -é dicir, ilegais- que trasgreden a paz e harmonía estética, sonora, e social das cidades. Como o grafiti e as pintadas, a okupación, o uso dos parques como comedores, os esmoleiros que dormen nos caixeiros e soportais, as manifestacións, os botellóns, os encontros nas prazas, as raves, a mendicidade, o chabolismo, os carriños do Carrefour cheos de chatarra, o consumo público de sustancias ilegais, a venda ambulante irregular, etc. Mesmo no xa típico incendio de vehículos nos barrios máis pobres deberíase recoñecer, nunha visión máis profunda, elementos válidos de rabia e rancor contra a realidade social. Toda acción violenta é unha acción comunicativa.

O incivismo é, por tanto, a afloración de realidades sociais que se negan a poñerse entre parénteses no gran relato da paz e prosperidade. O vandalismo pon sobre o mapa a miseria e a dor que as autoridades tratan de invisibilizar, de aí as consecuentes reformas como a Lei de Seguridade Cidadá. Se un colector queimado é un “acto de vandalismo”, que nome conviría utilizar para os desafiuzamentos en masa nos barrios máis pobres, demolidos polas escavadoras? para a remodelación illacionista das rúas, as prazas e o seu mobiliario urbano? e para o apartheid de clase dos novos plans urbanísticos que son, en definitiva, a expresión da realidade segregadora da orde social vixente?

Diego Volia

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: