[Melilla] Comunicado asasinato de Oussama, un rapaz tutelado e Lei Mordaza
Escrebeunos unha moza galega que agora reside en Melilla e está currando con outras compas cos nenos que viven na rúa.
Ela dinos que os rapaces ténhense que buscar a vida xa que o centro de menores onde os meten trátanos fatal, aplicando violencia en diversos ámbitos da súa vida, en todos. Así que, algúns deciden vivir na rúa e saltar aos barcos que van á península e para iso tenhen que arriscar a súa vida, cada vez a policía ponlles máis complicacións e para lograr saltar aos barcos tenhen que descender por un faro a través dun cable que está nun cantil.
O pasado 27 de maio do 2015 faleceu Oussama, un dos nenos tutelados pola cidade autónoma a cal é responsábel deste asasinato: Dois días despois deste suceso, xuntaran aos nenos para facerlle unha homenaxe a Oussama e poder despedilo, e denuncia que por iso puxéronlles unha multa de 1.500€.
Aos nenos toda a poboación criminalízaos e ademais son perseguidos pola policia e o mesmo pasa coas persoas que se achegan a eles. Levando 45 minutos a Lei Mordaza en vigor, ameazáronnos con multarnos a próxima vez que nos mirasen na rúa cos rapaces.
Desta situación escribiron o seguinte Comunicado contra a represión que están recibindo e di que lles gustaría que o publicásemos para dar a conhecer a situación que viven alá.
Nós acedemos de bo grado e colamos o seu Comunicado (que xa nos remitiron traducido):
Ao redor de 60 nenos habitan nas rúas de Melilla esperando alcanzar o barco que os leve a Europa, onde cren que lles espera un futuro mellor.
Os Menores Estranxeiros Non Acompañados (MENA) son sometidos cada día a distintos tipos de violencia que vulneran os seus dereitos, atentan contra a súa dignidade e danan con terríbeis consecuencias a súa “infancia”.
1. VIOLENCIA INSTITUCIONAL: referente á tutela da Cidade Autónoma de Melilla e a súa Conselleira de Benestar Social, María Antonia Garbín que se ocupan do peche dos nenos no centro de menores “Fuerte Purísima” onde existe maltrato, ameazas e torturas por parte dos que din ser educadores, carencias materiais e alimentarias, falta de información, falta de asistencia sanitaria e falta de escolarización.
2. VIOLENCIA DOCUMENTAL: os nenos son enganados entre trámites burocráticos e baleiros legais onde a mesma Consellaría de Benestar Social bloquea calquera trámite e imposibilita que os nenos se documenten pasados os 9 meses correspondentes.
3. VIOLENCIA POLICIAL: esta violencia é máis asumida que denunciada, chegando a normalizar esta situación por parte de quen debería ser responsábel da súa seguridade: malleiras, humillacións, ameazas e devolucións a Marrocos son algúns dos obstáculos aos que se enfrontan os nenos da rúa cada día.
4. VIOLENCIA ENTRE IGUAIS: auténticas batallas campais cos nenos dos barrios de Melilla (Cañada, Rastro e Monte María Cristina) que loitan por obter un nivel superior na escala xerárquica e conservar o seu estatus social reafirmando día a día a súa identidade.
5. VIOLENCIA SOCIAL: onde aparece a opresión, o autoritarismo e a discriminación. Este tipo de violencia acompaña as interaccións diarias dunha forma invisíbel, ocasionando un gran impacto social e mediático e tendo graves consecuencias para a vida en comunidade.
De toda a información exposta pódese afirmar dúas cousas:
• O abandono institucional e a incapacidade das políticas sociais actuais en dar resposta ás necesidades dos nenos da rúa.
• A impunidade coa que actúan as Forzas de Seguridade do Estado e as Institucións da Cidade Autónoma de Melilla ao vulnerar os dereitos dos nenos sen que teñan que dar contas a ninguén.
A punta do Iceberg desta violencia e deste abandono institucional fíxose evidente na súa faceta máis salvaxe o pasado 27 de Maio tras saber da morte de Oussama ao precipitarse polo acantilado do faro onde, días antes ás eleccións, as políticas da Cidade Autónoma de Melilla decidiran instalar varandas que dificultan (non impiden) o acceso ao acantilado –lugar polo que descenden para conseguir saltar ao barco, xa que os outros accesos, que son algo menos perigosos pecháronllos ao pór presenza policial 24h ao día- .
Por este motivo, a ONG Pro Derechos da Infancia (PRODEIN) decidiu sumarse á dor e acompañamento dos nenos da rúa coa realización de dúas pancartas que servirían de homenaxe e de despedida a Oussama. No transcurso da tarde, a actividade foi interrompida varias veces polas Forzas de Seguridade do Estado, que finalmente terminaron abandonando o lugar.
Para a nosa sorpresa, o 26 de Xuño recibimos unha carta da Delegación do Goberno na que se nos esixe pagar unha multa de 1500€ por alteración da orde pública.
Por se isto non fose pouco, o 1 de Xullo ás 00.45 da madrugada, cando nos atopábamos con algúns dos nenos na praza, apareceron varias patrullas de Gardas Civís con intención de levalos ao centro de menores, ameazándoos con malleiras se permanecían na rúa.
Outro axente da Garda Civil, dirixiuse a nós e informounos de que coa entrada en vigor da “Ley Mordaza” pódennos acusar de reunión subversiva e alteración da orde pública posto que é o propio Garda Civil quen considera baixo o seu xuízo de valor a perturbación grave da seguridade cidadá.
Non imos obedecer as lei que castigan a pobreza, a solidariedade e a protesta.
¡Contra a gran represión imposta por parte de todas as institucións do Estado!
Deixar unha resposta