A Memoria da Fiscalía 2014 e os Delitos de Terrorismo x Daniel P. Amelang (Avogado)

Traducimos este texto do avogado Daniel P. Amelang López que recollemos do Boletín Tokata e que foi publicado previamente no blog Red Jurídica:

Os primeiros días de setembro, a Fiscal Xeral do Estado, Consuelo Madrigal, presentou a súa Memoria do 2014 a S.M. El Rey. Por que llo entregou a el antes de facelo público para toda a cidadanía é algo que se me escapa, pero ás poucas horas emendou o erro e púxoo á nosa disposición na súa web [i], polo cal lle estou moi agradecido.

Tras unha lectura superficial, concluín que o contido do documento é, na miña opinión, altamente criticable por un gran número de cuestións, como a súa xustificación da Reforma do Código Penal e a súa petición de incrementar, máis aínda, a acción penal para algúns casos. Máxime se temos en conta que a Fiscalía recolle, entre outras informacións, que en 2014 (con anterioridade á entrada en vigor do novo Código Penal, a cal tivo lugar en xullo do ano en curso), a delincuencia baixara un 6% respecto do ano anterior. E non é un dato inusual, é a tendencia xeralizada das últimas décadas. ¿Por que foi necesario, pois, un novo Código entón?

Sen dúbida todo isto é material suficiente para escribir un artigo propio (ou un libro, como fixo Julián Ríos respecto da prisión permanente [ii]), pero como xa anunciei a modo de spoiler no título deste, nestas liñas vou referirme aos delitos de terrorismo, pois considero que se incorreron nalgúns erros que conveñen matizar.

O capítulo da Memoria anual que se refire a este fenómeno comeza informándonos que “mentres as organizacións terroristas tradicionais, de natureza marcadamente local e vinculada a formulacións de segregación territorial (por exemplo, ETA ou IRA) iniciaron un irreversible proceso de extinción, o terrorismo internacional xihadista consolidouse como un problema global de dimensións especialmente graves e alarmantes, constituíndo actualmente a maior ameaza para a liberdade e a seguridade das nosas democracias”.

Acto seguido, o texto realiza un repaso das distintas correntes terroristas investigadas pola Fiscalía, entre elas o “anarquismo insurreccional”. Respecto desta, a Memoria establece que “o ano 2014 caracterizouse por unha a inexistencia de accións terroristas vinculadas ao anarquismo insurreccional”, debido ás propias limitacións do movemento (“ser desorganizado, asembleario e carente de estruturas […] de liderado, loxísticas, financeiras e armadas”) e á eficacia policial-xudicial. Isto fai “preveer que a actividade terrorista anarquista será tendente a cero no ano en curso”, segundo o informe.

Eu pregúntome, entón, como é posible que se cualifique unha determinada actividade como terrorista se non exerceu accións violentas en anos, e ademais carece de líderes, loxísticas e armas.

A resposta vén a continuación. Ao non poder achacar ao insurreccionalismo unha actividade terrorista, a Fiscalía vincúlao coa violencia exercida en manifestacións nos últimos tempos: “Ante esta imposibilidade de despregar a súa actividade terrorista, o insurreccionalismo atopa un nicho de acción entre as manifestacións e os conflitos sociais. Nun claro intento por instrumentalizalos e radicalizalos, o insurreccionalismo infíltrase nestes movementos. Como resultado, o que se pode prever como un conflito social de baixo perigo, dexenera en situacións tales como o desatado no desaloxo de «Can Vies» en maio ou os violentísimos actos do 22 de marzo, en que, por primeira vez, téntase matar a un policía. Como resultado a todos estes factores, o ano 2015 prevese como un período con actividades insurreccionais destinadas á súa recuperación orgánica e a manter a estratexia de radicalización e violencia nos conflitos sociais”.

Resulta curioso que sexan estes anarquistas quen organizaran os disturbios do 22-M, porque segundo os medios, o 22 de marzo foi a organización Resistencia Galega a que “liderou e organizou os actos de violencia nas rúas” grazas aos entre “200 e 250 radicais membros deste grupo terrorista”, segundo a SER [iii]. Pola súa banda El Confidencial asegura que para iso, “os activistas de Resistencia Galega que baixaron a Madrid, máis de 600, que provocaron os maiores incidentes o 22-M tiñan un plan de acción ben definido: camuflarse ata ter ocasión de atacar aos axentes antidisturbios. Para iso, viaxaron con bólas de aceiro e pedras -que arroxaron aos policías-, e tamén con navallas e demais armas brancas para buscar o corpo a corpo cos axentes” [iv].

Como publicou o xornal Todo por Hacer fai máis dun ano [v], “uns medios falan dun número de terroristas de 200 e outros de 600, unha diferenza nada desdeñable, ademais de estraña pois, xusto a finais de xaneiro de 2014, Europa Press publicaba que RG dispoñía de 15 membros segundo policías expertos en loita antiterrorista. É dicir, en apenas dous meses, RG incrementou os seus membros nun 4.000%, converténdose nunha das organizacións terroristas máis grandes do planeta. Ademais, dedicáronse a lanzar pedras e a utilizar navallas, o cal máis que asociarllo a Bin Laden asociámosllo a El Jaro ou a El Vaquilla”. Por non falar do sorprendente dato de baixar a Madrid con pedras desde Galicia ou que estas galegas non fosen detidas, se tantas eran e estaban todas identificadas. Quizais sexan informacións alarmistas como estas, nas que se informa que 600 terroristas camparon ás súas anchas polas rúas da capital exercendo a violencia e que, a policía, a pesar de ser coñecedora de toda esta situación, foi incapaz de impedilo, as que explican por que se aprobou a amentada reforma do Código Penal.

Alguén me podería argumentar que unha cousa é o que publique a prensa e outra a que publique a Fiscalía. E sería certo, se non fose porque ambas contan coas mesmas fontes policiais para a elaboración dos seus respectivos informes.

Recapitulando, hai un ano e medio estas fontes informaban que era RG [vi] quen organizou os incidentes do 22-M (entre 15 e 600 membros da organización, viaxando desde a súa terra con navallas e pedras provenientes do Macizo Galaico), e este ano resulta que foron as anarquistas quen o fixeron. Unhas anarquistas, recordo, que non teñen líderes, financiamento, armas, nin comenten actos de violencia, pero son terroristas.

A atribución, tan a treo, dunha actividade terrorista a un grupo de persoas é unha actividade sumamente perigosa. Non esquezamos que estes delitos son, de acordo co noso ordenamento xurídico, algúns dos máis graves que se poden cometer. En resposta a este fenómeno, a lexislación española nesta materia caracterízase pola dureza das súas penas (ata 40 anos de prisión ou prisión permanente revisable polos máis graves) e a súa excepcionalidade procesual (pódese decretar a detención incomunicada, por exemplo). ¿Como pretendemos ponderar na súa xusta medida unha actividade delituosa e a necesidade de reformar as leis penais con semellante calidade informativa?

[i] A Memoria pódese descargar aquí

[ii] Véxase Julián Ríos, La Prisión Perpetua en España: razones de su ilegitimidad ética y de su inconstitucionalidad, 2013

[iii] Véxase “Segundo a Policía unha escisión de Resistencia Galega organizou a violencia nas rúas”, publicado na Ser o 25 de marzo de 2014. Esta noticia, baseada en informacións policiais, foi publicada mentres o Tribunal Supremo deliberaba se Resistencia Galega podíase considerar, ou non, unha organización terrorista. Finalmente, en abril de 2014, emitiu unha sentenza na que estimou que si se trataba dunha organización terrorista

[iv] Véxase esta noticia de El Confidencial, publicada o 27 de marzo de 2014 (durante a mesma deliberación do TS), baseada en informacións policiais

[v] Véxase http://www.todoporhacer.org/ficticia-carta-al-director-de-cualquier-medio

[vi] E iso a pesar de que en outubro de 2012 deuse por desarticulada a banda, como nos informa La Vangardia

DANIEL P. AMELANG LÓPEZ (Avogado)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: