A ideoloxía do Progreso en Latinoamérica x Revista Argelaga
Tal como contamos na anterior entrada ao respeito do Documental “Bolivia Asfaltada”; soubemos dela grazas ao texto que con tal motivo publicaron as compas da Revista Argelaga (e que nós agora traducimos):
As palabras “progreso”, “desenvolvemento” e “modernización” no mundo capitalista, ou sexa, no mundo, son a codia ideolóxica da acumulación de capitais e o crecemento económico; configuran o discurso da clase dominante posto que elas constitúen o seu eixe vertebrador. En América Latina, mentres imperou o modelo agro-exportador neocolonialista e gobernaron as oligarquías que se beneficiaban del, tales conceptos tiveron un significado claro: o progreso era progreso dos outros, do capitalismo de fóra. O desenvolvemento mundial das forzas produtivas concretábase en subdesenvolvemento local, e a capitalización exterior, nunha descapitalización interior. Mentres dominaron os terratenentes latifundistas e a burguesía comercial, a inmensa “riqueza” da terra, é dicir, a cotización dos seus recursos no mercado mundial, equivalía á pobreza máis abxecta da maioría dos seus habitantes, proletarizados á forza e baixo a ameaza permanente da desocupación. A falta dunha clase media florecente e dunha burguesía mediana emprendedora, a industrialización foi tardía, escasa e deficiente. Entre tanto, o papel da tecnoloxía no desenvolvemento económico adquiría unha importancia crecente e a oligarquía tiña que importala trasfirindo o seu custo á masa asalariada. O sistema facía augas e somerxíase en crises sociais intensas. O paradoxo dun capitalismo imperialista inimigo dun desenvolvemento capitalista local deu lugar á formación dun nacionalismo resistente, curiosamente representado por políticos conservadores e ditadores militares que se significaron no esmagamento dun movemento obreiro independente e dunha clase media radical en horas baixas. O seu programa industrializador e desenvolvista utilizaba o Estado como axente principal, tratando de desempeñar a función histórica que non tivo a burguesía.
O Estado debía romper a “dependencia” político-económica exterior, reforzando a banca nacional e levantando barreiras proteccionistas, aínda que sen lesionar nin os intereses caciquiles sobre os que se sostiña, nin contrariar a xeoestratexia do capital estadounidense, contra a cal tiña todas as de perder. Nun pulso desigual, o imperialismo norteamericano impúxose e a vía “prusiana” autoritaria de desenvolvemento capitalista foi a que predominou durante a fase globalizadora: o Tesouro americano, a Banca Mundial e o Fondo Monetario Internacional, foron as instancias que impuxeron en Latinoamérica as políticas baseadas na estabilidade macroeconómica e o fomento do investimento exterior, polo menos ata finais dos noventa. Os exiguos capitais obtidos co Novo Axuste Estrutural, as remesas de emigrantes e a poxa das empresas estatais e municipais, foron absorbidos rapidamente pola crise económica, pero o principal froito da política de desenvolvemento desregularizador e neoliberal foi unha burocracia ávida e corrupta que acelerou a crise política. Nese contexto de crise múltiple emerxen novas forzas sociais de perfil socialpopulista que amparándose nas estruturas políticas vixentes chegarán a deter o poder político. A pesar da linguaxe esquerdista á antiga usanza, non pretenden abolir capitalismo mediante unha “revolución” socialista, senón estimular a creación de capitais dende unha óptica reindustrializadora e neoextractivista. Romper coas formas brutais da globalización, sen renunciar a ela. O Estado volve ser entón o instrumento dun despegue económico e tecnolóxico capaz de repartir beneficios e dotarse dunha ampla base social. A nova burocracia é progresista, non en sentido liberal, senón social, xa que a compoñen dirixentes dos recentes movementos sociais, vellas figuras dos antigos e tecnócratas de vangarda. Tamén é desenvolvista e o adaíl do progreso material entendido como alta capacidade de consumo de mercadorías, pois cre nas virtudes socialmente benfeitoras do desenvolvemento da economía de mercado.
É evidente que o progreso da economía é fundamental para a boa marcha dunha sociedade sometida ás leis do mercado mundial, e este parece depender ante todo da explotación de recursos mineiros, madeireiros, hídricos, agrícolas e petroleiros. Parece que non haxa máis alternativa que, ou a desintegración das vellas estruturas sociais ligadas a formas obsoletas de capitalismo, ou a destrución do territorio e a desintegración das comunidades sobreviventes. A nova clase dirixente intenta estabilizar a sociedade de clases mediante a imposición un modelo extractivo baseado na explotación do patrimonio natural como motor principal de crecemento. Usa a vella táctica reformista dos socialdemócratas do “benestar” por etapas, á vez que reproduce pois o vello modelo exportador, o único que lle permite proletarizar sen dramas os sectores da poboación sobre todo campesiña que permanecían á marxe do mercado, feito que lles facía merecer a categoría de “pobres. ” Segundo os canons progresistas, o “benestar” popular consiste na posesión de obxectos fetiche como automóbiles, electrodomésticos, ordenadores e teléfonos portátiles, no uso de pesticidas e cartillas bancarias, ou na compra online e en grandes superficies, exactamente o tipo de miseria caracterizada pola abundancia de mercadoría inútil que prolifera nos países enteiramente capitalizados. O Progreso, bandeira da nova clase, á fin e ao cabo non é máis que a industrialización do territorio e a monetarización de toda a actividade social. Así pois, os modos de vida tradicionais, agrarios, colectivistas, han de sucumbir ante o modo de vida moderno, consumista, individualista e depredador, para que o actual equilibrio de clases se manteña e a burocracia extractivista se consolide.
En América Latina, os Estados son agora a peza clave da globalización, de cuxas infraestruturas se encargan os seus gobernos. As estradas, as represas, as urbanizacións e as centrais eléctricas preparan e acondicionan o territorio para a penetración da economía: encárganse de “vertebrar e articular o país”, é dicir, facilitan a transformación do territorio en capital. O devandito proceso é indiferente ás necesidades reais da poboación e aos impactos ambientais, pois persegue obxectivos meramente capitalistas. E precisamente as comunidades indíxenas, non contaminadas polo Progreso, érguense como baluarte contra a barbarie desenvolvista, pagando o prezo da criminalización da súa protesta, dos vexamens policiais e do suborno dos seus representantes. A defensa do territorio non é simplemente unha resistencia á expropiación dos seus recursos; é unha defensa da identidade, da cultura e do patrimonio ancestral. Dun xeito de vivir que, lonxe de ser ideal, é moito máis libre e saudable que a establecida pola mundialización das finanzas. Por iso convértese en faro das masas urbanas colonizadas, atrapadas en modos de vida neuróticos, contaminantes e despersonalizados, reprimidos, infelices e extremadamente dependentes. A idea de Progreso cobra nas periferias metropolitanas, nas conurbacións parasitas, un sentido tanto ou máis macabro que nos proxectos faraónicos insensatos con que a nova casta progresista castiga ao territorio e aos seus habitantes. As loitas non se deteñen en regatear servizos, reclamar máis créditos ou esixir máis postos de traballo, reivindicacións que limitan e traban aos movementos urbanos. Son loitas antiestatais e anticapitalistas, polo dereito a ignorar o Estado-Capital e vivir á marxe del. Precisamente o que na época da súa fusión completa co Capital ningún Estado pode tolerar. Esixen xustiza, pero da clase que ningún tribunal mercenario pode impartir.
Revista Argelaga, 13 de marzo de 2015,
con motivo da estrea do documental “Asfaltar Bolivia”, de Marc Gavaldà.
Marzo 17, 2015 ás 3:00 pm
[…] La ideología del Progreso en Latinoamérica [GAL] […]