A prensa española está tan domesticada que xa non hai nada que se pareza ao periodismo de investigación.

Recollemos (e traducimos) un anaco (sen modificar nada) do Discurso de entrega do premio Jaime Brunet (18 marzo 2015) ao xornalista Gervasio Sánchez especializado en crónicas de guerra, acto realizado na universidade pública de Navarra. (ler acá, no seu blog “Los desastres da la guerra” o discurso à ìntegra en castelán):

(…) Co seu permiso quero dedicar este premio a Juantxu Rodríguez (morto en Panamá en 1989), Jordi Pujol (morto en Saraievo en 1992), Luis Valtueña (morto en Ruanda en 1997), Miguel Gil (morto en Serra Leoa en 2000), Julio Fuentes (morto en Afganistán en 2001), José Couso e Julio Anguita Parrado (mortos en Iraq en 2003) e Ricardo Ortega (morto en Haití en 2004).

Todos eles morreron ou foron asasinados mentres exercían o periodismo con maiúsculas na delgada liña que separa a vida da morte. Todos eles embeleceron, fortaleceron e dignificaron este oficio tantas veces pisado por homes e mulleres sen escrúpulos que, dende os seus postos directivos, se dedican a defender a calquera prezo os intereses enmascarados das súas empresas xornalísticas.

É doloroso recordalos cando ves como o oficio máis belo do mundo vive a súa etapa máis confusa e escura nun estado de mercantilismo permanente que destrúe como un virus letal os principios sagrados polos que moitos quixemos ser xornalistas dende a infancia.

A prensa española está tan domesticada que xa non hai nada que se pareza ao periodismo de investigación. Decatámonos da corrupción política e do desfalco bancario con anos de atraso.

Onde estaban os xornalistas especializados cando persoas sen escrúpulos se estaban a enriquecer ou asaltaban as arcas do estado?

Eu asegúrolles que estaban e sabían, pero calaban. As entrevistas menos esixentes a empresarios, políticos, banqueiros, fixéronse neste país cando máis saneadas estaban as arcas dos medios de comunicación. Os xornalistas comezaron a autocensurarse moito antes de que políticos e banqueiros os premesen.

A crise de identidade, un estoque de morte para o noso oficio, empezou cando directivos de medios rían as grazas aos que inflaban a torta publicitaria. Moitos fuxen hoxe de tipos como Miguel Blesa como da peste, pero aí están as miles de fotografías deste personaxe que representa a corrupción institucionalizada coa flor e nata da política, o empresariado e o periodismo cando se mostraba en todo tipo de actos públicos como o vicerrei bancario de Madrid.

Vivimos unha época curiosa, extremadamente cínica na miña profesión. Xornalistas que mantiveron estreitas relacións cos poderes fácticos e que se encargaron de promover os intereses dos seus amigos políticos e económicos disfrázanse agora de paladíns da independencia.

A vida dun xornalista empeza no berce e remata cando agoniza na cama. O que vale é TODA A VIDA. Conta o que fixo cando era un responsable dun diario con intereses políticos e económicos. Conta as veces que non foi capaz de enfrontarse á maquinaria infernal e preferiu non publicar historias que colisionar con intereses alleos ao periodismo.

As biografías xornalísticas son unha secuencia de etapas e vivencias, ás veces labradas á calor de traizóns. Moléstame aquelas biografías nesgadas que só mostran a parte endulcorada.

Hai xornalistas que estiveron anos en postos claves dos medios de comunicación, calaron todo o que acontecía e mandaron temas importantes ao lixo. Cando se foron do medio (por un ere ou un despedimento improcedente) leváronse unha saborosa indemnización (aínda acontece) e, é, entón, cando empezan a baduar.

Acusan ao medio de ter censurado informacións cinco ou dez anos antes, cun atraso inaceptable, e empezan a súa etapa independente.

Cun bo belisco no peto falan doutras formas de periodismo. Foran capaces de calar cando botaron outros compañeiros no pasado, foron insolidarios cos colaboradores, sempre maltratrados economicamente salvo se pertences á espiña dorsal do medio e contas co favoritismo da empresa. E agora se poñen a dar leccións de moralidade e ética xornalísticas.

Con todos os meus respectos esta forma de actuar, máis común do que pensamos, non ten nada que ver coa independencia, a valentía ou a solidariedade.

Eu dígolles: por favor, fagan o que queiran, pero non apalpen conceptos sagrados que reforzan a integridade moral dun xornalista.

Levo toda a miña vida traballando en zonas escuras do planeta onde acontecen feitos inenarrables. Nestas últimas semanas expliquei a guerra a través das miñas imaxes a estudantes de institutos.

Teño serías dúbidas de se paga a pena facer este tipo de traballos didácticos. Pero gústame facelo e sinto que é a miña obriga.

Acompañar a menores mentres se enfrontan a violencia descarnada e nua. Contarlles que eles serían nenos soldados e elas escravas sexuais se tivesen tido a desgracia de nacer noutro contexto, noutro país, noutro continente ou noutra época.

Recordarlles que en Europa houbo guerras letais ata hai setenta anos, guerras de relixión de máis de cen anos dirixidas por fundamentalistas cristiáns, agora que só se fala de fundamentalismo islámico.

Explicarlles que non existe ningunha época histórica sen violencia e recomendarlles rebobinar a historia e retroceder séculos ou milenios sen teñen dúbidas dos que lles digo.

Dicirlles que a miña experiencia me asegura que hai moi poucos heroes nas guerras dispostos a morrer por non matar e, en cambio, a maioría prefiren matar antes que morrer.

Asegurarlles que os europeos seguimos patrocinando guerras en lugares afastados das nosas vidas, que somos os principais exportadores de armas lixeiras e que corrompemos, sen un ápice de dúbida, a calquera gobernante sexa elixido democraticamente ou reconvertido nun vulgar tirano ou ditador, se está en xogo nosos intereses mercantilistas.

Contarlles que o noso país, desprestixiado economicamente e sumido na desolación política, ocupa a sétima posición mundial na venda de armas, un inmellorable posto na champions league do comercio da morte.

Contarlles que todos os nosos presidentes, dende a morte do anterior ditador hai case 40 anos, foron multiplicando a venda de armas ata converter o noso país nunha das grandes potencias, violando sistematicamente as nosas propias leis de control de armas.

Vendendo armas a países que violan os dereitos humanos, que teñen conflitos internos ou veciñais, que usan as armas contra a súa propia poboación, que triangulan as armas e llelas venden a países inmersos en guerras civís.

Vimos como os ex presidentes Felipe González e José María Aznar triplicaron as cifras de vendas de armas que realizaron os gobernos anteriores.

Vimos como o ex presidente José Luis Rodríguez Zapatero sextuplicó as vendas entre 2004 e 2011 ao mesmo tempo que realizaba un discurso obscenamente pacifista que produce rubor polo seu nivel de cinismo e hipocrisía.

Vimos como o presidente Mariano Rajoy duplicou a venda de armas no seu período político.

Vimos como España multiplicou por dez a venda de armas entre 2004, cando vendiamos 400 millóns de euros en armas, e finais de 2013 alcanzando os 3.900 millóns de euros.(…)

(…)Direilles que en países como Bosnia, Guatemala, Colombia ou Arxentina, con guerras ou ditaduras tan sanguentas como a nosa, se avanzaron máis na busca da dignificación das vítimas que en España.

A covardía da totalidade da clase política do estado español, insisto da totalidade, por suposto cun maior grao de responsabilidade nos partidos maioritarios, impediron que se conseguise encontrar unha solución a un drama que afecta a centenares de miles de familiares dende hai décadas.

A memoria, a verdade e a xustiza permiten que un país non quede atrapado nunha espiral de confusión, cinismo e esquecemento como aconteceu no noso.

Quero acabar dicíndolles que odio as guerras e as súas consecuencias con todas as miñas forzas, que non me especialicei nelas porque senta atracción polo que acontece nas zonas máis escuras do mundo ou onde se producen as formas máis inimaxinables de exercer a violencia.

Pódolles asegurar que o momento máis duro de calquera cobertura empeza cando lle dou ao cero no ascensor da miña casa e abandono o lugar onde vivo coa miña familia en Zaragoza. Moitas veces voume de mala gana, deixando a unha muller e un fillo preocupados polo que poida acontecer.

Pero vivo o periodismo como un compromiso permanente e me sinto na obriga de acudir as veces que sexan necesarias a eses lugares horribles onde aparece o peor do ser humano cando todo se esborralla e buscar eses documentos gráficos e literarios para que ninguén poida dicir que non sabía o que estaba a pasar.

Moitas grazas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: