A febre do ouro (1). Destrución da terra no Estado español

terra fetidaNa nosa teima por denunciar toda explotación da terra por intereses económicos, como consecuencia da voráxine desenvolvista, colamos (traducida) esta reflexión das compas do Todo por Hacer que, como sempre, fan unha estupenda laboura informativa:

Nos últimos anos iniciáronse unha gran cantidade de proxectos de extracción de ouro en todo o planeta. A crise económica, que fai que o ouro sirva como un valor refuxio para os/as especuladores/as que ante a inestabilidade xeral buscan investir nun produto que non baixará de prezo, e a puxanza das clases altas en países emerxentes como India e China, aumentan a demanda deste mineral e con iso o seu prezo no mercado e o número de explotacións para obtelo.

Neste artigo imos tratar de mostrar unha imaxe da minaría do ouro no Estado español, poñendo énfase nas consecuencias económicas, sociais e ecolóxicas que esta actividade leva consigo, así como en distintas mobilizacións que con maior ou menor éxito, buscan paralizar a destrución das súas terras provocada pola cobiza das empresas multinacionais coa colaboración dos gobernos locais.

No próximo número da publicación, trataremos sobre os procesos de resistencia que se están a producir noutras rexións, como a desenvolvida en Grecia contra a mina de ouro de Calcídica e en Perú e Nicaragua contra as minas de Tía María e de La Puya.

Consecuencias da minaría de ouro a ceo aberto

O aumento do prezo do ouro provocou a extensión das minas a ceo aberto dado que fai rendibles as operacións en terreos onde a presenza do mineral é inferior á das minas tradicionais en galería. Hai un par de anos, no noso artigo “Montañas de usar e tirar: a febre da minaría a ceo aberto”, explicabamos as consecuencias destrutoras deste tipo de explotacións, que é mesmo máis daniña cando o mineral extraido é o ouro.

Ás graves consecuencias propias de calquera mina a ceo aberto, arrasando o terreo afectado, eliminando toda a súa vexetación e calquera outro rastro de vida, realizando un inmenso cráter de centos de metros de profundidade e quilómetros de diámetro, xerando miles de toneladas de material de refugallo e desviando cursos de auga, hai que sumalo os específicos das minas de ouro.

Como diciamos, o alto prezo do ouro fai proveitoso a súa extracción mesmo cando a presenza do mineral é mínima. Por iso, créanse enormes buratos dos que se extraen grandes cantidades de terra que tras ser triturada se trata para obter o produto final. Aquí empeza o proceso de lixiviación, ou cianurización do ouro, consistente en engadir auga con cianuro en xigantes depósitos do material extraido para que o mineral se disolva e escorra cara ao fondo, onde é recuperado. As toneladas de refugallos son descontaminadas e acumuladas en entulleiras. Neste proceso acentúanse as posibilidades de contaminación do chan e augas con metais pesados (ademais de cianuro, utilízase cinc e chumbo) e do aire con vapores dos elementos químicos utilizados.

belmonte1-300x225 Esta técnica utilízase no noso país, e como sinala Beatriz González, de Ecoloxistas en Acción e participante no libro El oro de Salave que salientamos máis abaixo, nunha entrevista realizada polo xornal Diagonal, “é unha verdadeira aberración. O cianuro é un elemento moi contaminante prohibido en moitos países. Todos os residuos cianurados na mina de ouro quedan acumulados nas balsas que permanecen no territorio para toda a vida. Paréceme unha trangallada que alguén poida defender a cianuración cando en países da Unión Europea está prohibida. Hai mesmo unha resolución do Parlamento Europeo do 5 de maio de 2010 para a prohibición do uso de cianuro nas minas, na que se alerta dos impactos catastróficos e irreversibles que ten este composto. O cianuro é un veleno que ten efectos tanto para a saúde humana coma para os ecosistemas”. A activista fai mención á resolución do Parlamento Europeo sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea que recomenda o fin desta práctica na minaría dado que se comprobou que “é unha substancia química altamente tóxica utilizada na minaría do ouro” sendo “un dos principais contaminantes e que pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio e, por ende, na diversidade biolóxica”. Recomendamos a súa lectura, dado que realiza unha breve e demoledora análise, pouco frecuente nunha institución europea, sobre os graves efectos desta técnica e dos escasos beneficios económicos e sociais das minas de ouro a ceo aberto.

Esta resolución, que só ten efectos de recomendación á Comisión Europea, valora os efectos nocivos desta técnica e recorda que nos últimos 25 anos se produciron máis de 30 accidentes graves de verteduras de cianuro, poñendo como exemplo o grave suceso producido en 2010 na mina de ouro Baia Mare en Romanía onde a vertedura de hai 10 anos de 100.000 m³ de barro e augas residuais afectou aos ríos deste país e de Hungría e Iugoslavia, chegando ata ao Mar Negro. Unha onda tóxica proveniente da rotura dunha balsa de auga cianurada provocou outra onda tóxica que aniquilou a flora e fauna en corenta quilómetros do curso do río Tisza continuando coa morte de aves e peixes ata a 2.000 quilómetros da vertedura.

Ademais dos riscos do uso do cianuro, Beatriz González denuncia que coa extracción do ouro se libera arsénico ao medio, mineral que “adoita estar na mesma rocha que o ouro. É tamén moi contaminante e coa extracción do metal precioso libérase ao medio. E non só o arsénico, tamén o cadmio, o níquel, ou o cobalto, que en condicións naturais están baixo terra, pero cando se abre o oco para a creación da mina se mobilizan e pasan a formar parte das augas superficiais e subterráneas”.

“O que queda despois da minaría de ouro son unhas balsas de lamas que se establecen alí para o resto da vida. En Asturias temos un caso na mina de Boinás, en Belmonte de Miranda, cunha balsa xa clausurada e están a construír xa outra. Xa ten habido varios expedientes sancionadores por vertidos ao río, pero compénsalles pagar a multa e seguir extraendo”, expón en referencia a unha sanción de 84.000 euros por verter augas contaminadas por metais pesados como o selenio, cianuro, arsénico, mercurio, fluoruros, cinc, níquel e cobre, tras a apertura de dous expedientes anteriores.

Proxectos mineiros no Estado español

Un dos proxectos mineiros máis destrutivos, que adiantabamos no noso artigo acerca da minaría a ceo aberto de xullo de 2013, é o da mina de Salave. Este proxecto desenvolvido pola multinacional canadense Asturgold no Val de Casariego, pequena vila costeira do oeste de Asturias, paralizouse grazas á oposición de gran parte da poboación, que vía como o seu modo de vida baseado na gandaría, agricultura, pesca e turismo, ía verse destruído. Aínda que, polas peculiaridades do terreo e polas protestas previas, non estabamos ante unha mina a ceo aberto, o desastre ecolóxico que se podería producir levou á emisión dunha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable, polo que o Principado de Asturias, quen nun primeiro momento defendía o proxecto, deu marcha atrás freándoo.

mina_oro_de_salave_asturiasep_0905-300x171 Pero sen deixar tempo para as celebracións, o Principado xa autorizou novos proxectos de minaría: en Tineo e Valdés, localidades do oeste de Asturias, outorgáronse autorizacións para investigar a existencia de ouro, prata e cobre co fin de estudar a súa explotación.

En efecto, non son só de ouro os proxectos mineiros que se están a aprobar. Outro proxecto aprobado recentemente que tamén conta coa oposición dos habitantes da zona afectada, é a macromina de Borobia, pequena vila soriana aos pés do Moncayo, a escasos metros do inicio do Parque Natural do mesmo nome. Trátase dunha mina de 450 hectáreas da que se prevé extraer magnesita, e que se encontra no nacemento do río Manubles e de varios mananciais de auga, polo que este debería secarse e modificar a súa canle. Esta explotación xa se intentou levar a cabo no ano 2000, pero paralizouse tras un referendo no que o 97% da poboación rexeitou os traballos mineiros. Agora, coa reanudación do proxecto, volveron as protestas, pero tamén as presións, ataques e ameazas a quen se opoñen á destrución das súas terras; membros dunha lista electoral contraria á mina recibiron pintadas nas súas casas, chamadas intimidatorias e a un veciño queimáronlle dúas veces o seu coche: “premen e utilizan sicarios, aquí igual que en Burundi ou en Arxentina”, denuncian.

En Salamanca, por outra parte, nas bisbarras de Campo Charro e Campo de Argañán, a multinacional mineira australiana Berkeley Resources pretende levar a cabo o que sería o único proxecto de extracción a ceo aberto e procesado de uranio permitido en Europa -xunto co seu correspondente depósito de residuos radiactivos de primeira categoría-, abranguendo en conxunto unha concesión de máis de 5.000 hectáreas de terreo e máis de 30.000 aciñeiras, carballos e sobreiras arrancadas. O proxecto, que está en fase de desenvolvemento, implicaría un movemento de terras superior a 200.000 m3 anuais e cen megavoaduras á semana. Ademais de empregar, ao igual que co ouro, tecnoloxías de extracción moi contaminantes e que levan consigo a utilización de millóns de litros de auga anuais (auga que remata contaminada), engádense os riscos propios deste tipo de minaría, que libera po radiactivo e produce gas radon, capaz de viaxar grandes distancias polo vento e cuxa inhalación ten graves efectos para saúde.

Para rematar, non queriamos deixar de facer mención á xa famosa mina de Aznalcóllar, na provincia de Sevilla. Dezasete anos despois do tremendo desastre ecolóxico no que se produciu a rotura dun muro de contención dunha balsa de decantación, xerando a maior vertedura tóxica da historia de España, chegábanos a noticia o mes pasado do escándalo na nova adxudicación da mina. Segundo parece, a agrupación de empresas México-Minorbis podería haber inclumplido, segundo a xuíza, “as esixencias mínimas, nin sequera, para superar a primeira fase do concurso de adxudicación”. Por se non fose pouco, a parte mexicana da agrupación, que é quen xestionaría realmente Aznalcóllar, foi a responsable en agosto de 2014 da vertedura tóxica de 40.000 metros cúbicos de sulfato de cobre mesturados con ácido sulfúrico e altas concentracións de metais pesados, no Estado de Sonora, en México. Só unha mostra máis de que, na minaría, a contaminación e os desastres ambientais son inevitables, e de que cando o beneficio económico é o único que importa, non se aprende dos erros.

[Ensaio] El oro de Salave. Minería, especulación y resistencias.

VV.AA. Editorial Cambalache. 2013. 208 páxinas

Salave A febre do ouro, que nas últimas décadas supuxo a irrupción das corporacións mineiras en boa parte de África e América Latina, chegou tamén ao Estado español, e concretamente a Asturies.

Este libro é unha contribución á loita contra o proxecto dunha mina de ouro no occidente asturiano. Alí, nas inmediacións de Valo de Casariego, hortas e gandarías ecolóxicas, escolas, pesqueiras tradicionais e o ecosistema singular das Lagoas de Silva encóntranse ameazadas. Non queremos a mina. Nin en Salave nin na aldea do lado. Nin tampouco en Galiza nin en Grecia. Nin noutro continente. Non queremos ser o patio traseiro do capitalismo nin contribuír a que outros territorios e comunidades o sexan.

[Documental] A tajo abierto.

Dirixido por Gianni Converso e producido por Gianni Converso e Daniel Santana.

A_Tajo_Abierto_ok-198x300Nos cumes de Los Andes Peruanos encóntrase Yanacocha, unha dos complexos de minaría de ouro mais grandes do mundo e o máis produtivo en América. Actualmente, este proxecto en constante estado de expansión ameaza cos recursos naturais da rexión de Cajamarca, poñendo en perigo de extinción unha forma de vida que os seus habitantes gozaron dende tempos pre-incas.

A tallo aberto é un documental de carácter xornalístico investigativo que descobre a natureza da industria do ouro e expón as ameazas que esta ofrece ás poboacións en rexións afectadas. O obxectivo do filme é expoñer a través de especialistas de todos os ámbitos, representantes gobernamentais e nativos da zona Andina, cal é o verdadeiro valor do ouro e canto estamos dispostos a pagar polos seus beneficios financeiros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: