[Turquía] O Presidente do Colexio de Avogados, Tahir Elçi, asasinado polas forzas policiais turcas

Recollemos (e traducimos) da Newroz, a páxina de solidariedade euskadi-kurda (a imaxen é autoría de Carlos Latuff e recollímola do Curdistam.blogaliza):

Dibujo O sábado 28 de Novembro, no distrito Sur de Diyarbakir, foi asasinado de socato o Presidente da Cámara de Avogados de Diyarbakir, Tahir Elçi. É unha máis das execucións que está a levar a cabo o goberno do AKP, con total impunidade. É evidente que a lei marcial que levou a todo o país ao caos, está apoiada directamente polo goberno de Erdogan e indirectamente por cada unha das potencias membros do G20 que se reuniron o 15 e 16 de novembro en Antalya.

O asasinato de Tahir produciuse no contexto dunha rolda de prensa na que el xunto a varios avogados da Cámara pedían o fin da violencia. Son moi impactantes as imaxes gravadas que circulan pola web. Varios dos avogados que acompañaban a Tahir durante o acto tamén recibiron impactos de bala, atopándose varios deles con feridas de consideración grave. Tahir faleceu unha vez chegado ao hospital estatal Selahattin Eyyubi. Nos arredores do hospital congregáronse multitude de persoas, pero en pouco tempo o hospital foi rodeado de forzas policiais e de vehículos blindados, ademais testemuñouse dunha intensa actividade de helicópteros. Testemuñas presenciais falan de como a policía disparou contra a congregados fronte ao hospital.

Tahir Elçi fora ameazado de morte en numerosas ocasións, por ser un forte defensor dos dereitos humanos e un claro crítico contra o réxime do AKP. Segundo recentes declaracións do seu irmán, o goberno do AKP e os seus fiscais sinalaran a Tahir como un obxectivo. Declarou que o estado turco é capaz de realizar execucións deste tipo porque dispón dun amplo abanico de redes ao seu servizo, coas cales os kurdos están familiarizados desde a fundación da república turca. Tahir Elçi foi asasinado por pedir a paz. Non é a primeira vez que o estado elimina ou masacra a intelectuais e a opositores. O irmán de Tahir continúa dicindo: “o meu irmán non se atopaba atrapado nun tiroteo, foi asasinado deliberadamente. Só hai unha cousa clara: o meu irmán foi asasinado polo estado”.

É importante sinalar os resultados que arroxa a autopsia sobre o caso, no informe descríbese o traxecto dunha bala cuxo orificio de entrada está situado na parte posterior do seu pescozo e o orificio de saída pola cella esquerda. Todo fai indicar que o disparo que acabou coa súa vida realizárono cando Tahir atopábase tombado no chan, feitos apoiados inequivocamente nas imaxes de vídeo onde se pode ver a un policía disparando sobre o corpo xacente de Tahir Elçi.


As declaracións de condena e de dor non se fixeron esperar. Varias organizacións kurdas e grupos políticos emitiron os seus comunicados de condena e á vez de denuncia pola situación á que está a levar o goberno do AKP ao país. Concretamente a co-presidencia do Consello Executivo da Unión de Comunidades do Kurdistán (KCK) condenou enerxicamente o asasinato de Elçi por “unha bala da policía”, e ofrece as súas condolencias á familia, amigos e a todo o pobo do Kurdistán. Na declaración do KCK cabe destacar o seguinte:

“Tahir Elçi, Presidente da Cámara de Avogados de Diyarbakir, foi sinalado como un obxectivo, e como consecuencia diso foi asasinado polo delito máis grave que se pode cometer en Turquía, dicir que “o PKK non é unha organización terrorista”. En Turquía cada persoa que defende a mesma postura é acalada, prohibida, cando isto mesmo deféndeo un personaxe público, págano coa morte. O estado turco dispón duns mecanismos moi amplos para facer ver a todo o mundo que o PKK é unha organización terrorista, en cambio as declaracións dun avogado reputado e coñecido en todo o mundo que defende o contrario constitúe un delito maior. Así, o estado profundo (Rede Gladio) do palacio presidencial toma medidas urxentes, procesándoo primeiro e por último asasinándoo”.

Segundo as declaracións do KCK, as imaxes do vídeo demostran claramente que Elçi foi asasinado pola policía, que foron filmados cando un deles exhorta ao outro a fuxir da escena de inmediato para que non fose visto por ninguén. Tamén resalta que a policía o elixira como obxectivo e que foi asasinado no momento e lugar máis adecuado.

O KCK critica as declaracións do primeiro ministro Ahmet Davutoglu cando di que Elçi foi vítima do lume cruzado, xa que non é senón un intento de encubrir o crime de estado.

“Todos os kurdos coñecen moi ben que o asasinato dun só tiro na cabeza é un método de castigo. Segundo Erdogan, o asasinato de Tahir Elçi demostrou a xustiza da loita contra o terrorismo poñendo de manifesto que o goberno do AKP mata a civís para lexitimar a súa guerra e a política de agresión”.

Facendo fincapé en que é hora de formar un bloque democrático para loitar contra o AKP, o KCK exhorta á poboación kurda, a todos os pobos e a todas as forzas democráticas de Turquía a realizar actos de protesta contra o goberno desde todos os ámbitos.

Unha multitude de decenas de miles de persoas dan o seu último adeus a Tahir Elçi en Diyarbakir esta mañá

Tahir era orixinario de Cizre, pero finalmente os seus restos serán enterrados en Amed (Diyarbakir) cidade onde estudou, loitou e viviu coa súa familia durante anos a petición da súa familia. En Amed loitou pola fraternidade e a igualdade dos pobos.

A súa esposa realizou unhas declaracións moi impactantes sobre o labor de Tahir: Aquí e agora, todas as vítimas de asasinatos non esclarecidos danche a benvida. As vítimas de asasinatos non esclarecidos, aos que ti dedicaches a túa vida diranche: “Ti defendíchesnos, pero agora quen che defenderá a tí” E ti responderaslles “teño compañeiros, amigos e familiares de pé ao meu lado. A historia comprenderame”.

Tras as declaracións da súa esposa, o seu irmán dixo o seguinte: “os fiscais, xuíces e medios de comunicación do estado sinalaron ao meu irmán como un obxectivo. O meu irmán non é o noso primeiro mártir, nin será o último. Os crueis e covardes fascistas deben saber que nunca serán capaces de intimidar ao pobo kurdo, resistiremos ata o final. Tahir non morreu. Nunca morrerá. Era unha persoa libre. O estado poderá privarnos de liberdade pero nunca poderá encarcerar a nosa mente nin as nosas ideas. Somos libres e resistiremos xunto ao noso pobo e amigos. O noso pobo xamais se renderá ás forzas de ocupación. Tahir era irmán de todos os socialistas, dos armenios, dos asirios, dos kurdos. Como intelectual kurdo foi asasinado polo estado, quen cometeu asasinatos similares ao longo da súa historia. Aínda así o noso pobo non sucumbirá ao medo, o noso pobo triunfará”.

Unha resposta to “[Turquía] O Presidente do Colexio de Avogados, Tahir Elçi, asasinado polas forzas policiais turcas”

  1. […] no está sola” esta serie de noticias da guerra publicadas onte nos protestos contra o asasinato do avogado Tahir Elçi: Sur: levántase o toque de queda pero continúan os […]

Deixar un comentario