Mellor en Prisión que na Rúa: O Mito da Cárcere-Hotel x Albert Sales

Albert Sales publicaba lá por primeiros de ano este seu artigo na web Vagos, Maleantes, Putas e Imigrantes, que agora recolle o Boletín Tokata e que nós traducimos e colamos:

Cada certo tempo, publícanse en todo tipo de periódicos noticias de persoas que na súa desesperación delinquen para atopar na cárcere teito e comida. Nestas notas nárrase a dura vida dunha persoa en situación de pobreza extrema, moi a miúdo sen teito, que decide perpetrar un delito para ser encarcerado e gozar así dunha vivenda pública con pensión completa de forma gratuíta. Estas anécdotas son convertidas en categoría de forma recorrente grazas aos prexuízos imperantes sobre o que é e o que significa a vida en prisión, e contribúen a reforzar o estereotipo do cárcere como hotel no que cumprir condena é pouco máis que un retiro temporal da vida cotiá no que o interno é tratado con demasiada “benevolencia” tendo en conta que se trata dun “delincuente”.

Esixir aos centros penais dureza nas condicións de vida impostas aos reos concorda coas formulacións dos pensadores liberais do século XIX que consideraban que calquera alternativa ao traballo industrial debía estar ligada unhas condicións que fixesen desexable a vida da máis pobre das familias proletarias. No Reino Unido e na Europa central, o final do feudalismo e as transformacións nas formas de propiedade da terra empuxan a millóns de persoas cara ás cidades para buscar novas formas de sustento, pero non todos os migrantes logran unha ocupación industrial e nos primeiros compases da industrialización, as cidades caracterízanse polo hacinamiento e o incremento desmesurado da pobreza e a indixencia nas rúas. Onde a recentemente estreada ética do traballo non chegaba a convencer á xente das bondades do emprego industrial, aplicábase a represión para someter aos antigos campesiños e novos urbanitas de que o seu mellor destino era a dignificación do emprego asalariado en fábricas e talleres. É neste contexto de pauperismo industrial e incremento da mendicidade urbana no que viven o seu momento de esplendor as casas de traballo (workhouses) e os correccionais, e son vagabundos e prostitutas os seus primeiros hóspedes.

Nas workhouses, homes e mulleres realizaban traballos industriais de forma obrigada a cambio de comida e teito. A súa reclusión obedecía ao crime de vagancia, mendicidade ou exercicio da prostitución, e eran detidos e detidas en macro-redadas ordenadas polas autoridades municipais consideraban excesivo o número de persoas sen fogar acumuladas na vía pública. Na Inglaterra victoriana estas casas de traballo tiveron unha importante presenza e desenvolvéronse lexislacións nas que claramente se describía o destino que debía marcar as vidas daquelas persoas que “non podían manterse por se mesmas”. A New Poor Law Act británica de 1834 establecía que non se debía dar asistencia a aquelas persoas pobres que rexeitasen o seu internamento nunha Workhouse. Institucións paralelas tiñan a mesma función social no proceso de industrialización alemán ou na Francia napoleónica. Nos países do sur de Europa, de industrialización máis tardía, a Igrexa incorpora a doutrina do pan por traballo con institucións como as Casas de Arrepentidas (cárceres cuxa misión é o control de mulleres de vida desordenada) ou os Hospicios para Pobres.

Aínda que a aplicación de penas de privación de liberdade non é ningunha novidade xurdida da revolución industrial, a xeneralización do uso da reclusión penal en substitución da pena de morte é consecuencia da modernización e dun intento de humanización ilustrada da economía do castigo. A experiencia de internamento dun gran número de persoas en situación de pobreza urbana severa e desemprego constitúe unha aprendizaxe institucional que facilita o desenvolvemento dos sistemas penais modernos. O mesmo proceso de humanización das penas transforma a xustificación punitiva da pena de prisión a unha xustificación reeducativa ou de reinserción social dos penados, pero, a historia da institución penal é a historia dun gran fracaso que dura xa douscentos anos.

Os cárceres nunca deixaron de ser unha ferramenta de control da marxinalidade. A aplicación da pena de prisión mantén un rumbo de clase en todos os países do mundo. A capacidade reeducativa da reclusión mostrouse nula e existe importante evidencia empírica de que a prisión procrea máis exclusión social. O triunfo da ética do traballo e a propia orixe moralizante das institucións penais explican, en parte, a falta de reparos coa que se opina sobre as condicións que deberían imperar nos centros de reclusión. Calquera indicio de comodidade é visto como un luxo innecesario, á vez que moralmente reprobable, ao servizo de individuos merecedores da maior severidade. Baléirase así de significado a condena de privación de liberdade para poñer énfase nas condicións de cumprimento, coma se o réxime penal non fóra, en si mesmo, un método de castigo. A onda de populismo punitivo do últimos trinta anos engadiu a esta confusión entre condena de privación de liberdade e condicións de cumprimento argumentos que vinculan as condicións de vida dos penados coa dignidade das vítimas. Como lembra David Garland en A Sociedade do Control, as vítimas tomaron un papel central no debate sobre as penas convertendo as condenas nunha especie de xogo de suma cero no que restar severidade ao castigo supón unha ofensa.

O descoñecemento da realidade penal facilita o clamor popular polo endurecemento das condicións de vida dos internos. Mentres a demagoxia do populismo punitivo céntrase en remarcar a presenza de televisores nas celas, a existencia de equipamentos deportivos nos cárceres, ou que nos centros de recente construción hai piscina, o que se mostra realmente relevante para a percepción de calidade de vida dos internos son as relacións interpersoais que se establecen durante o cumprimento da condena, as posibilidades de acceder a permisos que fagan máis soportable a reclusión, ou a periodicidade das visitas de familiares.

Con independencia de que nunha prisión haxa ou non polideportivo, o réxime penal consiste nunha sucesión de días nos que non existe a mínima posibilidade de decidir sobre a cotidianidade. Á hora sinalada debe levantarse e esperar o reconto, saír da cela e permanecer nos espazos comúns. Non decide nin cando, nin como, nin que almorza, xanta ou cea. Estea de peor ou de mellor humor, non pode decidir quedar na cela, tirado na cama, lendo un libro ou mirando a televisión. Non decide cando chamar á súa familia nin cando recibir visitas. Nin tan só pode decidir falar cun compañeiro ou amigo do mesmo módulo se non é no horario marcado para estar nas salas ou os patios. A incapacidade de romper a monotonía dunha vida marcada polos horarios converte en luxos imprescindibles pequenos praceres como un café ou un refresco de máquina… Ou as chocolatinas compradas no economato do módulo (a un prezo substancialmente superior do que pagariamos en calquera supermercado)…

Especialmente duras son as condicións de indixencia carceraria que viven aqueles internos que non reciben diñeiro das súas familias. Aínda que é certo que xa non se obriga aos presos para traballar a cambio de comida e teito, as institucións penais non proporcionan máis nada que iso: comida e teito. O lote hixiénico que antes dos recortes orzamentarios de 2011 facilitábase aos internos mensualmente, repártese hoxe unha vez ao trimestre. Os produtos de limpeza (lixivia e un estropallo), o papel hixiénico, o xabón, as coitelas de afeitar… son insuficientes para asearse durante tres meses. Sen diñeiro non hai posibilidade de completalo no economato e hai que pedir favores ou contraer débedas que se terán que pagar posteriormente con favores ou tabaco. A maior parte das persoas que sofren esta indixencia carceraria son africanas, non dispoñen de recursos para manter o contacto coa súa familia e saben que van cumprir a súa condena do primeiro ao último día sen permisos nin terceiros graos. Existe a posibilidade de conseguir un emprego nos talleres para conseguir unha remuneración mínima que permita soportar a situación, pero deben haber prazas dispoñibles e o traballo debe ser asignado pola Xunta de Tratamento. Moi a miúdo, unha ocupación que indigna a boa parte dos presos pola súa mísera remuneración, constitúe unha táboa de salvación para algúns.

As enquisas sobre actitudes punitivas da cidadanía parecen indicar que a estendida opinión de que a cidadanía dos países europeos reclama máis man dura debería matizarse. Parece ser que se esixe maior dureza no castigo baixo unha moi estendida situación de descoñecemento das penas que contempla o código penal. Ironicamente, baixo a premisa errónea de que os castigos son brandos parece que se esixe unha dureza inferior á que xa se dá na realidade. ¿Sucede o mesmo coas ideas preconcibidas sobre o impacto subxectivo do encarceramento? ¿De coñecer o que supón a supervivencia en prisión, fixariámosnos na piscina?

Recomendacións bibliográficas:

Focault, Michel. 1976. Vigilar Y Castigar. Nacimiento de La Prisión. Buenos Aires: Siglo XXI editores.

Garland, D. 2005. La cultura del control. Crimen y orden social en la sociedad contemporánea. Barcelona: Gedisa.

Ríos, J. y Cabrera, P. 1998. Mil voces presas. Madrid: Universidad Pontificia de Comillas.

Ríos, J. 2013. La prisión perpetua en España. Razones de su ilegitimidad ética y de su inconstitucionalidad. Donostia: Tercera Prensa. [Disponible en http://www.derechopenitenciario.com/comun/fichero.asp?id=3219]

Varona, Daniel. 2009. “¿Somos Los Españoles Punitivos?: Actitudes Punitivas Y Reforma Penal En España.” InDret 1. [Disponible en http://www.indret.com/pdf/599.pdf]

Máis recursos:

En Voizes Archive recóllense entrevistas a persoas que sufriron privación de liberdade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: