¿Por que Francia quere derrocar a República Árabe Siria? x Thierry Meyssan

Colamos (e traducimos) da web “Tercera Información” este artigo asinado por Thierry Meyssan, xornalista francés fundador da Rede Voltaire e do Proxecto Ornicar, asociacións que visan promover a liberdade de expresión e de pensamento no mundo. Dicer tambén que Thierry Meyssan en xullo do 2008, tras acusar a Nicolas Sarkozy (na altura presidente de Francia) de ser axente da CIA e adxudícarlle o asasinato do prefecto Claude Erignac, e despois de que Sarkozy iniciase accións legais contra el, decide fuxir de Francia, fixando o seu domicilio desde entón en Damasco (Siria). A páxina Rede Voltaire é quitada do servidor francés pola Corte Suprema, e Meyssan vese obrigado a subila novamente nun servidor ruso, no que permanece ata hoxe.

T6-T6-IMG_3822_1288791640 Analise da historia da colonización francesa en Siria e comparativa coas accións dos presidentes franceses Nicolas Sarkozy e Francois Hollande, onde Thierry Meyssan demostra que algúns dirixentes franceses pretenden hoxe volver colonizar a República Árabe Siria. Esta pretensión anacrónica e criminal está a converter a Francia nun dos Estados máis odiados do mundo:

Francia é neste momento a principal potencia que chama ao derrocamento da República Árabe Siria. Mentres a Casa Branca e o Kremlin negocian en segredo sobre a mellor maneira de desfacerse dos xihadistas, París obstinase en acusar o «réxime de Bachar» (sic) de crear o Emirato Islámico e segue afirmando que despois da eliminación dese grupo xihadista haberá que derrocar a «ditadura alauita» (sic). Francia conta co público respaldo de Turquía e de Arabia Saudita e, por baixo da mesa, co de Israel.

¿Como explicar esa obstinada persistencia nunha posición perdedora, sabendo que Francia non ten nada que gañar, nin política e nin economicamente, nesta cruzada e mesmo que Estados Unidos xa decidiu renunciar ao adestramento de combatentes contra a República, ademais en momentos en que Rusia está a aniquilar os grupos xihadistas?

A maioría dos comentaristas subliñaron, con sobrada razón, os vínculos persoais do ex presidente francés Nicolas Sarkozy con Qatar –padriño da Irmandade Musulmá– e as estreitas relacións do actual presidente galo Francois Hollande co propio Qatar e, ademais, con Arabia Saudita. Tanto Sarkozy como Hollande arranxáronllas para que Qatar e Arabia Saudita financiasen ilegalmente as súas campañas electorais e beneficiáronse con todas as facilidades que os gobernantes deses países árabes puxeran á súa disposición. Tamén hai que lembrar que Arabia Saudita posúe agora unha parte nada despreciable das empresas máis importantes de Francia, o cal quere dicir que se o reino saudita decidise retirar bruscamente os seus capitais desas empresas, esa manobra causaría gravísimos danos á economía francesa.

Quero mencionar aquí outro factor que explica a absurda actitude do goberno de Francia: os intereses coloniais de certos dirixentes franceses. Esta hipótese esixe que volvamos atrás no tempo.

Os acordos Sykes-Picot

Durante a Primeira Guerra Mundial, os imperios británico, francés e ruso decidiron en segredo repartirse as colonias dos imperios austrohúngaro, alemán e otomán. Ao termo dunha serie de negociacións secretas en Londres, o conselleiro do ministro da Guerra británico e superior xerárquico do personaxe coñecido como «Lawrence de Arabia», sir Mark Sykes, e o enviado especial do ministerio francés de Relacións Exteriores, Francois Georges-Picot, deciden repartirse a provincia otomá designada como a Gran Siria e informan diso ao tsar.

Os británicos, cuxo imperio era de carácter económico, aprópianse das zonas petrolíferas xa coñecidas naquela época e de Palestina, para instalar nesta última unha colonia xudía. O territorio que se asignaban os británicos estendíase sobre os Estados que hoxe coñecemos como Palestina, Israel, Xordania, Iraq e Kuwait.

Pola súa banda, o goberno francés, dividido entre partidarios e adversarios da colonización, admitía unha colonización económica, cultural e política. Francia apropiouse, por conseguinte, dos territorios correspondentes ao Líbano e á Pequena Siria, onde máis da metade da poboación era cristiá e dos que a propia Francia declarouse «protectora» desde os tempos do rei Francisco I.

Para terminar, supoñíase que os lugares sacros de Xerusalén e de San Juan de Acre serían internacionalizados, decisión que nunca chegou a aplicarse seriamente porque os británicos xa contraeran compromisos que ían exactamente no sentido inverso, pero principalmente porque o seu verdadeiro obxectivo era crear un Estado xudeu para continuar a súa propia expansión colonial.

As «democracias» británica e francesa nunca debateron publicamente eses acordos, que resultarían chocantes para o pobo británico e serían simplemente rexeitados polo pobo francés. Foron os revolucionarios bolxeviques quen revelaron a existencia dos Acordos Sykes-Picot, despois de descubrir eses documentos nos arquivos do tsar. A revelación provocou a cólera dos árabes, pero os pobos do Reino Unido e de Francia non reaccionaron ante as manobras dos seus gobernos.

A ideoloxía colonial francesa

A sanguenta conquista de Alxeria marcou o inicio do avance colonizador de Francia, en tempos do rei francés Carlos X. Pero tratábase tan só dunha cuestión de prestixio que nunca chegou a obter o aval dos franceses e que mesmo conduciu á revolución de xullo de 1830.

A ideoloxía colonial non apareceu en Francia ata a caída do Segundo Imperio e despois da perda dos territorios franceses de Alsacia e Mosela. Dous personaxes de esquerda, Gambetta e Jules Ferry, propoñen entón, ante a imposibilidade de recuperar esas terras, ocupadas polo Reich alemán, partir á conquista de novos territorios en África e en Asia, e únense así aos intereses económicos da dereita, vinculados á explotación de Alxeria.

Ante o carácter evidentemente pouco glorioso da conquista de novos territorios como substituto dunha xustificada liberación do territorio nacional, os amigos de Gambetta e de Ferry esfórzanse por desenvolver todo un discurso movilizador para xustificar a empresa colonizadora. Segundo ese discurso, o obxectivo da colonización non é satisfacer apetitos expansionistas senón «liberar pobos oprimidos» e «emancipalos» de culturas «inferiores», o cal é moito máis nobre que unha empresa de conquista.

Os partidarios da colonización mesmo crean o «Partido Colonial», para defender as súas teses no Senado e na Asemblea Nacional. Pero non debemos deixarnos enganar pola palabra «Partido», que non designa neste caso unha formación política senón unha corrente de pensamento común a membros de diferentes formacións políticas francesas, corrente ao redor da cal se reúnen un centenar de parlamentarios de dereita e de esquerda. A eles únense poderosos homes de negocios, militares, xeógrafos e altos funcionarios, como Francois Georges-Picot. Aínda que eran moi poucos os franceses que se interesaban pola colonización antes da Primeira Guerra Mundial, o seu número creceu rapidamente antes do segundo conflito mundial, ou sexa… precisamente despois da restitución de Alsacia e Mosela a Francia. O Partido Colonial, que xa non era outra cousa que o partido do capitalismo cego envolto nun discurso adornado con constantes alusións aos dereitos humanos, tratou entón de convencer á poboación a través da organización de grandes eventos –como a sinistra Exposición Colonial de 1931– e alcanzou o seu apoxeo coa Fronte Popular de León Blum, en 1936.

A colonización da Pequena Siria

Ao termo da Primeira Guerra Mundial e coa caída do imperio otomán, o xerife Hussein das Dúas Mesquitas da Meca e Medina proclama a independencia dos árabes. Conforme aos compromisos que contraera «Lawrence de Arabia», o xerife proclámase «rei dos árabes»… ata que a «pérfida Albión» chámao a capítulo.

En 1918, o seu fillo, o emir Faisal, proclama en Damasco un goberno provisional árabe mentres que os británicos ocupan Palestina e os franceses apodéranse da costa do Mediterráneo. Os árabes tratan de crear un Estado unitario, multiconfesional, democrático e independente.

O presidente estadounidense Woodrow Wilson reconcilia ao seu país co Reino Unido ao redor do proxecto común de creación dun Estado xudeu, pero oponse á idea de colonizar o resto da rexión. Francia abandona a conferencia de Versalles e forza a conferencia de San Remo a outorgarlle un mandato do Consello Supremo Interaliado para administrar a súa zona de influencia. A colonización atopara a súa coartada xurídica: había que axudar os pobos do Levante para organizarse despois da caída do imperio otomán.

O goberno provisional árabe organiza en Siria as primeiras eleccións democráticas, que dan a maioría no Congreso Xeral Sirio a unha serie de caciques sen verdadeira cor política. Pero as figuras da minoría nacionalista dominan a Asemblea, que adopta unha Constitución monárquica e bicameral. Ao anunciarse o mandato francés, o pobo sublévase contra o emir Faisal, quen decidiu colaborar cos franceses e cos maronitas do Líbano que o apoian. París envía tropas baixo as ordes do xeneral Gouraud, un militar membro do «Partido Colonial». Os nacionalistas sirios enfrontan militarmente ao xeneral Gouraud na batalla de Khan Mayssaloun, onde son esmagados. Comeza a colonización.

O xeneral Gouraud comeza separando o Líbano –onde dispón do respaldo dos maronitas– do resto de Siria e trata de gobernar esta última sementando a división entre os diferentes grupos confesionais e opoñéndoos entre si. A capital de «Siria» é trasladada a Homs, unha pequena cidade sunita, antes de ser devolta a Damasco. Pero o poder colonial francés mantense en Líbano, concretamente en Beirut. En 1932, imponse á colonia unha bandeira con tres franxas horizontais que representan as dinastías dos Fatimidas (a franxa verde), dos Omeyas (a franxa branca) e dos Abasidas (a franxa negra). A primeira franxa é o símbolo dos musulmáns chiitas e as outras dúas simbolizan aos sunitas. As tres estrelas vermellas daquela bandeira representaban as tres minorías que conviven en Siria: cristiáns, drusos e alauitas.

Francia pretende facer do Líbano un Estado maronita, xa que os maronitas son cristiáns que recoñecen a autoridade do papa de Roma, e facer de Siria un Estado musulmán. E seguirá combatendo aos cristiáns da Pequena Siria por ser estes maioritariamente ortodoxos.

En 1936, a esquerda chega ao poder en Francia co goberno da Fronte Popular. Este acepta negociar cos nacionalistas árabes e promételles a independencia. O subsecretario de Estado para os protectorados do Magreb e os mandatos do Medio Oriente, Pierre Vienot, negocia a independencia do Líbano e de Siria, como xa tentara facelo con Tunez. O Parlamento sirio ratifica o tratado por unanimidade, pero León Blum –membro do «Partido Colonial»– nunca chega a presentar ese documento ao Senado francés.

Durante ese mesmo período, o goberno da Fronte Popular decide separar da Pequena Siria a cidade de Antioquía e propón agregala a Turquía, o cal se fará efectivo en 1939. León Blum pretende desfacerse así dos cristiáns ortodoxos, cuxo patriarca é titular da cátedra de Antioquía, que será branco da represión turca.

Finalmente, a división de Francia, durante a Segunda Guerra Mundial, virá poñer fin á colonización. O goberno legal de Philippe Petain [que colabora coa ocupación nazi] trata de manter o mandato francés mentres que o goberno lexítimo de Charles De Gaulle proclama a independencia do Líbano e de Siria, en 1941.

Ao termo da Segunda Guerra Mundial, o Goberno Provisional da República Francesa pon en aplicación o programa do Consello Nacional da Resistencia. Pero o «Partido Colonial» oponse á independencia dos pobos colonizados. O 8 de maio de 1945 ten lugar o masacre de Setif, en Alxeria, baixo as ordes do xeneral Raymond Duval. O 29 de maio, é perpetrada o masacre de Damasco. Por orde do xeneral Fernand Oliva, a aviación francesa bombardea Damasco durante 2 días. Os bombardeos destrúen gran parte do histórico mercado popular de Damasco. A aviación francesa mesmo bombardea o hemiciclo do Congreso do Pobo sirio.


O ex ministro francés de Exteriores Roland Dumas provoca gran balbordo cunha declaración, feita en vivo á televisión francesa, que contradi o discurso oficial de Francois Hollande: «os ingleses xa estaban a preparar a guerra en Siria 2 anos antes das manifestacións de 2011». ¡Iso non estaba no guión! ¡Grazas, señor Dumas!

A ambición colonial de Francia en Siria a partir de 2011

En 2009 e 2010, despois de convidar en 2008 ao seu homólogo sirio Bachar Al-Assad a participar nas cerimonias conmemorativas do aniversario da Revolución Francesa e de haber mesmo eloxiado os pasos de Assad a favor da democracia, o entón presidente de Francia Nicolas Sarkozy negocia con Estados Unidos e co Reino Unido o redeseño do «Medio Oriente ampliado». A secretaria de Estado Hillary Clinton convence a Sarkozy para que reactive o proxecto colonial franco-británico, baixo tutela estadounidense. Niso consiste a teoría do «liderado desde atrás».

O 2 de novembro de 2010 –ou sexa, antes da «primavera árabe»–, Francia e o Reino Unido asinan unha serie de documentos coñecidos como os Acordos de Lancaster House. A parte pública deses acordos anuncia que Francia e o Reino Unido poñerán en común as súas forzas de proxección –ou sexa, as súas tropas coloniais–, a parte secreta prevé atacar Libia e Siria o 21 de marzo de 2011. Pero Francia atacará Libia 2 días antes, adiantándose así ao seu aliado, o cal provoca a cólera de Londres. En cambio, o ataque contra Siria nunca chegará a concretarse… debido ao cambio de opinión do verdadeiro xefe da operación: Estados Unidos.

Os negociadores franceses dos Acordos de Lancaster House foron Alain Juppé e o xeneral Benoit Puga. Este último é un ardente partidario da colonización.

O 29 de xullo de 2011, Francia crea o Exército Sirio Libre (os hoxe chamados «rebeldes moderados»). Contrariamente ao que se divulgou oficialmente, os primeiros elementos desa formación non son sirios senón libios membros da Al-Qaeda. O coronel Riyad el-Asaad, presentado como xefe do Exército Sirio Libre, non pasa de ser o rostro encargado de darlle ao grupo un verniz sirio e foi escollido para ese papel unicamente porque o seu apelido parécese ao do presidente Bachar Al-Assad, con quen non ten absolutamente ningún parentesco. Con todo, pasando por alto o feito que os dous apelidos nin sequera escríbense da mesma maneira en árabe, a prensa atlantista presenta a ese coronel como a «primeira deserción no seo do réxime».

O Exército Sirio Libre (ESL) áchase baixo a dirección de membros da Lexión Estranxeira francesa postos á disposición da presidencia da República Francesa e, máis exactamente, do xeneral Benoit Puga, naquel entón xefe do estado maior privado do presidente Sarkozy. Ao ESL asígnaselle a bandeira, que xa describimos anteriormente, da colonización francesa.

Neste momento, o ESL deixou de ser un exército permanente. Pero a súa etiqueta segue sendo utilizada para identificar operacións concibidas na presidencia de Francia e executadas por mercenarios doutros grupos armados. Francia persiste en establecer unha distinción entre xihadistas «moderados» e «extremistas». Pero en realidade son os mesmos individuos, e os comportamentos son tamén os mesmos. Foi o chamado Exército Sirio Libre o que iniciou as execucións de homosexuais lanzándoos desde o alto de edificios. Foi tamén o ESL o que divulgou un vídeo dun dos seus xefes en pleno acto de canibalismo, coméndose o corazón e o fígado dun soldado sirio. A única diferenza entre os supostos «moderados» e os extremistas é a bandeira que usan: a bandeira da colonización no caso dos primeiros e, para os segundos, o estandarte da xihad.

A inicios de 2012, militares da Lexión Estranxeira francesa escoltan aos 3.000 combatentes do chamado Exército Sirio Libre que, tentando converter Homs –a antiga capital da colonización francesa– en «capital da revolución», atrinchéiranse no barrio de Baba Amro, onde proclaman… un Emirato Islámico. Alí instauran un «tribunal revolucionario» que condena á morte máis de 150 habitantes que se quedaron no barrio e que acaban sendo degolados en público. Baixo o asedio das tropas regulares do goberno sirio, o Exército Sirio Libre mantén durante un mes o control de Baba Amro, fundamentalmente grazas ás baterías de mísiles antitanque Milan proporcionadas por Francia.

En xullo de 2012, cando chega á presidencia, Francois Hollande mantén no seu cargo –por primeira vez na historia de Francia– ao xefe do estado maior do seu predecesor, o xeneral Benoit Puga, e renova a guerra contra Siria. Hollande retoma a retórica e a xesticulación da colonización francesa: declara que a República Árabe Siria é unha «ditadura sanguinaria» –o cal significa que hai que «liberar un pobo oprimido»– e que a minoría alauita acapara o poder –o cal implica que hai que «emancipar» aos sirios desta horrible seita. Tamén hai que prohibir que os sirios residentes en Europa participen nas eleccións convocadas en Siria e Hollande decide –en lugar do pobo sirio– que o seu lexítimo representante é o non electo Consello Nacional Sirio. Laurent Fabius, ministro de Relacións Exteriores de Hollande, declara ademais que o presidente democraticamente electo polos sirios, Bachar Al-Assad, «non merece estar sobre a Terra».

As declaracións de Valery Giscard d’Estaing

O 27 de setembro de 2015, o ex presidente francés Valery Giscard d’Estaing concedeu unha entrevista ao diario Le Parisien/Aujourd’hui en Francia sobre a cuestión dos refuxiados e a intervención rusa contra o terrorismo en Siria. Nesa entrevista declara:

«Pregúntome se é posible obter un mandato da ONU sobre Siria por un período de 5 anos.»

A ONU nunca concedeu un «mandato». A soa mención desa palabra evoca os horrores da colonización. Nunca antes un líder francés expresara publicamente a ambición colonial francesa desde a independencia de Alxeria, hai 53 anos.

É importante lembrar aquí que a irmá de Francois Georges-Picot (o dos Acordos Sykes-Picot) casou co senador Jacques Bardoux –membro do «Partido Colonial». A filla de ambos, May Bardoux, casou á súa vez co presidente da Sociedade Financeira Francesa e Colonial, Edmond Giscard d’Estaing, pai do ex presidente francés Valery Giscard d’Estaing, quen agora fai as declaracións que acabamos de referir.

Así que, segundo Valery Giscard d’Estaing, parente do home que negociou cos británicos o mandato francés sobre Siria, a solución do problema sirio é… recolonizar o país.

Thierry Meyssan

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: